Posts Tagged ‘zombies’

Localización no mapa

E sigo a voltas co Matheson e o seu libro I’m Legend. Adoita acontecer que as historias de ciencia ficción acontecen nos Estados Unidos, isto non é unha regra, mais ben unha tendencia. Moito ten que ver coa procedencia dos autores, xa que un número importante dos clásicos (e dos non tan clásicos) son norteamericanos. Incluso aquelas historias que teñen lugar no espazo, son protagonizadas por estadounidenses ou no seu defecto, por xentes do mundo ao servizo dos EE.UU.

No caso concreto desta novela, un home fica só no mundo, entendendo o mundo como os EE.UU. que é unha visión un tanto simplista pero para o caso é mellor. Mellor que os zombies ataquen California e non Galiza.

Imaxinade a historia aquí. Un virus mutado polos científicos galegos infecta a toda a poboación convertíndoa nunha sorte de criaturas non-mortas que atacan polas noitos infectando ao resto da xente agás a un científico que é inmune grazas a unha configuración especial do seu sangue.

Problemas: Non sei se resultaría verosímil unha investigación deste tipo, pero poderiamola localizar no CHUS, onde científicos sen escrúpulos empregaban o sangue doado polos confiados alumnos universitarios para facer experimentos con el buscando… non sei, por exemplo unha resistencia mellor ao frío e a humidade do inverno. Por poñer algo axeitado ao medio. Unha vez resolto isto, temos outro problema. Que faría un galego só no mundo? Loitaría pola supervivencia da especie, intentaría achar unha cura, refundaría o pais, ou aproveitaría para mover un pouco os marcos? Outro problema de ter zombies no pais é que nunca mudaría a presidencia da Xunta.

Está claro que a tradición fai moito nestes casos, sería interesante tirar unha vertente zombiesca das historias de lobos e meigas e ver en que quedaría a cousa. Imaxinades revistas pulp galegas? Iso sería demasiado moderno, incluso cando xa deixou de selo hai décadas no resto do mundo.

Son Merenda

I’m Legeng é o título dun dos libros máis célebres de Richard Matheson, escritor e guionista norteamericano responsable d’ O incríbel home minguante entre outros clásicos. Este libro conta a historia dun científico que sobrevive á plaga dun estraño virus que converte aos humanos en seres “algo” diferentes que se alimentan do vivos.

Na novela, e na adaptación cinematográfica de 1964 dirixida por Ubaldo Ragona, trátanse coma vampiros, pero non coma os de Bran Stoker ou os da fantástica Hellsing. Son seres que vagan de noite, teñen medo ao seu reflexo, aos crucifixos, alerxia ao allo e capacidades motoras e intelixencia reducidas. Para o espectador actual, isto é máis parecido a un zombie. Pero é que todas as figuras fantásticas varían, evolúen e non teñen unha única forma definida. Pensade senón nos elfos e demais seres dos bosques. A figura do zombie probén dos ritos vudú das illas caribeñas, pero a idea que temos comunmente deles é a que nos ven do cinema, particularmente a do que poderiamos chamar o Zombie-Carpenter.

Hoxe en día, esa imaxe está desfasada na linguaxe cinematográfica, posto que a técnica e os efectos dixitais permiten presentar criaturas máis impactactes visualmente. Na actualidade o cinema de terror tende a ser máis frenético, polo que deben ser veloces, e moi perigrosos. Danny Boyle presentaba en 28 days later… a figura do infectado, que pasou a ser o novo estándar de criatura non-morta, como demostra a súa aparición en [Rec] e en I am Legend, a última versión do libro de Matheson protagonizada por Will Smith.

O filme de Ragona ten moitos aspectos atractivos, cecais por estar realizado case coma un filme mudo por momentos. A voz en off de Vincent Price vai ilustrando a súa rutina diaria, pero é perfectamente comprensible sen o off, o flashback que nos conta o comezo da plaga xa é puramente dialogado, polo qeu ao meu entender poderían ter quitado esa voz en off que estropea un pouco a conxunto da acción. A dirección non é perfecta, pero apréciase unha vontade de contar unha historia de xeito visual. É por iso precisamente polo que ven a miña queixa da narración en off. Porén esta versión ten máis mérito cinematográfico porque non cae no que Hitchcock chamaba “fotografías de xente falando”, é dicir, filmar unha historia sustentándoa no diálogo en vez de na cámara.

E é que os efectos dixitais trouxeron coma contrapartida a posibilidade de mostrar case calquera cousa na pantalla, o que levou a moitos directores mediocres a realizar filmes de grandes pretensións, mais carentes de técnica cinematográfica. Moitas veces o enxeño e o talento saen á escena cando non queda máis solución.

Filmes de Nadal

O nadal é unha época horríbel en moitos aspectos, podería enumeralos pero prefiro que cada un escolla os seus por iso da economía lingüística. É tempo de reunións, ceas, brindes, bos desexos e, sobre todo, horteradas. O nadal é ás cidades o que a moda marbellí ás persoas. Decoracións absurdas e panxoliñas por altofalantes ás once da mañá, en domingo e até as dúas!

A TV coma -case- sempre tampouco se salva. Se a programación habitual é lamentable e carente de calquera tipo de gosto, nestes días tende a superarse e empeorar. Os programas especiais adoitan rescatar vellas glorias televisivas e toneladas de caspa. E confetti. As panxoliñas, o turrón, os beléns, os papanoeles, os renos luminosos… son insignias do nadal, mais non podemos esquecer outro dos grandes clásicos: os filmes de nadal. Este ano aínda non collín ningún, pero estaban poñendo Mary Poppins hai un intre en Cuatro.

Eu xa estou farto de que dean sempre os mesmos refritos de pantasmas e Santa Clauses (?¿?). Así que vou facer unhas pequenas suxestións. Agardo que os estudios americanos tomen nota.

6 Propostas de Filmes de Nadal para o Próximo Aninovo:

Kidnapped 24: Santa Claus é secuestrado por terroristas musulmáns que ameazan con degolalo se o goberno americano non lles entrega tres cabezas nucleares e Hawaii. A nova do secuestro chega apenas 24 horas antes de noiteboa. Mentres as autoridades tentan agochar a realidade, un video difundido pola rede comeza a causar o pánico na poboación civil. Moreas de acción e frases do xeito de “Malditos! No respetan ni lo más sagrado”, “Me ponen en una situación muy delicada” ou “Es hora de repartir algunos regalos”.

Home Alone 5: Macaulay Culkin, xa adulto, volta á casa dos seus pais polo nadal para facer as paces. O costume de escapar de xunto seus pais cando neno, acabou por convertilo nun adolescente emo e posteriormente nun bohemio neoiorquino. Tras unha cea na que os vellos rancores van ficando esquencidos, todo se complica polo feito de Culkin seren en realidade un zombie que quere infectar aos seus pais. Un pouco e gore antes do pavo nunca senta mal.

Han Solo saves Christmas: Unha sidequel na que o traficante e piloto interestelar (interpretado nesta ocasión por algún actor de telecomedia) atopa indicios dunha conspiración para rematar co nadal no sistema de Hoth. Sistema no que sempre é nadal por culpa do seu clima xélido. Coa axuda de Chewbacca e Lando Calrissian (Chris Tucker pode ser unha opción) loitarán contra os malvados seres que intentan construir un sol artificial no sistema para derretir a neve e, con ela, a maxia do nadal. Todos estes acontecementos son anteriores á historia do episodio IV.
Eastern Kings: Os tres Reis Magos de Oriente intentan chegar a Belén ante a oposición das lexións romanas. Herodes sospeita que a súa viaxe pode ser unha excusa para pasar armamento e informes militares aos rebeldes cisxordanos. Pola súa banda, os cisxordanos están ao corrente e corren na procura dos tres magos. Intriga e acción nun filme bélico repleto de efectos dixitais algo deficientes. Existen numerosos rumores en internet sobre a posibilidade dunha segunda parte centrada nas accións do bando xudeu. Os extras do DVD son do mellorciño.

Silent Night, Boxing Night: A metade dos elfos de Laponia organiza un sindicato e comezan unha campaña para acadar o control da factoría de Santa Claus. Santa organiza unha velada de boxeo co fin de recadar fondos para mercar os regalos dese ano e así manter a protección das grandes potencias. Para iso reclama a axuda dunha organización criminal que pretende botar man da influencia do Pai Nadal para futuros negocios. A sátira, o humor e a violencia explícita son os principais atractivos desta claymation.

Droid of droids: Un ano despois da catástrofe nuclear que devastou a Terra por completo, uns enxeñeiros de Magnolia, Iowa (USA), constrúen un pequeno androide que os axude na tarefa de procurar alimentos e auga no ermo en que se convertiu o planeta. A nova espállase rapidamente e os sobreviventes comezan unha peregrinaxe masiva ao lugar coa esperanza de evitar a desaparición total da especie. Filme de 210 minutos de duración no que destaca unha coidada fotografía.