Posts Tagged ‘Vincent Price’

Son Merenda

I’m Legeng é o título dun dos libros máis célebres de Richard Matheson, escritor e guionista norteamericano responsable d’ O incríbel home minguante entre outros clásicos. Este libro conta a historia dun científico que sobrevive á plaga dun estraño virus que converte aos humanos en seres “algo” diferentes que se alimentan do vivos.

Na novela, e na adaptación cinematográfica de 1964 dirixida por Ubaldo Ragona, trátanse coma vampiros, pero non coma os de Bran Stoker ou os da fantástica Hellsing. Son seres que vagan de noite, teñen medo ao seu reflexo, aos crucifixos, alerxia ao allo e capacidades motoras e intelixencia reducidas. Para o espectador actual, isto é máis parecido a un zombie. Pero é que todas as figuras fantásticas varían, evolúen e non teñen unha única forma definida. Pensade senón nos elfos e demais seres dos bosques. A figura do zombie probén dos ritos vudú das illas caribeñas, pero a idea que temos comunmente deles é a que nos ven do cinema, particularmente a do que poderiamos chamar o Zombie-Carpenter.

Hoxe en día, esa imaxe está desfasada na linguaxe cinematográfica, posto que a técnica e os efectos dixitais permiten presentar criaturas máis impactactes visualmente. Na actualidade o cinema de terror tende a ser máis frenético, polo que deben ser veloces, e moi perigrosos. Danny Boyle presentaba en 28 days later… a figura do infectado, que pasou a ser o novo estándar de criatura non-morta, como demostra a súa aparición en [Rec] e en I am Legend, a última versión do libro de Matheson protagonizada por Will Smith.

O filme de Ragona ten moitos aspectos atractivos, cecais por estar realizado case coma un filme mudo por momentos. A voz en off de Vincent Price vai ilustrando a súa rutina diaria, pero é perfectamente comprensible sen o off, o flashback que nos conta o comezo da plaga xa é puramente dialogado, polo qeu ao meu entender poderían ter quitado esa voz en off que estropea un pouco a conxunto da acción. A dirección non é perfecta, pero apréciase unha vontade de contar unha historia de xeito visual. É por iso precisamente polo que ven a miña queixa da narración en off. Porén esta versión ten máis mérito cinematográfico porque non cae no que Hitchcock chamaba “fotografías de xente falando”, é dicir, filmar unha historia sustentándoa no diálogo en vez de na cámara.

E é que os efectos dixitais trouxeron coma contrapartida a posibilidade de mostrar case calquera cousa na pantalla, o que levou a moitos directores mediocres a realizar filmes de grandes pretensións, mais carentes de técnica cinematográfica. Moitas veces o enxeño e o talento saen á escena cando non queda máis solución.

Aniversario Poe

Hoxe cúmprense douscentos anos do nacemento do xenial Edgar Allan Poe. Que dicir deste autor, referente do misterio, o xénero detectivesco e incluso a ciencia ficción. O seu influxo (non só) na literatura universal foi tan grande que non fai falla case nen dicilo. Unha das referencias que me ven á cabeza é a dese capítulo da noite de bruxas de The Simpsons no que Lisa lle recita O Corvo a Bart. Coma non atopei un video bo dese capítulo, poño este outro, que é no que se basea a versión de Matt Groening.

Un aplauso para Vincent Price donas e cabaleiros.

Este é un aniversario especial, non só polo redondo do número senón porque tamén se coñeceu unha boa nova para todos os que afeccionados á Poe. A editorial Galaxia vai editar proximamente o primeiro tomo da súa narrativa completa. Eu levo tempo querendo facerme cunha, tiña en mente outra, pero agora vou agardar pola edición galega. A tradución é de Eva Almazán, que xa me achegou ao galego a Auster. Será certo que en galego é todo mellor?