Posts Tagged ‘Second Life’

Snow Crash

Dise que Neal Stephenson plantexou a través desta novela unha transformación do xénero cyberpunk, non tanto no contido coma na forma. É certo que o humor (a personaxe central chámase Hiro Protagonist) e as súas teimas persoais (o skate, a música…), mestúranse con elementos propios do xénero coma a vertente escura e perigrosa da tecnoloxía, a destrución da sociedade tal e como a coñecemos, as drogas, etc. O autor está moi influído polo cinema e a literatura inmediatamente anterior, o que se advirte nun uso masivo de estereotipos paródicos: a mafia, os repartidores, os piratas… Renóvase en parte a estética mais a esencia está aí. Eu inevitábelmente asociba a Raven coa personaxe de Kurt Russell en Escape from New York.

O resultado é unha novela moi entretida que as veces semella un xogo de rol, outras unha novela de misterios e historia, outras un foro de internet… Destaca a achega que fai ás civilizacións antigas, ás linguas e cultos primeiros que levan, nese mundo frenético e dominado pola tecnoloxías da información, as chaves para a súa destrución. Os mitos sumerios e hebreos obteñen unha significación nova a través da linguaxe informática. Os virus e os conxuros acaban sendo un só.

Un dos puntos máis interesantes do libro é o concepto de metaverso. O metverso é moi similar ao internet coa diferenza de que navegamos por el en 3D mediante unha representación holográfica da nosa persoa denominada avatar. Hoxe en día non reulta especialmente rechamante, pero estamos a falar dun libro de 1992. O metaverso é en certo modo o que sería o Second Life, pero un nivel máis arriba.

A mágoa é que o libro vai perdendo forza. O desenlace da trama non está ao nivel do resto da narración e un queda cun sabor agre, do que puido ser e non foi.

Bonecas rusas

Nesta viaxe polo ciberespazo que comecei hai pouco, atopei unha cousa ben curiosa, un mundo dentro de outro mundo. Chámase Second Life e é un auténtico mundo paralelo. O usuario ten que crear unha personaxe á que lle pode ir modificando a aparencia. Unha vez que esteas dentro dese mundo virtual, que á súa vez está dentro deste outro mundo virtual que é o ciberespazo, podes levar a vida que ti elixas. Podes traballar no que queiras, hai quen dirixe un casino, quen traballa nel, quen fabrica cousas, etc. A elección é túa. Existe unha moeda propia pero ten equivalencia co dólar americano, polo que serve para facer negocio. Podes mercar cousas ou deseñalas, podes vender o teu cibercorpo a outros usuarios, traballar para eles ou mesmo pedir esmola.

A capacidade de interacción é enorme e funciona como unha mestura de todo, fúndese o chat (na súa versión máis típica), co deseño gráfico 3D, mediante o cal podes crear toda sorte de obxectos que podes intercambiar logo por outros e mesmo por linden dollars (a moeda oficial de Second Life) e co entretemento dos videoxogos. Cabe a posibilidade de participar sen gastar cartos, pero hai un grande negocio por detrás. O mundo Second Life é un arquipélago enorme que non deixa de medrar e existe a posibilidade de mercar terreos (iso non cambia en ningún mundo) á empresa xestora por grandes sumas. Xa hai empresas que pagan por se anunciar e a banda inglesa Duran Duran ofreceu unha xira virtual.

A parte máis interesante do asunto é que non só é un mundo virtual dentro de outro, xa que dentro de Second Life hai máis mundos. Existe un grande salón adicado ás proxección audiovisuais, nas que os usuarios mostran o seu traballo ou o de outros, un parque de atraccións onde podes montar nas máis tradicionais como pode ser a noria ou noutras moito máis orixinais e se cadra, inviables neutros mundos, tamén hai un campus virtual no que se imparten aulas de diferentes materias e conferencias de todo tipo.

Como vedes, si que existen mundos paralelos, o problema é que teñen o mal costume de preservar os vicios e defectos dos outros que xa coñeciamos.