Posts Tagged ‘Philip K. Dick’

Rematando a colección?

Hai unha semana, saía eu todo contento dunha libraría compostelana coa derradeira entrega dos contos completos de Philip K. Dick baixo o brazo, bueno, mellor dito dentro dunha bolsa de plástico ben fea. Este volume contén unha selección de contos publicados dende finais dos 60 até a súa morte.
A narrativa breve do americano era difícil de atopar en español (en galego é aínda máis complexo) e dende hai un par de anos, a editora Minotauro estaba sacando as traducións dos cinco volumes compilatorios editados en inglés. Eu desfrutei moitísimo con estas pequenas pezas, algunhas delas son verdadeiras xoias do xénero, ademais de poder comprobar como o estilo e temas de Dick foron evoluíndo.

Se no volume IV puiden comprobar como Minority Report non aproveitaba todas as posibilidades que a narración orixinal ofrecía, neste derradeiro volume quería quitar a dúbida de que grao de semellanza ten We can remember it for you wholesale, coa adaptación de Paul Verhoeven en Total Recall. Si, eu seguramente opino o mesmo que ti dese filme.

Pois ben, vou quedar coas ganas. O relato non aparece. Resulta que a editora (que por outra banda fai unhas edicións moi coidadas), esquenceu incluír o dito relato xa que na versión inglesa da compilación mudárono para o volume II na edición máis recente (a partir da cal fixeron a tradución). O caso é que lles pasou por alto e agora van amañar o erro incluíndoo na nova edición do volume II, volume que tanto eu coma outros moitos xa merquei.

Imaxinade a cara de pampo que me quedou. Nin sequera vano editar en solitario, ou con outras narracións inéditas en español. Eu, iluso, pensei que ao mellor colgaban unha versión dixital na web. Como dixo unha profesora que tiven na facultade: “Igual no mundo marabilloso que queredes construír”. Pois iso.

Digo eu, sería lexítimo ir co meu exemplar do volume II e intercambialo pola nova edición que inclúa o conto?

Para ir comezando ben o ano

Seguro que calquera persoa que pasara por este blog, deuse de conta de que unha das grandes debilidades do pastor é un filme marabilloso chamado Blade Runner. Posto que xa falei do filme, da historia na que está inspirada, de K. Dick (penso que moito incluso), etc. Hoxe, e para comezar ben o ano, deixo aqui unha parodia/homenaxe da man de Quique San Francisco, e o equipo de La crisis carnívora.
Éste é un corte promocional do filme, que se estreou no pasado festival de Sitges e que ten un plantel incrible, coas voces do propio San Francisco, Joaquin Reyes, Jose Coronado, Alex Angulo, Pablo Carbonell… E a participación de Nikodemo animation, creadores de Cálico Electrónico.
Como curiosidade, dicir que está realizado na súa totalidade en Flash.
Agardo que a desfrutedes. Tedes máis cortes na web do filme.

Os meus favoritos: Philip K. Dick

Xa teño falado del neste espazo (libre e sen canon), pero sobre todo de aspectos da súa vida e obra. Obra moi coñecida aínda que sexa pola adaptación ao cinema. Aínda que no caso de Blade Runner non é moi fiel ao libro, si que capta o espírito do mundo de Dick.
É precisamente ese mundo o que máis aprezo na súa obra. Ao contrario que outros autores da ciencia ficción de mediados do século pasado, non se afastaba da terra nin da súa realidade. É certo que si ten relatos e novelas situadas no espazo exterior e mesmo nas naves intergaláticas, pero o celme das súas historias está sempre situado nos EE.UU. da posguerra. Antibelicismo, paranoia conspiratoria, falta de liberdade, militarismo, desolación… De feito algún dos seus relatos sitúase no fin dos 40 nunha norteamérica preocupada pola ameaza nuclear e sen futuro máis alá da tiranía do goberno conspirador e manipulador. The man in the high castle sitúanos nun mundo no que alemáns e xaponeses gañaron a guerra e repartiron entre si Europa e os EE.UU. Esta temática terrestre foi o xermolo do Cyberpunk desenvolto anos máis tarde por xente coma William Gibson ou Bruce Sterling.
As grandes teimas de Dick sempre foron a falta de libertade, o descoñecemento da realidade, a morte, a manipulación e as drogas. Son estes temas recorrentes na súa obra e fan un todo, pois cada un deles lévanos ao seguinte.

Todas estas cousas crean na man do xenial escritor unhas historias orixinais, magnéticas e únicas que fixeron que non sexa capaz de deixar de lelas. O ano pasado, a editorial minotauro comezou a editar en castelán as antoloxías da súa narrativa breve, dividida en cinco volumes por orde cronolóxica. Aínda faltan por aparecer as dúas últimas e xa devezo por elas. Por medio destas antoloxías, fun vendo a evolución dun home que decidiu facer carreira de escritor e que nunca parou. Esa constancia deu unha obra moi prolífica, pero tamén, e hei ser sinceiro inconstante. Está claro que ten traballos moi frouxos pero son compensados con obras magníficas e perdurables no tempo.De feito ao ler agora a súa obra, poderíamos situarnos no contexto norteamericano e supoñer que a inquedanza de Dick podía pertencer a unha persoa do noso tempo.

Por todas estas cousas, foi un autor que me fascinou. O mundo de Dick sempre será un pouco o mundo do pastor. Aínda que estes mundos do pastor son máis os de Gibson, pero diso xa falarei outro día.

Mi propio modulo lunar, con casinos… y furcias

Ser unha máquina ten que ter as súas vantaxes, iso é algo que sempre pensei, si non é un pensamento habitual, mais ás veces a miña cabeza non dá para máis. Certamente non debo de ser o único. Comentábame un amigo que no antroido foran disfrazados das personaxes de Futurama e que case chegan ás mans por ser Bender. Quen non quereria ser un androide tan especial, bebedor, cleptómano, festeiro, ludópata, cínico, manipulador, etc. Pois si, ten unha forma de ser que seica atrae a todo o mundo.
Non é único o caso do grande Bender, xa hai moito tempo que o home intenta semellarse ás máquinas, polo menos naqueles aspectos característicos, como a forza, a resistencia, a potencia… e tamén non apéndices extensibles, prénsiles, etc. Xa na literatura, Marie W.Shelley ideara o primeirizo home-máquina, ainda que distaba un pouco do que asociamos agora cun cyborg, é moi posible que fóse o primeiro da historia. O cyberpunk popularizou xa na década dos oitenta do pasado século estes homes-máquina, e o cinema presentounos ao grande público sempre coma entes desumanizados, demasiado robóticos, que empregaban a forza cada vez que tiñan a ocasión.
Esa deshumanización é tema central de toda a literatura cyberpunk, aínda que xa aparecera na literatura de ciencia-ficción anterior, na obra de K.Dick é recorrente por exemplo. Toda esta estética está presente no traballo de xente como Stelarc.
Stelarc é un performancer australiano de orixes chipriotas (STELius ARCadiou) que leva dende os 70 traballando sobre estas bases do corpo modificado por medios mecánicos. Nas súas representacións, traballa con brazos mecánicos, soportes de oito patas, etc. Son tremendamente curiosas, e ademáis ten moito éxito, é raro ver unha actuación súa da que non se vendesen todas as entradas.
Este mércores día 21, actúa en Santiago de Compostela Marcel.lí Antúnez na Sala Nasa. Marcel.lí foi fundador de La fura dels baus mais abandonou o proxecto por diferenzas creativas. Seu espectáculo incorpora ademais dos elementos mecánicos os elementos virtuais, nos que o público é un factor moi importante. A interacción entre o espectador e o performer chega aquí a novos niveis. Se tedes ocasión de asistir, non o dubidedes. Se non, sempre poderedes montar a vosa “propia performance, con casinos… y furcias”.

Dick e as lendas

Como xa dixera, ía falar da vida de K.Dick e de Chandler. O feito é que facer aquí unha exposición da vida e feitos do noso Señor da Ciencia-Ficción pareceume un pouco absurdo xa que na wikipedia hai un artigo moi completo sobre a súa vida. De todos xeitos, por se non vos apetece ler otras páxinas (agradezo que non cambiedes de canal) farei un esbozo dos aspectos máis peculiares da súa existencia.
É curioso que en vida non foi coñecido, aínda que si recoñecido e aclamado polos seus contemporáneos, destacando a Stanislaw Lem (autor de Solaris, levada ao cinema en 1972 por Tarkovsky) e polos seguidores da C.F. O seu recoñecemento mundial veu tras Blade Runner (1982) de Ridley Scott, que está baseada na novela Do androids dream of electric sheep? do ano 68. O peor para el é que nin sequera foi quen de ver Blade Runner posto que faleceu antes da súa estrea.
A parte máis estraña da vida do mestre da ciencia ficción é a que ten a ver coas alucinacións que afirmaba sofrer, chegando a niveis de paranoia moi elevados. As súas visións ían dende xesuscristo e o imperio romano ata a máis alta tecnoloxía de control por láser. Chegou a afirmar que levaba unha vida dobre, sendo nunha delas Tomás, un cristián perseguido; e que a historia detivérase no s.I e o I.Romano non caera aínda. Tamén dixo estar en contacto cunha entidade de caracter divino á que se refería co nome de VALIS, que posteriormente deu título a un dos seus libros.
Tendo esto en conta, eu (e supoño que máis de un) pregúntome ata que punto é verdade todo isto. Foi certo que sofría estas alucinacións por causa das drogas ou era todo unha forma de reclamar atención cara a súa obra, afincada nun segundo plano permante. Moitas veces cítase o curioso caso no que insistiu en que seu fillo pequeno estaba a morrer e que tras numerosas probas, foille descoberta unha hernia inguinal que podería ter rematado coa vida do pequeno. O certo é que foi un adiantado ao seu tempo que non tivo en vida o recoñecemento que lle era propio.
A súa visión dos mundos futuros distaba moito das tranquilas e modernas vidas que presentaban outros autores da época, Dick adiantou varios anos o Ciberpunk que logo popularizaría William Gibson nos anos 80 e que aínda hoxe ten moita influenza en filmes coma Matrix e sobre todo no anime xaponés. Dick afondaba nas miserias humanas e na idea da autodestrucción do home. É recorrente na súa obra a época post-conflicto nuclear, isto pódese explicar polo medo real que tiña entón pola posibilidade de que isto acontecera. En vida foi contrario á guerra do Vietnam e simpatizou coa xeración Beat. É notable a influenza que tivo en posteriores autores do xénero.
Dito isto, queda claro que os grandes xenios sempre teñen un algo de misterio ao seu redor. Iso ou que son uns excéntricos ou uns tarados. Se queredes(mos) ser xenios, deberiamos ir creando as nosas propias lendas.

Dick e os clásicos

Philip K.Dick está de novo de actualidade. Non só se estreou recentemente o filme “A Scanner Darkly” baseado na novela homónima, ademáis acábase de anunciar que varias das súas obras, entre elas “Do androids sleep with electric sheep?” van ser publicadas na colección da Library of America. Nesta colección, edítanse os grandes clásicos da literatura norteamericana. A edición é do máis coidado que se pode ver, tapa dura en coiro e folla de biblia.
O editor Max Rudin comparaba a Philip K.Dick con Raymond Chandler, por facer uso de convencións de xéneros menores como a ciencia ficción ou a novela negra (concretamente das famosas revistas pulp) e convertilos en literatura de grande calidade. É unha cousa ben certa que todo xénero ten os seus maestros. Deixando á parte a catalogación de xéneros, e o desprestixio literario dalgúns, hai que dicir que das mentes de Chandler e Dick saíron algunhas das mellores historias do século XX. Non só polos libros e os filmes inspirados neles, senón pola influenza e a repercusión na cultura de masas que tiveron, quen non recorda os papeis de Bogart como Marlowe ou ao meu compadre Rick Deckard, interpretado por Harrison Ford . Estas personaxes son auténticas iconas da cultura actual, e por méritos propios. Tanto os das historias coma os propios actores, xa que ambos teñen moito peso, no caso de Harrison Ford a pesares da década execrable que leva. Ao seu favor ten ser Han Solo, Deckard, Indiana Jones… Xa lles (nos) gustaría a moitos.
Unha das cousas que teñen en común estes dous autores é a capacidade de recrear mundos que nos son axenos, uns por defecto e outros por exceso temporal, pero todos eles chegan a sernos cercanos, case propios. A intriga, ao contrario do que poida parecer, non é o elemento máis importante nestas historias. Hai moito máis que iso. A recreación de lugares (ficticios ou non) a capacidade de retrato de personaxes, a profundidade dos protagonistas e os debates internos; e o reflexo dunha socidade enferma que se destrúe a si mesma, o caos.
O detective, como vemos, non só indaga na investigación que se lle encomenda, senón que descobre para os lectores/espectadores todo un mundo de elementos moi ben conseguidos en ambos casos. Estas historias de detectives sempre foron moi populares, son case incontables os libros, filmes, series de TV, cómics, videoxogos… que tratan o asunto do detective dun ou outro xeito, son cousas que non pasan de moda, seguramente por todo isto.
Cabería dicir moitas máis cousas sobre ambos autores, posto que por facer similitudes, ambos tiveron unhas vidas bastante interesantes, seguramente voltarei a faler deles nalgún outro momento da viaxe.