Posts Tagged ‘Peckinpah’

Alphaville

Normalmente acabamos reducindo todas as nosas inclinacións a dicotomías, condensamos en pares sinxelos (e prototípicos) a maioría dos nosos gustos, afeccións… Celta ou Deportivo, cans ou gatos, OSDA ou Star Wars, o libro ou a peli, Sega ou Nintendo, Los 40 Latinos ou a TV apagada, Celtics ou Lakers, Heavy ou Moderno, Pepsi ou Cocacola, Truffaut ou Godard… Neste caso, eu fico con Truffaut.

Hai cousas de Godard que non entendo, a primeira (e principal) é que teña tantos seguidores e tanta sona. Moitos falan del coma unha das grandes influencias de Tarantino máis eu non acho que tal cousa sexa moi certa. É posíbel que Tarantino se sentise fascinado por eses aspectos diferenciais na narración da Nouvelle Vague, sobre todo acostumado como estaba ao americano e á serie B xaponesa. Está claro que pode haber puntos en común, mais semella que directores coma Sam Peckinpah deixaron moita máis pegada no de Tennessee tanto nos temas coma no visual. O tratamento da violencia que podemos ver en Godard está a anos luz da crueza de Peckinpah.

O meu gosto persoal tamén me fai recear moito do uso da cámara. Por que fai sempre planos aéreos de persecucións de coches que semellan micromachines? Adoito prometerme que nunca verei un filme máis de Jean-Luc Godard cada vez que remato un, pero xa recaín en máis dunha ocasión. Será que realmente hai algo no seu cinema que me fascina? Non o sei. A derradeira experiencia foi Alphaville.

Gustoume moito a escuridade do filme, a presenza de elementos do film noir, o misterio da trama… O argumento é moi bo, pero da a sensación de non estar aproveitado todo o seu potencial. O filme é lento e non afonda na problemática derivada da informatización da sociedade. Cae nos clixés totalitaristas e ten puntos moi febles. Por momentos semella arrincar pero acaba caendo outra vez no tedio. A voz en off gutural aporta un punto de sordidez ao resultado final. É interesante o tratamento da problemática da linguaxe, a presenza de textos de Éluard e as referencias estéticas aos filmes de espías. Como anécdota dicir que o director pensou en Roland Barthes para interpretar ao profesor Von Braun, inventor do ordenador Alpha 60 (o malo-malísimo, vamos).

Por se iso fóse pouco, agora vou ver Bande à part. Está claro que non aprendo.

Noite de Jazz

Hoxe foi un bo dia para este pastor. Unha noite especial, especial por varios motivos. Un deles foi a descoberta dun grupo que me fascinou, duas horas de actuación que me pareceron dez minutos. O grupo en cuestión chámase Third World Love, son de Israel e fan un Jazz moi animado con infinidade de matices que van dende ritmos do oriente medio até o bebop pasando polas músicas americanas. Visitade a súa páxina, podedes escoitar varios temas nela.
Foi un deses concertos que pagan a pena, teñen un directo realmente sensacional e ademais foi de balde. A semana do jazz de Lugo comezou este ano cun mal sabor de boca para min, posto que chegaba á cidade das murallas o mestre da guitarra John Scofield, pero a súa axenda non foi compatible coa miña. Por casualidades cósmicas inexplicables, este pasado martes 13 (vou comezar a ser supersticioso) coincidiron nestas terras dous grandes xenios do xénero, Ornette Coleman e Scofield, un na Coruña e o outro en Lugo. E mentras tanto, o pastor en Compostela.

Polo menos, aproveitei e pasei por Cineuropa ver A fuxida, de Peckinpah. Un grande filme dun director dos que deixan pegada, senón que lle pregunten a Tarantino. Como me dixo a Raiña Vermella, un filme pretarantiniano. Non creo que se poida definir mellor.

O xoves deixeime caer polo filme de Paul Auster. Deixoume un pouco frio, bueno iso quizais foi por mor do clima. En realidade, é un filme discreto, con momentos moi bos e outros algo absurdos e case ñoños, pero o peor é que a segunda parte do filme é prescindible. A ver se co seu próximo traballo mellora un poco os dous últimos. Tanto Viaxes no Scriptorium coma A vida interior de Martin Frost decepcionáronme bastante, igual polo moito que desfrutei cos seus libros anteriores. Na parte cinematográfica, quédome con Smoke, realizada xunto con Wayne Wang, recente gañador no festival de Donostia. Igual axudou que Auster fóse presidente do xurado.

Death Proof

Por fin fun ver a última aventura visual de Tarantino. Cada vez que vexo algo deste xenial realizador (nunca mellor dito no caso del) fico cunha mestura de abraio e ansiedade por unha nova entrega deste tolo consumidor de cinema de serie Z, música dos 70 e, en xeral, toda a cultura popular americana: dende as pelis de autocine, ao gore máis cochambroso, os muscle cars dos anos 70, as road-movies, os filmes de artes marciais, a subcultura hispana dos estados do medio oeste… Todo iso pasado pola súa mente da como resultado filmes altamente estéticos e cheos de referencias a todo aquilo que mamou dende a adolescencia e que fica coma unha especie de homenaxe a ese cinema que o marabillou e que el eleva á categoria de obra mestra.
En Death Proof, Tarantino rende homenaxe aos filmes de doble sesión dos autocines. Nos USA estreouse xunto con Planet Terror de Robert Rodriguez nunha sesión doble baixo o nome de Grindhouse, pero na distribución europea apareceron por separado, iso si, cun metraxe maior. Nesa contínua homenaxe cabe destacar o filme Punto Límite: Cero, no que Barry Newman conducía un Dodge Challenger de 1970 branco coma o que guían as mozas da segunda parte da cinta. Curiosamente o que conduce Especialista Mike é un Chevy Nova. Este coche aparece tamén en Pulp Fiction pero en cor vermella, descapotable e doutro ano. Este último que no filme era propiedade de Vincent Vega, é en realidade do propio Tarantino. Neste sentido cabe destacar a aparición de Zöe Bell, unha especialista que se interpreta a sí mesma e que foi a dobre de Uma Thurman en Kill Bill.
Temos tamén numerosos guiños do director cara ao seu propio traballo, aparecen personaxes de Kill Bill (O Sheriff e o Hijo número 1), o politono Kill Bill, e como non, as hamburguesas Big Kahuna (saen en Reservoir Dogs e Pulp Fiction).
Fiel ao seu estilo, Tarantino sumérxenos nun mundo no que os diálogos non nos desvelan partes da trama, senon que son circunstanciais, unha escusa para enredarnos en discusións absurdas sobre temas triviais cun forte contido sexual, drogas e violencia mediante. Pero o grande talento deste home fai que resulte un todo moi impresionante. Como non, tamén hai unha variedade de planos dos pés das protagonistas (non podían faltar) e un baile sensual polo medio. Tamén recolle a un actor esquecido, neste caso Kurt Russell (nun papel perfecto para el) quen traballara con John Carpenter en varios filmes. Carpenter é un dos directores favoritos de Tarantino xunto con Peckinpah.


Unha novidade importante é o debut de Tarantino como director de fotografía. Este é un apartado que destaca especialmente polo continuo xogo estético coa luz, a imaxe e a cor.
En xeral é un filme que me deixou un bo sabor de boca e fico coa incertidume de se Tarantino e o seu amigo Robert Rodríguez achegarannos unha segunda entrega de Grindhouse. Permanecerei á espera.