Posts Tagged ‘Neal Stephenson’

Snow Crash

Dise que Neal Stephenson plantexou a través desta novela unha transformación do xénero cyberpunk, non tanto no contido coma na forma. É certo que o humor (a personaxe central chámase Hiro Protagonist) e as súas teimas persoais (o skate, a música…), mestúranse con elementos propios do xénero coma a vertente escura e perigrosa da tecnoloxía, a destrución da sociedade tal e como a coñecemos, as drogas, etc. O autor está moi influído polo cinema e a literatura inmediatamente anterior, o que se advirte nun uso masivo de estereotipos paródicos: a mafia, os repartidores, os piratas… Renóvase en parte a estética mais a esencia está aí. Eu inevitábelmente asociba a Raven coa personaxe de Kurt Russell en Escape from New York.

O resultado é unha novela moi entretida que as veces semella un xogo de rol, outras unha novela de misterios e historia, outras un foro de internet… Destaca a achega que fai ás civilizacións antigas, ás linguas e cultos primeiros que levan, nese mundo frenético e dominado pola tecnoloxías da información, as chaves para a súa destrución. Os mitos sumerios e hebreos obteñen unha significación nova a través da linguaxe informática. Os virus e os conxuros acaban sendo un só.

Un dos puntos máis interesantes do libro é o concepto de metaverso. O metverso é moi similar ao internet coa diferenza de que navegamos por el en 3D mediante unha representación holográfica da nosa persoa denominada avatar. Hoxe en día non reulta especialmente rechamante, pero estamos a falar dun libro de 1992. O metaverso é en certo modo o que sería o Second Life, pero un nivel máis arriba.

A mágoa é que o libro vai perdendo forza. O desenlace da trama non está ao nivel do resto da narración e un queda cun sabor agre, do que puido ser e non foi.