Posts Tagged ‘MEMEX’

O blogomillo coma hipertexto

Lin hoxe pola mañá o post da Raíña Vermella, no que falaba da divulgación científica. Referíase ela ao blog de gustavo harvey, que lle fixera lembrar a Carl Sagan e seu programa Cosmos e a Arale que lle suxerira o idea ao falares de divulgación . Agora aquí estou eu, referíndome a eles e facendo uso dos seus posts para elaborar outro. Todo isto leva á construcción (aínda que de xeito involuntario) dun texto que podería ser único, pero que á vez é varios e diferenciados. Por medio de enlaces achamos ideas ou adquirimos coñecementos doutras persoas, puntos de vista, etc. O rizoma de Deleuze ven a representar todo isto, bifurcacións que nos levan ao mesmo sitio e a sitios diversos á vez. Todo ata o infinito se se quere xa que quen lea isto podería seguir a cadea e incluso esa cadea podería voltar ás Ovellas e así de xeito cíclico.
Todo isto non fai máis que crear un hipertexto. Xa teño falado do blogomillo como xeito de expresión e de transmisión de coñecementos, de intercambio se se prefire.
Esto non son cousas novas, no ano 60 Theodor Nelson imaxinou o Xanadu Project. cuxo nome está tomado do poema Kubla Khan de T. Coleridge. O proxecto Xanadú sería unha sorte de Biblioteca Alexandrina virtual. G.P. Landow foi o primeiro en acuñar o termo “hipertexto”, pero T. Nelson referíuno as aplicacións dos nodos/enlaces da rede informática para a literatura e o Xanadu Project sería o primeiro hipertexto neste sentido.
Xorde isto a partires do MEMEX (Memory Extension) ideado por Vanevar Bush, un axente da C.I.A. que pretendía crear un sistema capaz de asociar as ideas da xente, coa idea de que a mente das persoas funciona de xeito asociativo. Vanevar Bush publicou un primeiro artigo referido a novas tecnoloxías,
As we may think; que serviu de precedente ao MEMEX. O MEMEX foi o predecesor do World Wide Web (as famosas www) que agora coñecemos, un hipertexto primixenio. O traballo de T. Nelson e o Xanadu Project están recollidos en Literary Machines.
Visto todo isto, é doado imaxinar esta rede nosa de expresión, opinión, divulgación… coma un grande nodo, un hipertexto colaborativo de xeito indirecto e non intencionado ás veces, pero que é un exemplo máis das aplicacións culturais das novas tecnoloxías.