Posts Tagged ‘jazz’

Noite de Jazz

Hoxe foi un bo dia para este pastor. Unha noite especial, especial por varios motivos. Un deles foi a descoberta dun grupo que me fascinou, duas horas de actuación que me pareceron dez minutos. O grupo en cuestión chámase Third World Love, son de Israel e fan un Jazz moi animado con infinidade de matices que van dende ritmos do oriente medio até o bebop pasando polas músicas americanas. Visitade a súa páxina, podedes escoitar varios temas nela.
Foi un deses concertos que pagan a pena, teñen un directo realmente sensacional e ademais foi de balde. A semana do jazz de Lugo comezou este ano cun mal sabor de boca para min, posto que chegaba á cidade das murallas o mestre da guitarra John Scofield, pero a súa axenda non foi compatible coa miña. Por casualidades cósmicas inexplicables, este pasado martes 13 (vou comezar a ser supersticioso) coincidiron nestas terras dous grandes xenios do xénero, Ornette Coleman e Scofield, un na Coruña e o outro en Lugo. E mentras tanto, o pastor en Compostela.

Polo menos, aproveitei e pasei por Cineuropa ver A fuxida, de Peckinpah. Un grande filme dun director dos que deixan pegada, senón que lle pregunten a Tarantino. Como me dixo a Raiña Vermella, un filme pretarantiniano. Non creo que se poida definir mellor.

O xoves deixeime caer polo filme de Paul Auster. Deixoume un pouco frio, bueno iso quizais foi por mor do clima. En realidade, é un filme discreto, con momentos moi bos e outros algo absurdos e case ñoños, pero o peor é que a segunda parte do filme é prescindible. A ver se co seu próximo traballo mellora un poco os dous últimos. Tanto Viaxes no Scriptorium coma A vida interior de Martin Frost decepcionáronme bastante, igual polo moito que desfrutei cos seus libros anteriores. Na parte cinematográfica, quédome con Smoke, realizada xunto con Wayne Wang, recente gañador no festival de Donostia. Igual axudou que Auster fóse presidente do xurado.

Atrapado no outono

Xa ves, 25 de xullo e eu na casa. E iso que saiu o sol, debe ser que Quintana non quere queixas da organización dos fastos e ata falou co sol que seica estaba en Marina D’or. Claro, vacaciones todo el año. Xa é hora de traballar solciño, que parece outono!
Onte nin os fogos vin pola Tv. En troques quedei cos amigos para vermos unha peli que xa vira antes. Polo menos o filme era Snatch, que é dos que paga a pena voltar ver. Saquei dúas conclusións: que é a versión mellorada e con actores con caché de Lock & Stock e que Brad Pitt é máis ca unha icona sexual de raparigas (e raparigos) dende hai máis de 15 anos.
Comentábanme o divertido que debeu de ser facer a dobraxe dos xitanos da película:
“nacravanna neva. color marilloimón”. Unha das cousas máis vistosas que ten o filme é a montaxe trepidante, que acelera o ritmo para que detalles importantes para a trama, pero a niveis secundarios, non realenticen o ritmo xeral da acción.
Hoxe tamén pasan no mundo outras cousas, como que Chick Corea actúa no Jazzaldia de Donostia e eu non podo estar. Para consolo, ou envexa, alguén se lembrou de min dende alí e estará desfrutando do xenial pianista americano.
Agora estiven vendo no meu cuarto Atrapado en el tiempo (Por que demo non traducirían o título como: El día de la marmota). Lembreime dela porque levo xa dez días que semella que son o mesmo. Espero poder espertar o venres e ver que xa pasou o día e teño un fermoso día novo por diante.
Por certo, se tiverades que repetir un día unha e outra e outra vez, cal vos gustaría que fose? Non fai falla que contestedes pero pensádeo. Eu non fun capaz de elixir un. En troques, Bill Murray si, terei unha vida máis variada e emocionante ca el? Capítulo 1: Desmitificando estrelas de Hollywood.
Creo que me vou meter na cama. Ogallá mañá sexa venres, pero sospeito que non a ser así.

Máis de detectives

Estou pesado co tema, xa o sei. O caso é que da para moito. Falaba, mellor dito falabamos, estes días atrás de detectives; tanto nos comentarios coma noutros blogs. Os porqués da afección que nos suscitaban, o feito de que non pasen de moda, as iconas que perduran, en fin; os modelos básicos de linguaxe literaria e cinematográfica (sen excluír á banda deseñada por suposto) que foron creados nun momento dado coas novelas de detectives e que agora son referencia de múltiples obras. Ao falar da súa influenza, non nos podemos limitar á temática. Hai moitos aspectos que crearon escola, como o vestiario, as poses e a música. A que ven todo isto? Pois ven ao conto dunha serie anime que tiven oportunidade de ver recentemente e que me recordou constantemente a Hammett e Chandler, pero non na trama (nada a ver), senón nas descricións de personaxes e lugares. A serie en cuestión é Cowboy Bebop. Narra as aventuras duns cazadores de recompensas nun futuro próximo á estética ciberpunk (o propio termo Cowboy recorda a Gibson) pero con pequenos matices. Hai moitos elementos da novela negra americana nesta producción xaponesa: personaxes solitarias, afeccionadas ao bourbon, vestidas á moda dos anos 40; locais de jazz clandestinos, gángsters, etc.
É unha adaptación curiosa e aínda que non creo que sexa a intención principal da serie, parece unha recreación en clave futura dos ambientes Chandlerianos. Semellábame imposible desviar a mente das vellas historias ao visionar Cowboy Bebop.

Todos estes elementos reforzan se cabe máis aínda a idea da grande influenza que exerceron estas historias en toda a producción futura.