Posts Tagged ‘Final Fantasy’

A música e os videoxogos poden curar

Piano Squall é o nome artístico de Michael Gluck, un pianista norteamericano que cando era novo descubriu as composicións de Nobuo Uematsu para a saga Final Fantasy (Squall é o nome do protagonista de FFVIII) e ficou prendado. A estética que manexa é plenamente Final Fantasy, xa que loce a chupa co pescozo de borreguillo e a camiseta branca de Squall, ademais da cadea e a cicatriz da cara!

pianosquallsquall

A morte da súa avoa por mor da esclerose múltiple, fixo que comezara a involucrarse en proxectos benéficos en favor da National Multiple Sclerosis Society. Comezou a dar concertos en convencións e acabou editando un álbum do cal o 20% dos beneficios van parar a esa asociación.

O disco contén temas maxestralmente interpretados de videoxogos coma Final Fantasy, Chrono Trigger, Super Mario World, Tetris e de animes coma Cowboy Bebop, Fullmetal Alchemist ou Evangelion. Eu boteille unha escoita e creo que vou mercar o cd. O grafismo do cd recrea moi ben a estética das portadas da saga FF, tanto na tipografía coma no deseño da imaxe sobre o característico fondo branco.

cover_l

É moi de agradecer tamén que na súa páxina pendure as partituras dos temas que interpreta, xa que non son doadas de atoparpartituras de videoxogos ou animes.

Quedar coas ganas e acabar contento

Xa falei algunha vez da saga Final Fantasy, creo que lle adiquei máis horas das que quedaría axeitado dicir, así que non direi nada diso. O que si direi é que xa saíu a nova entrega, o FF XII e eu non xoguei aínda, agardo poder comezar nas vacacións de pascua. Para matar o tempo, adiqueime a volver xogar un pouco a algunhas das edicións antigas. No Nadal volvin xogar o FFVII porque é unha das miñas grandes debilidades, seguro que xa vos decastes. Pois agora tocáballe ao FFV, máis problemas co emulador fixeron imposible que xogara. Así pois, dinlle paso ao FF Tactics, outro dos preferidos. A primeira vez que xoguei, foi despois de acabar por vez primeira o FFVII, alá polo 98. Un amigo meu que ten unha capacidade fóra do común para conseguir cousas de modo inmediato (anque co XII estase pasando), deixárame este xogo que non sei por que razóns non se chegou a estrear en Europa. Foi toda unha aventura poder xogar, ao ser NTSC e a miña TV non, víase en branco e negro. Tiven que mercar un cable RGB novo que adaptaba o NTSC da PlayStation. Solucionados os problemas técnicos, comecei con el. A pesares do inconveniente de estar en inglés, o que retardou bastante o meu avance, a experiencia foi marabillosa. Era un Final Fantasy pero con pegadas dos clásicos coma o Zelda, o Secret of Mana e o Disgaea. A estética era moi chula, cos típicos bonecos cabezóns con gráficos de debuxo.
A historia é de temática medieval, con loitas entre clans pola coroa, os poderes máxicos ocultos e perigosos que desencadean acontecementos que poñen en perigo o mundo, a igrexa (aparece moi ben retratada por certo), as princesas secuestradas, os enganos, etc. O modo de xogo permitía horas case infinitas de xogo, ao principio resultaba bastante máis complicado do que poden resultar os outros Final Fantasy, pero despois tiña unha complicación máis ben escasa. Aínda así non perdía interese.
No grupo tiñas personaxes de dous tipos, as xenéricas e as especiais (que tiñan que ver coa historia e tiñas habilidades propias). Cada personaxe aprendía habilidades cambiando de “oficio” (mago, clérigo, cabaleiro, arqueiro, ladrón, ninja, samurai, alquimista, geomancer, monxe, invocador, oráculo, matemático, sacerdote,bardo, mediador), combinando as artes aprendidas tiñas personaxes máis poderosos. Un dos oficios máis difíciles de descobrir e máis interesantes era o de “mimo”. Con esta habilidade podías imitar calquera acción realizada por calquera personaxe durante o combate.

Entre as personaxes ocultas, estaba Beowulf, un misterioso guerreiro que abría a posibilidade de ir até unha illa do norte na que eliminar un dragón. Outra curiosidade do xogo era a posibilidade de obter a Cloud.
Asi que mentras non podo xogar ao FFXII seguirei co Tactics, igual descubro algo que non sabía.

Só para FFVII maníacos

Aos que desfrutáchedes (ou desfrutades) o Final Fantasy VII tanto ou máis ca min, isto seguro que vos pasou algunha vez. Coma moita xente, ás veces, cando estou distraído ou entretido con algo, sáenme de xeito espontáneo certas melodías polos beizos. Normalmente dalgún tema que escoitara recentemente ou dos que teño sempre na cabeza como “intocables”. Pois ben, o caso é que un día levaba eu un bo anaco tatarexando unha melodía con certo sabor rockeiro, de feito, ao principio coidaba que era un tema de Dream Theater, polo toque guitarreiro, mais foi unha grande sorpresa para min decatarme de que estaba errado. Era unha melodía do FFVII, das que aparecen moito ao longo do xogo (neste caso no HurryUP), e eu estaba alí, concentrado noutras cousas e poñéndome banda sonora. Se cadra foi un mecanismo innato da mente para, dalgún xeito, meterme présa e rematar dunha vez o que estaba a facer.
O feito, como cabería esperar, repetiuse varias veces máis ao longo dos días seguintes. A melodía non saía da miña testa, era como cando o verán contamina o teu bo gusto con “cancións” que te golpean a cabeza día e noite, salvando as distancias claro está. Foi ahí cando acudín na procura de axuda, meus amigos Google e Wikipedia ofrecéronme de xeito amable o seu consello e descubrín que non era o único. Resulta que hai xente que da concertos multitudinarios tocando eses temas e polo tanto, público que tatarexará os temas dos que máis goste no baño, no bus, etc. Xa non era o único. O grupo en cuestión chámase The Black Mages (aos seguidores de FF seguro que vos soa o nome), e o seu lider (o do mostacho) é Nobuo Uematsu, que é o compositor dos temas de toda a saga
Final Fantasy. É sorprendente ver o diferente que é Xapón ao resto do mundo, non me imaxino a este grupo de xira por estes lares, aínda que a experiencia podería ser positiva, polo menos para min, así xa non estaría preocupado por tatarexar melodías de videoxogos para me dar présa en facer as cousas.
O grupo en cuestión soa ben e a posta en escena é imponente, non sei que opinará o Moucho que é máis docto en temas de Rock progresivo. Dubído que achen un oco no seu canon de bandas de culto, pero o certo é que soar, soan ben.
Collín prestado de YouTube este vídeo, que aínda que non ten moi boa calidade de imaxe, permite ver o que falaba antes. O coro de Sephiroth é un puntazo.
Que o desfrutedes.