Posts Tagged ‘ficción científica’

Dick e as lendas

Como xa dixera, ía falar da vida de K.Dick e de Chandler. O feito é que facer aquí unha exposición da vida e feitos do noso Señor da Ciencia-Ficción pareceume un pouco absurdo xa que na wikipedia hai un artigo moi completo sobre a súa vida. De todos xeitos, por se non vos apetece ler otras páxinas (agradezo que non cambiedes de canal) farei un esbozo dos aspectos máis peculiares da súa existencia.
É curioso que en vida non foi coñecido, aínda que si recoñecido e aclamado polos seus contemporáneos, destacando a Stanislaw Lem (autor de Solaris, levada ao cinema en 1972 por Tarkovsky) e polos seguidores da C.F. O seu recoñecemento mundial veu tras Blade Runner (1982) de Ridley Scott, que está baseada na novela Do androids dream of electric sheep? do ano 68. O peor para el é que nin sequera foi quen de ver Blade Runner posto que faleceu antes da súa estrea.
A parte máis estraña da vida do mestre da ciencia ficción é a que ten a ver coas alucinacións que afirmaba sofrer, chegando a niveis de paranoia moi elevados. As súas visións ían dende xesuscristo e o imperio romano ata a máis alta tecnoloxía de control por láser. Chegou a afirmar que levaba unha vida dobre, sendo nunha delas Tomás, un cristián perseguido; e que a historia detivérase no s.I e o I.Romano non caera aínda. Tamén dixo estar en contacto cunha entidade de caracter divino á que se refería co nome de VALIS, que posteriormente deu título a un dos seus libros.
Tendo esto en conta, eu (e supoño que máis de un) pregúntome ata que punto é verdade todo isto. Foi certo que sofría estas alucinacións por causa das drogas ou era todo unha forma de reclamar atención cara a súa obra, afincada nun segundo plano permante. Moitas veces cítase o curioso caso no que insistiu en que seu fillo pequeno estaba a morrer e que tras numerosas probas, foille descoberta unha hernia inguinal que podería ter rematado coa vida do pequeno. O certo é que foi un adiantado ao seu tempo que non tivo en vida o recoñecemento que lle era propio.
A súa visión dos mundos futuros distaba moito das tranquilas e modernas vidas que presentaban outros autores da época, Dick adiantou varios anos o Ciberpunk que logo popularizaría William Gibson nos anos 80 e que aínda hoxe ten moita influenza en filmes coma Matrix e sobre todo no anime xaponés. Dick afondaba nas miserias humanas e na idea da autodestrucción do home. É recorrente na súa obra a época post-conflicto nuclear, isto pódese explicar polo medo real que tiña entón pola posibilidade de que isto acontecera. En vida foi contrario á guerra do Vietnam e simpatizou coa xeración Beat. É notable a influenza que tivo en posteriores autores do xénero.
Dito isto, queda claro que os grandes xenios sempre teñen un algo de misterio ao seu redor. Iso ou que son uns excéntricos ou uns tarados. Se queredes(mos) ser xenios, deberiamos ir creando as nosas propias lendas.

Dick e os clásicos

Philip K.Dick está de novo de actualidade. Non só se estreou recentemente o filme “A Scanner Darkly” baseado na novela homónima, ademáis acábase de anunciar que varias das súas obras, entre elas “Do androids sleep with electric sheep?” van ser publicadas na colección da Library of America. Nesta colección, edítanse os grandes clásicos da literatura norteamericana. A edición é do máis coidado que se pode ver, tapa dura en coiro e folla de biblia.
O editor Max Rudin comparaba a Philip K.Dick con Raymond Chandler, por facer uso de convencións de xéneros menores como a ciencia ficción ou a novela negra (concretamente das famosas revistas pulp) e convertilos en literatura de grande calidade. É unha cousa ben certa que todo xénero ten os seus maestros. Deixando á parte a catalogación de xéneros, e o desprestixio literario dalgúns, hai que dicir que das mentes de Chandler e Dick saíron algunhas das mellores historias do século XX. Non só polos libros e os filmes inspirados neles, senón pola influenza e a repercusión na cultura de masas que tiveron, quen non recorda os papeis de Bogart como Marlowe ou ao meu compadre Rick Deckard, interpretado por Harrison Ford . Estas personaxes son auténticas iconas da cultura actual, e por méritos propios. Tanto os das historias coma os propios actores, xa que ambos teñen moito peso, no caso de Harrison Ford a pesares da década execrable que leva. Ao seu favor ten ser Han Solo, Deckard, Indiana Jones… Xa lles (nos) gustaría a moitos.
Unha das cousas que teñen en común estes dous autores é a capacidade de recrear mundos que nos son axenos, uns por defecto e outros por exceso temporal, pero todos eles chegan a sernos cercanos, case propios. A intriga, ao contrario do que poida parecer, non é o elemento máis importante nestas historias. Hai moito máis que iso. A recreación de lugares (ficticios ou non) a capacidade de retrato de personaxes, a profundidade dos protagonistas e os debates internos; e o reflexo dunha socidade enferma que se destrúe a si mesma, o caos.
O detective, como vemos, non só indaga na investigación que se lle encomenda, senón que descobre para os lectores/espectadores todo un mundo de elementos moi ben conseguidos en ambos casos. Estas historias de detectives sempre foron moi populares, son case incontables os libros, filmes, series de TV, cómics, videoxogos… que tratan o asunto do detective dun ou outro xeito, son cousas que non pasan de moda, seguramente por todo isto.
Cabería dicir moitas máis cousas sobre ambos autores, posto que por facer similitudes, ambos tiveron unhas vidas bastante interesantes, seguramente voltarei a faler deles nalgún outro momento da viaxe.