Posts Tagged ‘ficción científica’

Cóctel impactante

Xuntar conspiracións, imperios galácticos, vampiros, mutantes… todo cunha estética fabulosamente steampunk ten que ter un resultado impresionante.
Ese resultado é Ironwolf. O guión é de Howard Chaykin e John Francis Moore e a parte gráfica corresponde a Mike Mignola (responsábel de Hellboy) e P. Craig Russell.

ironwolf_portada

A historia é fascinante, chea de intrigas, violencia e vinganzas. Unha estrutura moi elaborada e un coidado na estética impresionante. Os ambientes palacianos, as vestimentas, as armas, as naves feitas de madeira e cobre… O deseño das personaxes tamén resulta abraiante, vendo uns vampiros moi próximos á estética gótica e mutantes que remiten aos super-heroes da Marvel ou de DC (compañía que lanzou esta novela gráfica).
Para o meu gusto, o enrevesado da trama topa cun final un tanto abrupto que pide unha continuación, mais este semella que non vai chegar.

ironwolf-06

En calquera caso é unha lectura moi recomendábel para calquera amante do xénero ou para quen se queira iniciar, aínda que para entrar de cheo no ambiente steampunk O Pastor recomenda encarecidamente a sensacional serie anime Last Exile.

Interesante xogo narrativo

costa_norteA derradeira novela de Xurxo Borrazás, Costa Norte/ZFK, deixoume un sabor agridoce, cecais porque estaba condicionado pola mala crítica que un amigo fixera dela. Porén, foi unha lectura da cal desfrutei moito. Non é moi constante en canto á atención que esixe do lector pero sorprendeume o xeito de formular unha historia a medio camiño entre as novelas post-apocalípticas, o xornalismo de investigación e o realismo combativo. Por outra banda, non acabei de gostar da modalidade narrativa. Mais iso é cuestión de gustos…

Dous fluxos temporais fúndense para facer unha crítica á falta de respecto ecolóxico e atentados contra a natureza e os habitantes do eixo Carballo – A Coruña. A narración intercalada responde a un patrón ao que xa nos ten acostumados Borrazás, así coma a un tratamento crú da intimidade das personaxes protagonistas. O constante cambio de punto de vista narrativo e modalidade, fai máis áxil a lectura dunha historia que (a min polo menos) engancha dende as primeiras follas.

A distopía plantexada amósase moi interesante e na liña dos clásicos mundos futuros devastados, chega a crearse un clima moi similar ás grandes historias apocalíptico-nucleares dos anos cincuenta, mais as referencias topográficas e o persoal estilo de Borrazás devólvennos moi rápido á casa.

Unha historia en xeral moi entretida, moi profunda e que invita á reflexión.

O incerto futuro da humanidade

Moitas son as obras de ficción científica que se preguntan sobre o futuro da humanidade en clave catastrófica. Apocalipses, cataclismos, invasións alieníxenas, epidemias, guerras nucleares… Un dos principais temas do xénero é precisamente indagar no futuro negativo que se albisca por accións presentes.

Estes días atrás lin un libriño da mítica colección de Castrelos “O Moucho”, que publicou entre outras xoias o Catecismo do Labrego. O libriño leva por título Homes do espacio e o seu autor é Lois Fernández Marcos. Trátase dunha breve colección de relatos curtos que mesturan a ficción científica coa fantasía. Contos sobre abducións, príncipes guerreiros e futuros apocalípticos. O libro pese a non ter unha calidade literaria demasiado grande, ten o mérito de ser unha das primeiras obras do xénero en galego. Unha aposta arriscada, e máis no ano 1976.

homes-do-espacio

Porén, e retomando o tema dos cataclismos, hai un parágrafo do libro que non consigo quitarme da cabeza e que me gustaría compartir neste espazo. Pertence á historia VIET-NAN 33-35 do libo Homes do espacio.

– O mundo destruíuse lentamente. Pronto sóio quedóu unha sociedade dexenerada de drogadictos e homosesuales. E foron a maldade e o apodrecimento das almas dos homes os que perderon o mundo…

Homes do espacio. Ed. Castrelos. Vigo: 1976. Páx. 18

Hai que ter en conta que está a falar unha personaxe e que non debemos identificar autor con voz narrativa, pero a min non se me vai da cabeza.

Por certo, a imaxe está sacada de aquí. Moi interesante a lista que elaborou Miguel Valverde.

Wall·E

Levaba tempo querendo ver este filme do que escoitara falar marabillas pero que entre unhas cousas e outras non conseguía ver. teño que dicir que a impresión xeral foi moi boa.

A ambientación é fantástica, recorrendo á ficción científica máis tradicional, pero con detalles máis contemporáneos. Así, vemos un planeta ermo e devastado, con anuncios dunha vida mellor no espazo exterior -inevitabelmente lembrei o zepelín de Blade Runner-, grandes cidades baleiras e unha atmosfera de po e lixo. Hai elementos que lembran a producións máis recentes coma Minority Report ou I Robot. O simpático robot protagonista lembra un pouco a Curtocircuito, aquel que tivera o seu momento de gloria nos oitenta (Bonnie Tyler aínda me lembra esas pelis), pero máis baixiño, menos cansino e máis compacto. O labor de deseño de Wall·E está moi conseguido. Ten unha amiga moi particular, unha cascuda, que como todos e todas sabemos, poden resistir a radiación.

A historia non é demasiado orixinal pero si moi entretida. Nótase a man de Disney, que crea un estraño ser con Pixar. Mestúrase o humor e as referencias cinéfilas duns co sentimentalismo algo podre da compañía de Eisner. Sorprendeume que un robot que se acha só na terra desfrute vendo unha e outra vez Hello, Dolly! e ensaie números muscais.

Polo demais, un alegato ecolóxico de primeira orde e un traballo de deseño e animación dos que paga a pena contemplar.

Cuestións temporais

O tempo e o espazo foron estes últimos días as miñas dúas principais preocupacións. O espazo, como xa podedes observar, é novo. O tempo, irremediabelmente, tamén. Os espazos físicos tamén me tiveron moi ocupado estes días pero conseguín por en marcha este novo espazo d’ As ovellas, do cal estou bastante orgulloso. A mudanza levou un pouc máis de tempo por iso de familiarizarse con novos instrumentos, novos espazos, novas formas de traballar… Pero a esperiencia foi positiva e o funcionamento da Blogaliza semella óptimo.

O tempo tamén é o eixo central dun filme antigo e un recente que saíron en conversa estes días. O primeiro deles, é The time machine, baseado na novela de H.G. Wells e dirixido por George Pal no1960. Un filme moi interesante como adaptación, como filme de aventuras e como produción a nivel técnico. Este filme de pé a que Mario me falase da versión de 2002, que seica inclúe un episodio final certamente fascinate. Queda na lista de tarefas para a fin de semana. O outro filme é o de Futurama, que trata dun xeito bastante gracioso as viaxes na liña temporal , as súas consecuencias e a improvabilidade.

Pensando nas posibilidades de semellante máquina, xurdiu a idea de que facer con ela. a min, nun arrebato de fetichismo cinéfilo e exceso de cafeína (ademais facía moita calor), ocorréuseme, que a viaxe axeitada non era ao futuro, que nos depara cousas que mellor é non sabelas, senón ao pasado. A miña parada sería en 1961, ao rodaxe de certa película moi de moda ultimamente por iso das iconas pop que tan ben locen nos bolsos. O meu plan, que require gafas máis grandes (a Raíña saberá de que falo), consistiría en conseguir un papel de secundario, ou mesmo remplazar a George Peppard e trabar conversa con Audrey Hepburn. A partires de aí, tentaría engaiolala contándolle o bonito que é o futuro, o ben que vai internet despois de 1998 (máis ou menos), que eu deseñei todo o merchandising coa sua face (mentir non é malo sempre, díxomo alguén), que USA perderon a hexemonía no baloncesto e precisan dela para saír adiante, que hai series de debuxos para adultos, que se poden dicir tacos pola tv… O dito, un plano perfecto. Aínda así, acepto suxestións e planos para fabricar dita máquina.

Benvid@s á nova casa do pastor.

Alphaville

Normalmente acabamos reducindo todas as nosas inclinacións a dicotomías, condensamos en pares sinxelos (e prototípicos) a maioría dos nosos gustos, afeccións… Celta ou Deportivo, cans ou gatos, OSDA ou Star Wars, o libro ou a peli, Sega ou Nintendo, Los 40 Latinos ou a TV apagada, Celtics ou Lakers, Heavy ou Moderno, Pepsi ou Cocacola, Truffaut ou Godard… Neste caso, eu fico con Truffaut.

Hai cousas de Godard que non entendo, a primeira (e principal) é que teña tantos seguidores e tanta sona. Moitos falan del coma unha das grandes influencias de Tarantino máis eu non acho que tal cousa sexa moi certa. É posíbel que Tarantino se sentise fascinado por eses aspectos diferenciais na narración da Nouvelle Vague, sobre todo acostumado como estaba ao americano e á serie B xaponesa. Está claro que pode haber puntos en común, mais semella que directores coma Sam Peckinpah deixaron moita máis pegada no de Tennessee tanto nos temas coma no visual. O tratamento da violencia que podemos ver en Godard está a anos luz da crueza de Peckinpah.

O meu gosto persoal tamén me fai recear moito do uso da cámara. Por que fai sempre planos aéreos de persecucións de coches que semellan micromachines? Adoito prometerme que nunca verei un filme máis de Jean-Luc Godard cada vez que remato un, pero xa recaín en máis dunha ocasión. Será que realmente hai algo no seu cinema que me fascina? Non o sei. A derradeira experiencia foi Alphaville.

Gustoume moito a escuridade do filme, a presenza de elementos do film noir, o misterio da trama… O argumento é moi bo, pero da a sensación de non estar aproveitado todo o seu potencial. O filme é lento e non afonda na problemática derivada da informatización da sociedade. Cae nos clixés totalitaristas e ten puntos moi febles. Por momentos semella arrincar pero acaba caendo outra vez no tedio. A voz en off gutural aporta un punto de sordidez ao resultado final. É interesante o tratamento da problemática da linguaxe, a presenza de textos de Éluard e as referencias estéticas aos filmes de espías. Como anécdota dicir que o director pensou en Roland Barthes para interpretar ao profesor Von Braun, inventor do ordenador Alpha 60 (o malo-malísimo, vamos).

Por se iso fóse pouco, agora vou ver Bande à part. Está claro que non aprendo.

Localización no mapa

E sigo a voltas co Matheson e o seu libro I’m Legend. Adoita acontecer que as historias de ciencia ficción acontecen nos Estados Unidos, isto non é unha regra, mais ben unha tendencia. Moito ten que ver coa procedencia dos autores, xa que un número importante dos clásicos (e dos non tan clásicos) son norteamericanos. Incluso aquelas historias que teñen lugar no espazo, son protagonizadas por estadounidenses ou no seu defecto, por xentes do mundo ao servizo dos EE.UU.

No caso concreto desta novela, un home fica só no mundo, entendendo o mundo como os EE.UU. que é unha visión un tanto simplista pero para o caso é mellor. Mellor que os zombies ataquen California e non Galiza.

Imaxinade a historia aquí. Un virus mutado polos científicos galegos infecta a toda a poboación convertíndoa nunha sorte de criaturas non-mortas que atacan polas noitos infectando ao resto da xente agás a un científico que é inmune grazas a unha configuración especial do seu sangue.

Problemas: Non sei se resultaría verosímil unha investigación deste tipo, pero poderiamola localizar no CHUS, onde científicos sen escrúpulos empregaban o sangue doado polos confiados alumnos universitarios para facer experimentos con el buscando… non sei, por exemplo unha resistencia mellor ao frío e a humidade do inverno. Por poñer algo axeitado ao medio. Unha vez resolto isto, temos outro problema. Que faría un galego só no mundo? Loitaría pola supervivencia da especie, intentaría achar unha cura, refundaría o pais, ou aproveitaría para mover un pouco os marcos? Outro problema de ter zombies no pais é que nunca mudaría a presidencia da Xunta.

Está claro que a tradición fai moito nestes casos, sería interesante tirar unha vertente zombiesca das historias de lobos e meigas e ver en que quedaría a cousa. Imaxinades revistas pulp galegas? Iso sería demasiado moderno, incluso cando xa deixou de selo hai décadas no resto do mundo.

Cypher

O outro día falabamos (non me deu polo maiestático, nos comentarios houbo debate) aquí de cinema de ciencia ficción co gallo da evolución dos zombies na pantalla. O debate foi moi gratificante para min porque xerou debate e porque este estaba, en parte, centrado nun aspecto que a min me fascina: a narración. Concretamente a narración fílmica.

Roi Buligan recomendábame un filme canadiano que eu non coñecía, animándome a que o vise e o comentase. Con todo o lío que tiña enriba tardei máis da conta en poder velo pero pareceume moi interesante poder falar aquí del, xa que como dixen antes, son amigo de debates deste tipo. Son amenos, apréndense cousas, animan as visitas e ademais demostran que unha mesma película pode ser moitas, dependendo de quen olle para ela. E poden dar lugar a descobertas como a de hoxe.


O primeiro que me sorprendeu do filme foi que o seu director era Vicenzo Natali, responsable de Cube, filme que merecería un bo debate por sí soa, a poder ser con cervexa polo medio. Segundo comeza, os créditos intercálanse coa posta en escena da historia. Este principio tróuxome dúas cousas á mente; o estilo visual (incluso dos créditos) de Spielberg e a escena do principio de Blade Runner (o primeiro diálogo), cando León fai o test Voight-Kampff (o da tartaruga). Aquí vemos a Jeremy Northam facendo igualmente un test, neste caso non para ver se é un replicante senón para saber se é un espía.

Aquí desvélase xa o tema principal do filme, a espionaxe industrial. Esta temática lembra moito á triloxía do Sprawl de Gibson, a loita entre grandes corporacións, o roubo de datos no ciberespazo e os implantes para burlar os sistemas de seguridade. No seu tratamento tamén hai moitas similitudes, xa que os obxetivos reais das partes involucradas non están claros (incluso as propias partes involucradas) até o final e a percepción das cousas muda constantemente. É unha historia enrevesada, apoiada nunha interpretación máis que solvente e nunha apariencia estética sinxela, moi luminosa en certos momentos para o meu gusto pero que mestura con grande acerto a tecnoloxía futurista con elementos cotiás.

Un filme moi visual, a montaxe acelerada de planos curtos, os ollos de peixe e os filtros dixitais que distorsionan a imaxe axudan a crean a sensación de desacougo que invade ao protagonista. A parte sonora é moi austera. Un filme en definitiva moi interesante, que garda certas similitudes con Cube e que visualmente non ten moito que envexar a producións máis grandes se ven é certo que non aporta ese aquel novidoso que sempre se lle agradece a un filme de xénero.

Filmes de Nadal

O nadal é unha época horríbel en moitos aspectos, podería enumeralos pero prefiro que cada un escolla os seus por iso da economía lingüística. É tempo de reunións, ceas, brindes, bos desexos e, sobre todo, horteradas. O nadal é ás cidades o que a moda marbellí ás persoas. Decoracións absurdas e panxoliñas por altofalantes ás once da mañá, en domingo e até as dúas!

A TV coma -case- sempre tampouco se salva. Se a programación habitual é lamentable e carente de calquera tipo de gosto, nestes días tende a superarse e empeorar. Os programas especiais adoitan rescatar vellas glorias televisivas e toneladas de caspa. E confetti. As panxoliñas, o turrón, os beléns, os papanoeles, os renos luminosos… son insignias do nadal, mais non podemos esquecer outro dos grandes clásicos: os filmes de nadal. Este ano aínda non collín ningún, pero estaban poñendo Mary Poppins hai un intre en Cuatro.

Eu xa estou farto de que dean sempre os mesmos refritos de pantasmas e Santa Clauses (?¿?). Así que vou facer unhas pequenas suxestións. Agardo que os estudios americanos tomen nota.

6 Propostas de Filmes de Nadal para o Próximo Aninovo:

Kidnapped 24: Santa Claus é secuestrado por terroristas musulmáns que ameazan con degolalo se o goberno americano non lles entrega tres cabezas nucleares e Hawaii. A nova do secuestro chega apenas 24 horas antes de noiteboa. Mentres as autoridades tentan agochar a realidade, un video difundido pola rede comeza a causar o pánico na poboación civil. Moreas de acción e frases do xeito de “Malditos! No respetan ni lo más sagrado”, “Me ponen en una situación muy delicada” ou “Es hora de repartir algunos regalos”.

Home Alone 5: Macaulay Culkin, xa adulto, volta á casa dos seus pais polo nadal para facer as paces. O costume de escapar de xunto seus pais cando neno, acabou por convertilo nun adolescente emo e posteriormente nun bohemio neoiorquino. Tras unha cea na que os vellos rancores van ficando esquencidos, todo se complica polo feito de Culkin seren en realidade un zombie que quere infectar aos seus pais. Un pouco e gore antes do pavo nunca senta mal.

Han Solo saves Christmas: Unha sidequel na que o traficante e piloto interestelar (interpretado nesta ocasión por algún actor de telecomedia) atopa indicios dunha conspiración para rematar co nadal no sistema de Hoth. Sistema no que sempre é nadal por culpa do seu clima xélido. Coa axuda de Chewbacca e Lando Calrissian (Chris Tucker pode ser unha opción) loitarán contra os malvados seres que intentan construir un sol artificial no sistema para derretir a neve e, con ela, a maxia do nadal. Todos estes acontecementos son anteriores á historia do episodio IV.
Eastern Kings: Os tres Reis Magos de Oriente intentan chegar a Belén ante a oposición das lexións romanas. Herodes sospeita que a súa viaxe pode ser unha excusa para pasar armamento e informes militares aos rebeldes cisxordanos. Pola súa banda, os cisxordanos están ao corrente e corren na procura dos tres magos. Intriga e acción nun filme bélico repleto de efectos dixitais algo deficientes. Existen numerosos rumores en internet sobre a posibilidade dunha segunda parte centrada nas accións do bando xudeu. Os extras do DVD son do mellorciño.

Silent Night, Boxing Night: A metade dos elfos de Laponia organiza un sindicato e comezan unha campaña para acadar o control da factoría de Santa Claus. Santa organiza unha velada de boxeo co fin de recadar fondos para mercar os regalos dese ano e así manter a protección das grandes potencias. Para iso reclama a axuda dunha organización criminal que pretende botar man da influencia do Pai Nadal para futuros negocios. A sátira, o humor e a violencia explícita son os principais atractivos desta claymation.

Droid of droids: Un ano despois da catástrofe nuclear que devastou a Terra por completo, uns enxeñeiros de Magnolia, Iowa (USA), constrúen un pequeno androide que os axude na tarefa de procurar alimentos e auga no ermo en que se convertiu o planeta. A nova espállase rapidamente e os sobreviventes comezan unha peregrinaxe masiva ao lugar coa esperanza de evitar a desaparición total da especie. Filme de 210 minutos de duración no que destaca unha coidada fotografía.

THX 1138

O primeiro filme de George Lucas. Non chegou con iso? Ben, engadirei algo máis. Robert Duvall (sen táboa de surf).

É un filme do ano 71, ainda que se rodou no 69. Lucas preséntanos unha distopía ao estilo de 1984 ou Un feliz mundo novo. Unha sociedade totalitaria, construída baixo a terra, vixiada e controlada mediante a tecnoloxía. Os individuos están sometidos a un sistema de inxesta de drogas que anula a voluntade e agudiza a atención para o traballo. Un sistema baseado na productividade e a economía, estimulando o mercado mediante o control das autoridades, a relixión e as propias drogas. Un mundo aséptico e libre de sentimentos, cunha atmosfera claustrofóbica; case en todo momento os fondos son branco luminoso.

Unha historia sinxela, debedora de Orwell e Huxley. Ten algún efecto sonoro dos que aparecerían logo en Star Wars (e divertido escoitar o sabre láser) e incluso unha transmisión de radio menciona o atropelo dun wookie. Asi mesmo é a primeira producción de American Zoetrope, a productora de Lucas e Coppola.