Posts Tagged ‘emuladores’

La venganza de Don Tacos

Internet non deixa de sorprenderme nunca. Xa falei nalgunha ocasión dese placer escuro meu que consiste en recuperar xogos de infancia. Isto lévame ás veces a ter que buscar moito pola rede porque non lembro os nomes dos xogos ou sinxelamente porque tiñan nomes distintos noutros paises (xeralmente dependía das rexións de codificación de vídeo).

Estes días andamos argallando cos emuladores de recreativas. Xogando ao Bomberman (aka DynaBlaster), ao Metal Slug, ao Baseball AllStars 2, ao Street Hoop e ao fantástico Pang! 3 atopado grazas ao seu nome en USA, Buster Buddies. O máis curioso é que en internet non hai moito acerca deste xogo do que eu recordo alomenos sete recreativas na miña cidade natal. O xogo é unha variante do Pang na que os fondos son obras de arte famosas, podes xogar en tres modos diferentes e hai catro personaxes a elixir. Unha panteira rosa, unha cabareteira, un pirata e un mexicano. Don Tacos, que é como se chama este mexicano, leva bigote, pistolas, sombrero (pronunciado así: sɒm’breǝ.ɾəʊ), e maracas.


A grande descuberta foi que Don Tacos (como cabería agardar por outra banda), non é só un personaxe de videoxogo noventeiro. É un produto dunha marca xaponesa de snacks (*) (cal sería a palabra galega?) chamada Koikeya e que ten unha publicidade mais ben estraña para un público occidental e que non comprede o xaponés como é o meu caso. Se alguén me pode traducir os anuncios agradecereillo moito.

Así é, internet é o reino da astracanada.

* Petiscos. Grazas pola resposta Mario.

Deixa en pausa que vamos comer


Cando un ten moito tempo libre, ou anda demasiado ocioso, ou está recluído na casa, ou simplemente é un gamer empedernido (algún día deberiamos levar á academia galega unha proposta de galeguización de termos referidos aos frikismos variados), pode pasar que lle veña a nostalxia e descargue un emulador. Recoñezo que eu mesmo caín varias veces nesa espiral de vicio melancólico.

Pasei moito tempo xogando grandes títulos dos 80 e 90. Algúns xa os desfrutara no seu tempo, pero a inmensa maioría eran novos para min. É toda unha experiencia ver en que consistían aqueles xogos que só coñecía polas tapas das caixas que viñan na Hobby Consolas. Aquelas portadas debuxadas a aerógrafo que ocultaban o escaso atractivo gráfico real ou simplemente buscaban público adolescente mediante heroínas de grandes capacidades e réplicas de Rambo e Conan. A maioría das veces, probar eses xogos, é unha decepción. Sobre todo aqueles primeiros intentos de xogos de acción ou shooters, que eran coma unha peli de A3: argumento pretensioso, grandes anuncios, moito presuposto e un resultado para soterrar e evitar pronunciar o seu título en presencia de calquera ser humano.

Pero os emuladores teñen un erro no seu intento de recuperar sensacións de infancia. Algúns superficiais, coma o feito de que a pantalla do ordenador vai acender moito antes que a da vella TV na que tiñas o Spectrum ou o pequenos detalles coma que a ninguén se lle ocorreu facer un adaptador para o mando da Super NES. O grande defecto é que os emuladores permiten a opción de Gardar Partida.

Se ben os gráficos dos xogos de 8 e 16 bits non eran especialmente realistas, o sistema de xogo de -tes que facer todo seguido e se perdes todas as vidas acabou- achégase máis á realidade que andar gardando a partida antes de afrontar algunha fase complicada. Falando con agurdión decateime do pouco interesante que sería a vida con esa opción. Teño exame final de carreira, gardo partida por se acaso.

Lembro tamén pasar tardes enteiras xogando ao Sonic, ao Alex Kidd, ao Rocket Knight… Superando unha fase tras outra, intercambiando o mando cos meus irmáns e notando a tensión cando máis se achegaba o momento de eliminar ao xefe final e poder contemplar o remate do xogo. Ás veces este consistía só nunha listaxe de créditos cunha música tan cutre que daba gana de queimar con todo.

Os emuladores permitíronme tamén rematar La Abadía del Crimen, o xogo baseado no libro de Eco O nome da rosa. Un xogo tan complicado e longo que pensei que non tería créditos ao final porque ningún dos programadores pensaría que alguén sería capaz de rematalo. Iso si, non obtiven nen a metade de satisfacción que a primeira vez que vin a Alex comer a súa derradeira e xigante hamburguesa.

Levo tempo pensando en vender a Master System, pero non acabo de decidirme. Igual ten todo isto algo que ver.