Posts Tagged ‘David Lynch’

Mamá quero ser pintor

O outro día tiven a oportunidade de descubrir unha das curtometraxes de fins dos sesenta do meu admiradísimo David Lynch. Non sei por que, pero non se me ocorrera buscala en Youtube. Para aforrarvos tempo, eis o vídeo.

Penso que neste tipo de traballos da súa primeira época é onde mellor se aprecia esa dualidade entre o artista plástico e o desexo de realizar películas. Calquera que estea familiarizado minimamente coa filmografía deste grande do cinema, pode apreciar os seus impulsos pictóricos e o seu gusto polo subxectivo, polo visual, polo distorsionado, polo abstracto… Lynch non é só ese cineasta indescifrábel que as máis das veces deixa ao espectador atónito ou desconcertado, é unha voz propia no mundo da experimentación coa narrción e coa dirección artística.

En fin, penso que poderiamos falar dun pintor de filmes.

O meu primeiro 16bits

Lembro perfectamente o día en que tiven entre as mans a flamante Mega Drive de Sega. Era un artefacto impresionante, moito máis grande do que parecía nas fotos das revistas e dunha cor negra, negrísima. O pack incluía un mando e un xogo. Sempre me fascinou esa política de “un mando”, ao final acababas mercando outro para xogar cos amigos pero, por que raios non o mercaban eles? A fin de contas, ti xa puñas a casa, o xogo e a consola. Iso polo menos, a merenda e os refrescos eran opcionais.
O xogo que viña era Flashback, esa palabra que tanto escoitaría ao longo da miña vida dende entón, aínda que case nunca en relación con este magnífico xogo. Mais ben en relación co cinema (Ai, Tarantino, Tarantino…) ou coa literatura (“o flashback tamén chamdo analepse…”) eu sempre estaba por dicir que tamén se coñecía como The quest for identity. Nunca o cheguei a comentar, parecíame fóra de lugar.
O xogo era sensacional, impresionábame a aparencia gráfica que tiña, ao xeito de ilustración, con cores moi diferentes ao habitual, semellaba debuxo simple de banda deseñada, sen filigranas mais con certo estilo.
A ambientación era cyberpunk, a pesares de que eu non coñecía tan sequera o termo, viñérase rapidamente á cabeza Blade Runner, pola combinación de vestiarios actuais e futuristas, o coche no que fuxías era moi parecido ao patrulla de Deckard, a pistola… incluso no propio personaxe.
Visto co paso do tempo, samella máis interesante aínda, e unha revisión que lle fixen o ano pasado deu para moito. Unha das cousas que pasara por alto no momento, non por anecdótica (era clave no transcurso da historia) senón por falla de referencias era o Holocubo. Tratábase dun pequeno obxecto de forma cadrada do que saía unha historia que pasaba por ser a túa mais non era seguro. Lembreime deste obxecto vendo Mulholland Drive, nese momento clave do filme no que no teatro aparece por vez primeira esa pequena caixa que se abre e a partires de aí todo se volve -máis- confuso. Será que David Lynch púxose a xogar ao Flashback despois de rematar Twin Peaks?