Posts Tagged ‘Dashiell Hammett’

Os meus favoritos: Patricia Highsmith

Unha das miñas debilidades cinematográficas é, sen ningunha dúbida, Alfred Hitchcock. Un dos seus filmes máis notables, Strangers on a train (1951) está baseado na primeira novela de Patricia Highsmith do mesmo título e publicada un ano antes. Esta obra seica foi reescrita por suxestión de Truman Capote. Se fago esta introdución é para destacar unha das cousas que máis me interesan da obra de Highsmith: a capacidade de crear suspense indagando e furgando na mente humana. Cousa na que era un mestre o grande artesán do cinema, do que falarei noutra ocasión máis polo miúdo. A modo de curiosidade e xa metidos no tema do suspense, dicir que no guión do filme traballou Raymond Chandler, do que xa falei nalgunha ocasión, até que as diferencias entre director e escritor racharon coa colaboración.

Patricia Highsmith non tivo unha infancia agradábel, nada en Texas, mudouse para Greenwich Village (NYC) coa súa nai, o apelido tómao do su padrastro. Axiña comeza a escribir e cando antes falaba da súa primeira novela, debera ter dito “primeira novela publicada”, xa que a pequena Patricia completara grosos volumes de historias, diarios e novelas na súa adolescencia. Lía constantemente os libros da biblioteca da súa nai e interesouse xa moi nova polas teorías dun psiquiatra chamado Menninger que afirmaba que o crime podía ser prevido mediante tratamento psiquiátrico. Este interese revélase na obra de Highsmith, que mostra sempre personaxes con psicopatías e outros desordes mentais. Tamén de moi nova descubriu a súa bisexualidade, que tamén aparece reflictida en obras como Carol ou na saga de Ripley.

Tom Ripley resume moi ben o mundo literario de Highsmith, ambición, desequilibios mentais e emocionais, crime non castigado, ascenso social, a paisaxe e sociedade europeas… Highsmith foi unha muller solitaria, que abandonou os USA para vivir en Europa (Inglaterra, Francia e Suíza), nunca acadou unha relación duradeira e era alcólica. A súa obra foi mellor acollida no vello continente, xa que a temática dos seus escritos non encaixa ben dentro da moral norteamericana. As súas novelas teñen o poder de absorción que se lle agarda ao xénero de suspense, mais faino dun xeito diferente, sen caer en convencionalismos. O factor psicolóxico ten moita forza e a súa capacidade para construír personaxes fascinantes  e misteriosos queda fóra de toda dúbida. É moi curioso o grao de simpatía que poden chegar a adquir durante a lectura personaxes que na vida real non merecerían outra cousa que rexeitamento.

Dicíalle eu o outro día a unha boa amiga que no meu podio de narradores/as de suspense estaría Highsmith xunto con Chandler e Dashiell Hammett.

Máis de detectives

Estou pesado co tema, xa o sei. O caso é que da para moito. Falaba, mellor dito falabamos, estes días atrás de detectives; tanto nos comentarios coma noutros blogs. Os porqués da afección que nos suscitaban, o feito de que non pasen de moda, as iconas que perduran, en fin; os modelos básicos de linguaxe literaria e cinematográfica (sen excluír á banda deseñada por suposto) que foron creados nun momento dado coas novelas de detectives e que agora son referencia de múltiples obras. Ao falar da súa influenza, non nos podemos limitar á temática. Hai moitos aspectos que crearon escola, como o vestiario, as poses e a música. A que ven todo isto? Pois ven ao conto dunha serie anime que tiven oportunidade de ver recentemente e que me recordou constantemente a Hammett e Chandler, pero non na trama (nada a ver), senón nas descricións de personaxes e lugares. A serie en cuestión é Cowboy Bebop. Narra as aventuras duns cazadores de recompensas nun futuro próximo á estética ciberpunk (o propio termo Cowboy recorda a Gibson) pero con pequenos matices. Hai moitos elementos da novela negra americana nesta producción xaponesa: personaxes solitarias, afeccionadas ao bourbon, vestidas á moda dos anos 40; locais de jazz clandestinos, gángsters, etc.
É unha adaptación curiosa e aínda que non creo que sexa a intención principal da serie, parece unha recreación en clave futura dos ambientes Chandlerianos. Semellábame imposible desviar a mente das vellas historias ao visionar Cowboy Bebop.

Todos estes elementos reforzan se cabe máis aínda a idea da grande influenza que exerceron estas historias en toda a producción futura.