Posts Tagged ‘Bruce Sterling’

Os meus favoritos: Philip K. Dick

Xa teño falado del neste espazo (libre e sen canon), pero sobre todo de aspectos da súa vida e obra. Obra moi coñecida aínda que sexa pola adaptación ao cinema. Aínda que no caso de Blade Runner non é moi fiel ao libro, si que capta o espírito do mundo de Dick.
É precisamente ese mundo o que máis aprezo na súa obra. Ao contrario que outros autores da ciencia ficción de mediados do século pasado, non se afastaba da terra nin da súa realidade. É certo que si ten relatos e novelas situadas no espazo exterior e mesmo nas naves intergaláticas, pero o celme das súas historias está sempre situado nos EE.UU. da posguerra. Antibelicismo, paranoia conspiratoria, falta de liberdade, militarismo, desolación… De feito algún dos seus relatos sitúase no fin dos 40 nunha norteamérica preocupada pola ameaza nuclear e sen futuro máis alá da tiranía do goberno conspirador e manipulador. The man in the high castle sitúanos nun mundo no que alemáns e xaponeses gañaron a guerra e repartiron entre si Europa e os EE.UU. Esta temática terrestre foi o xermolo do Cyberpunk desenvolto anos máis tarde por xente coma William Gibson ou Bruce Sterling.
As grandes teimas de Dick sempre foron a falta de libertade, o descoñecemento da realidade, a morte, a manipulación e as drogas. Son estes temas recorrentes na súa obra e fan un todo, pois cada un deles lévanos ao seguinte.

Todas estas cousas crean na man do xenial escritor unhas historias orixinais, magnéticas e únicas que fixeron que non sexa capaz de deixar de lelas. O ano pasado, a editorial minotauro comezou a editar en castelán as antoloxías da súa narrativa breve, dividida en cinco volumes por orde cronolóxica. Aínda faltan por aparecer as dúas últimas e xa devezo por elas. Por medio destas antoloxías, fun vendo a evolución dun home que decidiu facer carreira de escritor e que nunca parou. Esa constancia deu unha obra moi prolífica, pero tamén, e hei ser sinceiro inconstante. Está claro que ten traballos moi frouxos pero son compensados con obras magníficas e perdurables no tempo.De feito ao ler agora a súa obra, poderíamos situarnos no contexto norteamericano e supoñer que a inquedanza de Dick podía pertencer a unha persoa do noso tempo.

Por todas estas cousas, foi un autor que me fascinou. O mundo de Dick sempre será un pouco o mundo do pastor. Aínda que estes mundos do pastor son máis os de Gibson, pero diso xa falarei outro día.

Fronteiras electrónicas

Este ano que remata, foi entre outras cousas, o 10 aniversario da Declaración de Independencia do Ciberespazo. O seu autor foi John Perry Barlow, cofundador da Electronic Frontier Foundation no ano 1990, unha organización sen ánimo de lucro que defende “as liberdades civís e a libre expresión” neste mundo dixital. A declaración de Barlow constitúe un feito moi importante no desenvolvemento da cultura electrónica. Defende a liberdade de expresión e de difusión de ideas e tamen despoxa aos poderes gubernamentais do mundo físico da capacidade de dirixir e controlar aos moradores do Ciberespazo. Supón unha defensa de todo aquilo polo que se loitou no mundo mais non se conseguiu na maior parte dos casos. A liberdade de expresión, o intercambio e difusión de ideas, a posibilidade de mellorar entre todos teorías, programas, etc. é demasiado valiosa para que nos arrisquemos a perdela por mor da intromisión dos gobernos do mundo (sobre todo o dos USA) que como ben di Barlow na súa declaración, non foron invitados a esta reunión e non son ben recibidos.

Non pretendo con isto xerar polémica política, senón facer ver que temos ante nos algo marabilloso que debemos aproveitar. Neste mundo electrónico, temos a liberdade para traballar, discutir, intercambiar, expresarnos, etc. libremente e sen ter que rendir contas nada máis que ante nós mesmos.

Barlow é natural de Wyoming (USA). É poeta, ensaísta, rancheiro, letrista (escribiu para os Grateful Dead) e político. Nun tempo chegou mesmo a ser presidente dunha sección do Partido Republicano de Wyoming, pero as políticas de W. Bush conseguiron que se pasara ao Partido Demócrata. Na actualidade é vicepresidente da xunta directiva da EFF, membro do Berkman Center for Internet and Society na Escola de Leis de Harvard e é membro tamén da Academia Internacional das Ciencias e as Artes Dixitais, onde están tamén, entre outros Matt Groening, Scott Adams, David Bowie, Beck, Björk, F.F. Coppola, David Lynch e Richard Stallman. Tamén é asesor da ONG Clear Path International.

Bruce Sterling recolleu as súas actividades no libro The Hacker Crackdown: Law and Disorder on the Electronic Frontier (1992).