Posts Tagged ‘Barlow’

Fronteiras electrónicas

Este ano que remata, foi entre outras cousas, o 10 aniversario da Declaración de Independencia do Ciberespazo. O seu autor foi John Perry Barlow, cofundador da Electronic Frontier Foundation no ano 1990, unha organización sen ánimo de lucro que defende “as liberdades civís e a libre expresión” neste mundo dixital. A declaración de Barlow constitúe un feito moi importante no desenvolvemento da cultura electrónica. Defende a liberdade de expresión e de difusión de ideas e tamen despoxa aos poderes gubernamentais do mundo físico da capacidade de dirixir e controlar aos moradores do Ciberespazo. Supón unha defensa de todo aquilo polo que se loitou no mundo mais non se conseguiu na maior parte dos casos. A liberdade de expresión, o intercambio e difusión de ideas, a posibilidade de mellorar entre todos teorías, programas, etc. é demasiado valiosa para que nos arrisquemos a perdela por mor da intromisión dos gobernos do mundo (sobre todo o dos USA) que como ben di Barlow na súa declaración, non foron invitados a esta reunión e non son ben recibidos.

Non pretendo con isto xerar polémica política, senón facer ver que temos ante nos algo marabilloso que debemos aproveitar. Neste mundo electrónico, temos a liberdade para traballar, discutir, intercambiar, expresarnos, etc. libremente e sen ter que rendir contas nada máis que ante nós mesmos.

Barlow é natural de Wyoming (USA). É poeta, ensaísta, rancheiro, letrista (escribiu para os Grateful Dead) e político. Nun tempo chegou mesmo a ser presidente dunha sección do Partido Republicano de Wyoming, pero as políticas de W. Bush conseguiron que se pasara ao Partido Demócrata. Na actualidade é vicepresidente da xunta directiva da EFF, membro do Berkman Center for Internet and Society na Escola de Leis de Harvard e é membro tamén da Academia Internacional das Ciencias e as Artes Dixitais, onde están tamén, entre outros Matt Groening, Scott Adams, David Bowie, Beck, Björk, F.F. Coppola, David Lynch e Richard Stallman. Tamén é asesor da ONG Clear Path International.

Bruce Sterling recolleu as súas actividades no libro The Hacker Crackdown: Law and Disorder on the Electronic Frontier (1992).