Posts Tagged ‘Auster’

Os meus favoritos: Paul Auster

Auster é deses autores que hai que seguir. Pode ser que fiques marabillado coa lectura dun libro, pero para desfrutar completamente, é preciso coñecer o universo Auster. Os grandes temas do americano son: New York (Brooklyn en particular), o escritor, a soedade e, por riba de todo, o azar; e son comuns a case que toda a súa produción.
O meu primeiro contacto con este mundo foi por medio de Leviatán. Un libro impresionante, que mestura xéneros e no que os principais motivos do macrotexto austeriano saen á luz. Cabe destacar ese influxo grande que tiña da novela policíaca nos seus primeiros libros. Na chamada triloxía de New York isto é máis obvio, pero vemos o pouso nun libriño que leva o título de Squeeze Play (Jugada de presión) que é unha novela de detectives ao uso e que asina como Paul Benjamin, nome que levará o protagonista de Smoke.
Un dos grandes xogos da súa obra é a mestura do real co literario, fai numerosos xogos coa súa vida, seu nome, anécdotas coñecidas del… e cólaas no medio das historias provocando un efecto sorprendente, no que o autor e a personaxe chegan a fundirse nun so elemento.
A súa forma de narrar é posiblemente un dos meus maiores influxos á hora de por no papel as cousas que me pasan pola cabeza, ten ese aquel de descrición cinematográfica (se é que se lle pode chama así), que fai que vexas con claridade todo o que está contando. Eu nunca estiven en New York, e sen embargo, case me parece ver as rúas de Brooklyn, coa ponte ao fondo, os xantares no Central Park e os luxos e hipocresías de Park Avenue.
É posible que iso fixera que dera o salto ao cinema da man de Wayne Wang. Neste campo, xa non son tan forofo. Xa comentei fai uns meses o meu desencanto co filme The inner life of Martin Frost, pero é que Lulú on the bridge tampouco foi do meu agrado. Iso si, Smoke & Blue in the face si que fican na miña cabeza coma duas boas mostras do que sería Auster no cinema.
Non so no referente ao cinematográfico é que me crea certa identificación, senón no que atinxe ao azar. Eu que son mais ben descrido e que non confío para nada no destino, si que creo que o azar é ese algo que escapa ao noso control e que ten un papel decisivo no decorrer das nosas vidas. Eu mesmo, moitas veces tiven comprobado o que o azar fixo na miña vida, mudando completamente a direción das cousas por un detalle aparentemantemente sen importancia. De todos xeitos, para comprobar o poder do azar no seu maior grao de expresión aconséllovos La música del azar.
Agardo que non se lle suban os premios á cabeza e que volva outra vez polo camiño que marcou con mestría e no que eu seguirei agardando o seu retorno.

Noite de Jazz

Hoxe foi un bo dia para este pastor. Unha noite especial, especial por varios motivos. Un deles foi a descoberta dun grupo que me fascinou, duas horas de actuación que me pareceron dez minutos. O grupo en cuestión chámase Third World Love, son de Israel e fan un Jazz moi animado con infinidade de matices que van dende ritmos do oriente medio até o bebop pasando polas músicas americanas. Visitade a súa páxina, podedes escoitar varios temas nela.
Foi un deses concertos que pagan a pena, teñen un directo realmente sensacional e ademais foi de balde. A semana do jazz de Lugo comezou este ano cun mal sabor de boca para min, posto que chegaba á cidade das murallas o mestre da guitarra John Scofield, pero a súa axenda non foi compatible coa miña. Por casualidades cósmicas inexplicables, este pasado martes 13 (vou comezar a ser supersticioso) coincidiron nestas terras dous grandes xenios do xénero, Ornette Coleman e Scofield, un na Coruña e o outro en Lugo. E mentras tanto, o pastor en Compostela.

Polo menos, aproveitei e pasei por Cineuropa ver A fuxida, de Peckinpah. Un grande filme dun director dos que deixan pegada, senón que lle pregunten a Tarantino. Como me dixo a Raiña Vermella, un filme pretarantiniano. Non creo que se poida definir mellor.

O xoves deixeime caer polo filme de Paul Auster. Deixoume un pouco frio, bueno iso quizais foi por mor do clima. En realidade, é un filme discreto, con momentos moi bos e outros algo absurdos e case ñoños, pero o peor é que a segunda parte do filme é prescindible. A ver se co seu próximo traballo mellora un poco os dous últimos. Tanto Viaxes no Scriptorium coma A vida interior de Martin Frost decepcionáronme bastante, igual polo moito que desfrutei cos seus libros anteriores. Na parte cinematográfica, quédome con Smoke, realizada xunto con Wayne Wang, recente gañador no festival de Donostia. Igual axudou que Auster fóse presidente do xurado.

O novo Auster

Recentemente vinme nunha situación ben curiosa. Non é que sexa nada do outro mundo, xa que no fondo non deixa de ser unha mudanza dos hábitos. O caso é que fun mercar a nova novela de Auster, e topei coa sorpresa de que había unha traducción ao galego. Xa sei que “Brooklyn Follies” tamén fora editada por Galaxia, pero eu tiña o exemplar de Anagrama. Nun primeiro momento foi unha situación estraña, lería por primeira vez a Auster nunha lingua diferente, aínda que non é coma cando lle muda a voz a unha personaxe da TV, para min facíase raro. Acostumado á forma de expresarse nas versións en castelán, resultábame curioso ver formas novas na escrita. No fondo, isto non é relevante, xa que as expresións dos orixinais son diferentes á forza. A novidade polo tanto foi dobre, novo libro e nova lingua. A experiencia foi positiva, gostei de poder desfrutar dun dos meus autores favoritos no meu idioma.
Isto é algo que dende hai pouco comeza a ser posible. Non fai moito era imposible ter traduccións ao galego de algo posterior aos 80, e aínda menos que as traduccións apareceran ao mesmo tempo que as españolas. Como é obvio que non podemos ler a todos os autores no orixinal, é preciso ter boas traduccións no idioma de cada un. Isto comeza agora a ser unha realidade. Lía estes días atras en blogs amigos, comentarios ao respecto. O caso que citaba Mario de Houellebecq (A posibilidade dunha illa), é particularmente revelador. Temíase dende alguns sectores editoriais, que a competencia coas versións españolas non sería posible. Casos coma este demostran o contrario. Penso eu que o lector galego, opta polas traducións na súa lingua, sobre todo se é lector de literatura galega. É un xeito de potenciar e normalizar o sistema literario galego. Toda literatura precisa de traduccións, non é posible que estea aillada do resto da producción, aínda que teña particularidades. Paréceme un avance moi positivo tanto para o sector editorial galego coma para o propio sistema literario.
Cabe destacar o grande traballo de
Rinoceronte, que está a realizar grandes traduccións de libros moi interesantes. O tema das traduccións gaña especial importancia no medio editorial se temos en conta que no sistema estatal, o volume de venda das traduccións é moi superior (como cabe agardar) ao da producción propia.
Agora, o que se me fará estraño non será ler a Auster en Galego, senón ler a Houellebecq en español.