Filmes de Nadal

O nadal é unha época horríbel en moitos aspectos, podería enumeralos pero prefiro que cada un escolla os seus por iso da economía lingüística. É tempo de reunións, ceas, brindes, bos desexos e, sobre todo, horteradas. O nadal é ás cidades o que a moda marbellí ás persoas. Decoracións absurdas e panxoliñas por altofalantes ás once da mañá, en domingo e até as dúas!

A TV coma -case- sempre tampouco se salva. Se a programación habitual é lamentable e carente de calquera tipo de gosto, nestes días tende a superarse e empeorar. Os programas especiais adoitan rescatar vellas glorias televisivas e toneladas de caspa. E confetti. As panxoliñas, o turrón, os beléns, os papanoeles, os renos luminosos… son insignias do nadal, mais non podemos esquecer outro dos grandes clásicos: os filmes de nadal. Este ano aínda non collín ningún, pero estaban poñendo Mary Poppins hai un intre en Cuatro.

Eu xa estou farto de que dean sempre os mesmos refritos de pantasmas e Santa Clauses (?¿?). Así que vou facer unhas pequenas suxestións. Agardo que os estudios americanos tomen nota.

6 Propostas de Filmes de Nadal para o Próximo Aninovo:

Kidnapped 24: Santa Claus é secuestrado por terroristas musulmáns que ameazan con degolalo se o goberno americano non lles entrega tres cabezas nucleares e Hawaii. A nova do secuestro chega apenas 24 horas antes de noiteboa. Mentres as autoridades tentan agochar a realidade, un video difundido pola rede comeza a causar o pánico na poboación civil. Moreas de acción e frases do xeito de “Malditos! No respetan ni lo más sagrado”, “Me ponen en una situación muy delicada” ou “Es hora de repartir algunos regalos”.

Home Alone 5: Macaulay Culkin, xa adulto, volta á casa dos seus pais polo nadal para facer as paces. O costume de escapar de xunto seus pais cando neno, acabou por convertilo nun adolescente emo e posteriormente nun bohemio neoiorquino. Tras unha cea na que os vellos rancores van ficando esquencidos, todo se complica polo feito de Culkin seren en realidade un zombie que quere infectar aos seus pais. Un pouco e gore antes do pavo nunca senta mal.

Han Solo saves Christmas: Unha sidequel na que o traficante e piloto interestelar (interpretado nesta ocasión por algún actor de telecomedia) atopa indicios dunha conspiración para rematar co nadal no sistema de Hoth. Sistema no que sempre é nadal por culpa do seu clima xélido. Coa axuda de Chewbacca e Lando Calrissian (Chris Tucker pode ser unha opción) loitarán contra os malvados seres que intentan construir un sol artificial no sistema para derretir a neve e, con ela, a maxia do nadal. Todos estes acontecementos son anteriores á historia do episodio IV.
Eastern Kings: Os tres Reis Magos de Oriente intentan chegar a Belén ante a oposición das lexións romanas. Herodes sospeita que a súa viaxe pode ser unha excusa para pasar armamento e informes militares aos rebeldes cisxordanos. Pola súa banda, os cisxordanos están ao corrente e corren na procura dos tres magos. Intriga e acción nun filme bélico repleto de efectos dixitais algo deficientes. Existen numerosos rumores en internet sobre a posibilidade dunha segunda parte centrada nas accións do bando xudeu. Os extras do DVD son do mellorciño.

Silent Night, Boxing Night: A metade dos elfos de Laponia organiza un sindicato e comezan unha campaña para acadar o control da factoría de Santa Claus. Santa organiza unha velada de boxeo co fin de recadar fondos para mercar os regalos dese ano e así manter a protección das grandes potencias. Para iso reclama a axuda dunha organización criminal que pretende botar man da influencia do Pai Nadal para futuros negocios. A sátira, o humor e a violencia explícita son os principais atractivos desta claymation.

Droid of droids: Un ano despois da catástrofe nuclear que devastou a Terra por completo, uns enxeñeiros de Magnolia, Iowa (USA), constrúen un pequeno androide que os axude na tarefa de procurar alimentos e auga no ermo en que se convertiu o planeta. A nova espállase rapidamente e os sobreviventes comezan unha peregrinaxe masiva ao lugar coa esperanza de evitar a desaparición total da especie. Filme de 210 minutos de duración no que destaca unha coidada fotografía.

Tags: , ,

5 Responses to “Filmes de Nadal”

  1. Aliada entrópica di:

    dios, Grandísimo!!! Este é o Gran post Épico! hahaha. É que non sei cal delas me gusta máis.

    Creo q tes que escribirlles aos teus amigos Sórdidos e falar con eles de estes posibles guións. Eu ofrézome voluntaria como man de obra no claymation :P.

    Boísimo, en serio. hahahaa

  2. A Raíña Vermella di:

    Eu quero participar en Han Solo saves Xmas, aínda que sexa de extra! Gárdasme un papel sen frase? De Greedo estaría ben, en plan antagonista épico (ben, tampouco moi épico).

  3. O pastor eléctrico di:

    Alégrame que che gustase Aliada. O da claymation podía ser un bo entretemento para as vacacións.
    En todo filme cutroso que quera ser considerado tal ten que haber unha misteiosa muller da que se namora do heroe (non hai que ser tan bruto coma Frank Miller). Imaxina andar por aí da man de Solo. Mola!

  4. ekis1331 di:

    Boas.
    1º Boas.
    2º Partinme o cú co post.
    3º Espero que estas propostas fílmicas xamais cheguen a bó porto.
    4º Ata outra.

    P.D:Moloume o teu post encol de Jeff Buckley… devezo por Lilac Wine…

  5. O pastor eléctrico di:

    Boas a ti tamén ekis1331ñ Alégrame qeu gostases. Eu tamén espero que non as vexa ningún executivo de hollywood, con Dragonball Evolution e The Spirit teño de sobra até 2010.
    Volta cando queiras.