Rematando a colección?

Hai unha semana, saía eu todo contento dunha libraría compostelana coa derradeira entrega dos contos completos de Philip K. Dick baixo o brazo, bueno, mellor dito dentro dunha bolsa de plástico ben fea. Este volume contén unha selección de contos publicados dende finais dos 60 até a súa morte.
A narrativa breve do americano era difícil de atopar en español (en galego é aínda máis complexo) e dende hai un par de anos, a editora Minotauro estaba sacando as traducións dos cinco volumes compilatorios editados en inglés. Eu desfrutei moitísimo con estas pequenas pezas, algunhas delas son verdadeiras xoias do xénero, ademais de poder comprobar como o estilo e temas de Dick foron evoluíndo.

Se no volume IV puiden comprobar como Minority Report non aproveitaba todas as posibilidades que a narración orixinal ofrecía, neste derradeiro volume quería quitar a dúbida de que grao de semellanza ten We can remember it for you wholesale, coa adaptación de Paul Verhoeven en Total Recall. Si, eu seguramente opino o mesmo que ti dese filme.

Pois ben, vou quedar coas ganas. O relato non aparece. Resulta que a editora (que por outra banda fai unhas edicións moi coidadas), esquenceu incluír o dito relato xa que na versión inglesa da compilación mudárono para o volume II na edición máis recente (a partir da cal fixeron a tradución). O caso é que lles pasou por alto e agora van amañar o erro incluíndoo na nova edición do volume II, volume que tanto eu coma outros moitos xa merquei.

Imaxinade a cara de pampo que me quedou. Nin sequera vano editar en solitario, ou con outras narracións inéditas en español. Eu, iluso, pensei que ao mellor colgaban unha versión dixital na web. Como dixo unha profesora que tiven na facultade: “Igual no mundo marabilloso que queredes construír”. Pois iso.

Digo eu, sería lexítimo ir co meu exemplar do volume II e intercambialo pola nova edición que inclúa o conto?

Tags:

5 Responses to “Rematando a colección?”

  1. O pastor eléctrico di:

    Deixo aquí a nota da editora. Non ten perda. O curioso son os comentarios. Non hai ningún exhaltado, ou polo menos cando mirei eu.
    http://www.scyla.com/noticias/195/comunicado_relato_we_can_remember_it_for_you_wholesale_philip_k_dick

  2. W. Sobchak di:

    vaia, que faena!
    e sobre o da visión unanime sobre Total Recall, non sei que dicirche.
    Recomendote que escoites a canción “vacaciones en Marta” que F.A.N.T.A [http://www.myspace.com/morguedefanta] compuxo inspirandose nesa peli.

  3. O pastor eléctrico di:

    Alégrome de crear controversia co do filme. A min non me gustou nada. Fun ao myspace dos F.A.N.T.A. mais non tiñan ese tema en concreto. A ver se o consigo escoitar por algures.

  4. Mario di:

    Home, se é cousa de facerlle mal a algún pobre libreiro ou a algunha editora autoxesionada, pois eu diríache que non. Pero tratándose de grupos empresariais ou multinacionais, pois… cambiazo que te criou.

  5. A Raíña Vermella di:

    Os comentarios non son de ningún exaltado, pero son dun total fan que flipas. Todos mercaran tódolos volumes e estaban indignados co erro :p Estou con Mario, cambiazo ao canto. Xa sabes que me gusta a acción directa e os finos bordes da legalidade…