Fronteiras electrónicas

Este ano que remata, foi entre outras cousas, o 10 aniversario da Declaración de Independencia do Ciberespazo. O seu autor foi John Perry Barlow, cofundador da Electronic Frontier Foundation no ano 1990, unha organización sen ánimo de lucro que defende “as liberdades civís e a libre expresión” neste mundo dixital. A declaración de Barlow constitúe un feito moi importante no desenvolvemento da cultura electrónica. Defende a liberdade de expresión e de difusión de ideas e tamen despoxa aos poderes gubernamentais do mundo físico da capacidade de dirixir e controlar aos moradores do Ciberespazo. Supón unha defensa de todo aquilo polo que se loitou no mundo mais non se conseguiu na maior parte dos casos. A liberdade de expresión, o intercambio e difusión de ideas, a posibilidade de mellorar entre todos teorías, programas, etc. é demasiado valiosa para que nos arrisquemos a perdela por mor da intromisión dos gobernos do mundo (sobre todo o dos USA) que como ben di Barlow na súa declaración, non foron invitados a esta reunión e non son ben recibidos.

Non pretendo con isto xerar polémica política, senón facer ver que temos ante nos algo marabilloso que debemos aproveitar. Neste mundo electrónico, temos a liberdade para traballar, discutir, intercambiar, expresarnos, etc. libremente e sen ter que rendir contas nada máis que ante nós mesmos.

Barlow é natural de Wyoming (USA). É poeta, ensaísta, rancheiro, letrista (escribiu para os Grateful Dead) e político. Nun tempo chegou mesmo a ser presidente dunha sección do Partido Republicano de Wyoming, pero as políticas de W. Bush conseguiron que se pasara ao Partido Demócrata. Na actualidade é vicepresidente da xunta directiva da EFF, membro do Berkman Center for Internet and Society na Escola de Leis de Harvard e é membro tamén da Academia Internacional das Ciencias e as Artes Dixitais, onde están tamén, entre outros Matt Groening, Scott Adams, David Bowie, Beck, Björk, F.F. Coppola, David Lynch e Richard Stallman. Tamén é asesor da ONG Clear Path International.

Bruce Sterling recolleu as súas actividades no libro The Hacker Crackdown: Law and Disorder on the Electronic Frontier (1992).

Tags: , ,

5 Responses to “Fronteiras electrónicas”

  1. Agurdión di:

    Os novos territorios descubertos foron tradicionalmente unha boa desculpa para fantasear coa posibilidade de sermos libres, de abrir espazos á marxe dos poderes vixentes. Ese era o espírito dos colonos do oeste americano, dos inventores do aeroplano ou dos pintores impresionistas. Co tempo, os lugares virxinais rematan por viciarse, por amosar que as cadeas que nos quitamos son substituídas por outras distintas. Entón, o ciclo comeza de novo: temos que volver facernos á mar.

  2. A Raíña Vermella di:

    Unha das mellores cousas que ten o ciberespazo, que redime tódalas críticas que se poidan facer, é que en moitos aspectos sacou o mellor de nós: a posibilidade de compartir, das actividades sen ánimo de lucro, da liberdade de información. Aínda que dende diferentes frentes haxa que está (moi) interesado en restrinxir todo o que sexa un intercambio non comercial (todos estamos pensando na SGAE, non?)polo que parece é realmente difícil de controlar, ou alomenos ata o de agora os internautas atoparon o camiño:)
    Unha declaración de independencia, tal e como eu o entendo, é explicitar ese espírito.

  3. Mario di:

    Si, o que pasa é que cada vez será menos así. Aínda hai pouco falaba con alguén de que estes primeiros anos da Internet serían lembrados como o paraíso, porque cada vez é máis difícil acceder a determinadas cousas (música, imaxes con copyright, letras de cancións…). Eu por exemplo aínda lembro cando había uha páxina que tiña a obra completa de Neruda colgada. Agora seguro que tamén se pode acceder a iso, pero xa non é tan doado, e tes que ter máis coñecementos técnicos. Claro que creo, parafraseando a Crichton que “a pirataría sempre atopa un camiño”, pero cada vez será un camiño máis empedrado.
    O que si vexo positivo é que todos asumísemos a noción de gratuidade da cultura e que aprendesemos á comunicarnos nese sentido. Iniciativas como o Creative Commons fan posíbel o que até hai pouco non era imaxinábel, que artistas e iniciativas independentes planten cara ao capital e poidan ofrecer productos bastante competitivos sen un grande desembolso e sen depender da economía ou da rendibilidade. Agora as novas bandas colgan directamente os seus temas na rede, e moitos cremos que ter os discos de The Homens fai de Greenday unha necesidade secundaria, só por poñer un exemplo.

  4. O pastor eléctrico di:

    Pois si, a liberdade está baixo sospeita por mor da(s) grande(s) empresa(s) e dos “defensores dos artistas”. Eu non creo que unha palabra como piraería sexa axeitada, a cultura e a arte deben ser accesíbles a todo o mundo e non se lle deben poñer trabas a aqueles que non pretenden lucrarse senón disfrutar delas. Os verdadeiros piratas son aqueles que no nome da xustiza cobran impostos por cousas que aínda non tes feito, que se enriquezen co traballo de outros e que poñen trabas á creación e a difusión de obras. O importante é que moita xente segue a compartir libremente o seu traballo. Sigamos difundindo as nosas ideas. O fenómeno blog é un bo mecanismo para facelo.
    No tocante ao que di Agurdión, é ben certo, pero non debemos perder a esperanza de que desta vez sexa unha realidade. Barlow tamén se refire á traición que supón ao ideal de liberdade dos pais da Constitución dos USA o feito de facer enmendas para facerse co control da Rede.

  5. O gato violeta di:

    Internet e toda a rede non é maís que un case infinito intercambio de impresións é información.
    Existen dous tipos de persoas que o rexeitan de plano, que serían máis felices sen a existencia deste sistema:
    as que saben que en internet o que máis abundan son as palabras e que as palabras, sobretodo cando son todas distintas, fan pensar. Estas xentes tamen saben que as persoas que pensan non soen querer prestarse para ser subditos nin zombies.
    E as que, sinxelamente, non saben, non saben nada, nin o que é nin para que vale nin son conscientes da sua importancia. Este segundo grupo está producido polas artimañas do primeiro que produce mentes cerradas en banda.

    Somos poucos os que pensamos e temos que sacar a moitos do seu erro. Non é un traballo facil, xa que este primeiro grupo está realizando o traballo inverso, pero xa partimos da base que é case imposible que alguén que pensa deixe de facelo. Así que ánimo e a seguir.