Bonecas rusas

Nesta viaxe polo ciberespazo que comecei hai pouco, atopei unha cousa ben curiosa, un mundo dentro de outro mundo. Chámase Second Life e é un auténtico mundo paralelo. O usuario ten que crear unha personaxe á que lle pode ir modificando a aparencia. Unha vez que esteas dentro dese mundo virtual, que á súa vez está dentro deste outro mundo virtual que é o ciberespazo, podes levar a vida que ti elixas. Podes traballar no que queiras, hai quen dirixe un casino, quen traballa nel, quen fabrica cousas, etc. A elección é túa. Existe unha moeda propia pero ten equivalencia co dólar americano, polo que serve para facer negocio. Podes mercar cousas ou deseñalas, podes vender o teu cibercorpo a outros usuarios, traballar para eles ou mesmo pedir esmola.

A capacidade de interacción é enorme e funciona como unha mestura de todo, fúndese o chat (na súa versión máis típica), co deseño gráfico 3D, mediante o cal podes crear toda sorte de obxectos que podes intercambiar logo por outros e mesmo por linden dollars (a moeda oficial de Second Life) e co entretemento dos videoxogos. Cabe a posibilidade de participar sen gastar cartos, pero hai un grande negocio por detrás. O mundo Second Life é un arquipélago enorme que non deixa de medrar e existe a posibilidade de mercar terreos (iso non cambia en ningún mundo) á empresa xestora por grandes sumas. Xa hai empresas que pagan por se anunciar e a banda inglesa Duran Duran ofreceu unha xira virtual.

A parte máis interesante do asunto é que non só é un mundo virtual dentro de outro, xa que dentro de Second Life hai máis mundos. Existe un grande salón adicado ás proxección audiovisuais, nas que os usuarios mostran o seu traballo ou o de outros, un parque de atraccións onde podes montar nas máis tradicionais como pode ser a noria ou noutras moito máis orixinais e se cadra, inviables neutros mundos, tamén hai un campus virtual no que se imparten aulas de diferentes materias e conferencias de todo tipo.

Como vedes, si que existen mundos paralelos, o problema é que teñen o mal costume de preservar os vicios e defectos dos outros que xa coñeciamos.

Tags:

9 Responses to “Bonecas rusas”

  1. A Raíña Vermella di:

    Isto de Second Life semella ofrecer utilidades interesantes. Ocórrenseme usos moi bos ou moi chungos, xa non moralmente (isto de roubar no cibermundo, por exemplo) senón persoalmente. Podes utilizar Second Life para vivir cousas que é imposible que experimentes na túa vida real, por falta de medios ou de tempo, ou sinxelamente porque, na vida real, ás veces tes que renunciar a algunhas cousas para conseguir outras, e despois quedas pensando “que pasaría se…?”. POr outra banda, tamén podes empregar Second Life para sustituír á túa First Life, porque as relacións cibernéticas son máis doadas, arriscas menos emocinalmente, tes cualidades que non tes no mundo real…
    Por último, está claro que un dos vicios que mencionas é o sistema capitalista, que o impregna todo como unha segunda natureza humana.
    P.S: noraboa polo blog, sempre superando as miñas expectativas:)

  2. O pastor eléctrico di:

    Si, o malo do asunto é que parece coma se todo o mundo levase dentro un capitalista despiadado, un proxeneta ou un ladrón. Eu quero pensar que isto non é asi. Nesta “segunda vida” hai xente que desinteresadamente expón teorias ou da a coñecer textos e creacións, ou simplemente contacta con xente doutro sitio de forma anónima; é unha liberación da túa First Life. O feito de poder ser todo aquilo que nunca poideches ou poderás ser, non implica en todos casos ser un criminal. Hei dicir que en Second Life non é posible exercer violencia física contra outras personaxes ou quitarlles a vida.
    Dicir tamén que Second Life non é un xogo (ao contrario da crenza máis extendida na rede). Non ten parámetros nen obxectivos e a circulación de cartos fai que sexa difícil concebir Second Life coma un xogo.

  3. Mario di:

    É curioso, porque pareces identificar “xogo” co que algún profesor meu chamaba “narratividade do videoxogo”, é dicir que un videoxogo non sería literatura se non hai obxectivos nen parámetros de actuación, como por exemplo, os Sims (cunha mecánica similar a isto, polo que vexo), pero seguiría sendo un xogo. Eu o dos cartos non o vexo como un impedimento para consideralo xogo, ao contrario.
    De todos xeito a miña pregunta é: a liberdade de Second Life tamén é espello da liberdade nunha sociedade capitalista? é dicir, ten o requisito de manter o sistema económico como garante? Ou poderían xuntarse varios xogadores e facer unha revolta irmandiña no “Second Life” que alterase o seu sistema económico e fixese “todo de todos”. Claro que xogar un mundo virtual sen metas capitalistas se cadra sexa aburrido, ao mellor o futuro é ese, deixar a second life aos Estados Unidos e preocuparnos por crear unha first life cunha sociedade xusta e aburrida desas. 😉 Un saúdo.

  4. moucho_branco di:

    Intentei comentar onte e non houbo maneira, a ver se hoxe hai mais sorte…

    Comentaba que eu intentei xogar a iso e a miña experiencia durou apenas minutos, eu son de rol e estratexia, definitivamente os simuladores sociais non son o meu.

    Moitas grazas pola túa visita e por agregarme aos teus links.

    un saúdo.

  5. O pastor eléctrico di:

    Pois si que hai problemas no blogger este. Levo un día intentando contestarvos.
    Contesteando a Mario, dicir que a consideración de “xogo” ven entendida coma videoxogo puramente de entretimento, nos Sims estás suxeito a unhas normas e a unha trama. En cada nivel tes uns parámetros nos que te mover e uns obxectivos, Second Life non ten obxectivos e ten total liberdade de acción. Un xogo sen obxectivo é dificil de entender como tal.
    Moitas gracias pola visita Moucho, achei o teu blog moi interesante. Se tes interese en investir tempo en Second Life dicirche que é normal que quedases farto del ao principio, xa que ata que sabes moverte polo mundo(os controis chegan a ser desquiciantes) e coñecer xente e lugares non ten moito interese. Se desfrutas coa estratexia deberias probar O Game (http://www.ogame.org/) é altamente adictivo.
    Moitas gracias. a todos por seguir o blog

  6. Mario di:

    Si, porén ao que se refería o profe meu cos requisitos da “narratividade” era algo do estilo dun obxectivo final. Nos Sims o obxectivo é manter os teus personaxes nun bo estado de ánimo, pero non hai un final evidente para o xogo do tipo resolver un misterio, dominar o mundo ou rescatar os animaliños presos. Podes xogar durante meses e só haberá final cando te aburras (en teoría tamén che poden morrer todos, pero hai que ser moi manta). Nese sentido o concepto de trama aplicado aos Sims é relativo e intrasplantábel a outros campos (literatura escrita ou cinema, por exemplo). De todos xeitos tes razón, a total liberdade de acción do Second Life impide bastante clasificalo como videoxogo.

  7. A rapaza do arco di:

    Isto do Second Life parece algo ben interesante.Fíxome pensar na imperiosa necesidade que temos de experimentar con outras formas de existencia, formas de vida ás que non podemos chegar na nosa (ás veces aburrida)realidade ou que sinxelamente non nos atrevemos a vivir. Dalgún xeito lembroume á peli “Días extraños”, ambientada nun futuro no que é posíbel comerciar con experiencias humanas a través de simuladores de realidade. É curioso que sintamos esa enorme atracción e despois nos custe tanto arriscar. Aínda que ben mirado, arriscar o que, tendo en conta que o máis probábel é que só poidamos probar de primeira man o que vivamos nesta vida (a marxe dos sims e doutras realidades paralelas)a maior perda será chegar a fin cun saco cheo de cousas que quedaron por facer. Ben, a parte super boa de todo isto é que podemos saciar a nosa pulsión cara maneiras de vida autodestrutivas sen que iso nos custe nada 🙂

    Noraboa por estas primeiras ovellas que xa comezas a xuntar, estou segura de que axiña farás un bo rabaño.

  8. Arale Norimaki di:

    Second life, xa di bastante o nome…mais pregúntome ata qué punto esa caste de mundo paralelo non pode rematar roubándolle calidade e enerxía á “first” life. Polo que contas a Second Life non está somesa a tantas continxencias como a primeira, a tentación de entrar de cheo nese mundo e evadirse noutra realidade tan “libre” ten o perigo de adormilar o espírito…
    Desculpa que a miña primeira visita sexa cun comentario tan cutre-apocalíptico, non é habitual en min.
    Foi un pracer descubrir este novo pasto 😉

  9. O pastor eléctrico di:

    Moitas gracias polo interese, agardo que defrutedes coas ovellas tanto coma eu.
    Con respecto ao que di A rapaza do arco, comentar que a min tamén me atrae esa faceta “cafre” dos simuladores sociais. Quen non quixo algunha vez ser un macarra despiadado que inspira temor e respeto aos seus semellantes (seino, teño que deixar de ver cine de mafia). Ben di tamén Arale que outra posibilidade é que oa concentrarnos nesa “Second Life”, non desnvolvamo-la nosa Fisrt Life de forma satisfactoria. É importante sempre diferenciar realidade e ficción, pero se cadra, neste caso, aínda máis. Un saudo a tod@s.
    P.D. Recordos ao Dr. Slump 😉