Interesante xogo narrativo

costa_norteA derradeira novela de Xurxo Borrazás, Costa Norte/ZFK, deixoume un sabor agridoce, cecais porque estaba condicionado pola mala crítica que un amigo fixera dela. Porén, foi unha lectura da cal desfrutei moito. Non é moi constante en canto á atención que esixe do lector pero sorprendeume o xeito de formular unha historia a medio camiño entre as novelas post-apocalípticas, o xornalismo de investigación e o realismo combativo. Por outra banda, non acabei de gostar da modalidade narrativa. Mais iso é cuestión de gustos…

Dous fluxos temporais fúndense para facer unha crítica á falta de respecto ecolóxico e atentados contra a natureza e os habitantes do eixo Carballo – A Coruña. A narración intercalada responde a un patrón ao que xa nos ten acostumados Borrazás, así coma a un tratamento crú da intimidade das personaxes protagonistas. O constante cambio de punto de vista narrativo e modalidade, fai máis áxil a lectura dunha historia que (a min polo menos) engancha dende as primeiras follas.

A distopía plantexada amósase moi interesante e na liña dos clásicos mundos futuros devastados, chega a crearse un clima moi similar ás grandes historias apocalíptico-nucleares dos anos cincuenta, mais as referencias topográficas e o persoal estilo de Borrazás devólvennos moi rápido á casa.

Unha historia en xeral moi entretida, moi profunda e que invita á reflexión.

Tags: ,

2 Responses to “Interesante xogo narrativo”

  1. Como interesada no interesante mundo do xogo narrativo, pido, logo desta chupicrítica, que mo pases.
    Eu agora estou con Pensamentos impuros e me chamou moito a atención algo parecido ao que dis aquí do “tratamento crú da intimidade das personaxes protagonistas”. Non sei a que te refires con iso exactamente pero vexo que o posmodernismo de Borrazás nos deixa co cú torcido e que iso nos mola mogollón.

    Chegas a saber que significa ZFK, ou ten un nivel de frikismo tan alto comas os acrónimos dos teus relatos?

  2. Refírome a ese xeito tan cru de expoñer as intimidades das personaxes, sen pudor nin concesións. Non me parece algo negativo, máis ben penso que é parte do que fai atraínte a súa narrativa, todos temos algo de voyeurs, senón non andariamos mirando os blogues, non?
    O do ZFK non cho conto que así perde intriga.