Wall·E

Levaba tempo querendo ver este filme do que escoitara falar marabillas pero que entre unhas cousas e outras non conseguía ver. teño que dicir que a impresión xeral foi moi boa.

A ambientación é fantástica, recorrendo á ficción científica máis tradicional, pero con detalles máis contemporáneos. Así, vemos un planeta ermo e devastado, con anuncios dunha vida mellor no espazo exterior -inevitabelmente lembrei o zepelín de Blade Runner-, grandes cidades baleiras e unha atmosfera de po e lixo. Hai elementos que lembran a producións máis recentes coma Minority Report ou I Robot. O simpático robot protagonista lembra un pouco a Curtocircuito, aquel que tivera o seu momento de gloria nos oitenta (Bonnie Tyler aínda me lembra esas pelis), pero máis baixiño, menos cansino e máis compacto. O labor de deseño de Wall·E está moi conseguido. Ten unha amiga moi particular, unha cascuda, que como todos e todas sabemos, poden resistir a radiación.

A historia non é demasiado orixinal pero si moi entretida. Nótase a man de Disney, que crea un estraño ser con Pixar. Mestúrase o humor e as referencias cinéfilas duns co sentimentalismo algo podre da compañía de Eisner. Sorprendeume que un robot que se acha só na terra desfrute vendo unha e outra vez Hello, Dolly! e ensaie números muscais.

Polo demais, un alegato ecolóxico de primeira orde e un traballo de deseño e animación dos que paga a pena contemplar.

Tags:

6 Responses to “Wall·E”

  1. skaltum di:

    Estamos acostumados a ver en todos os filmes de animación 3D un romanticismo apastelado, surxido das mans hipócritas dos ianquis, supostamente para atraer o interese dos máis pequenos.Debemos ser benevolentes con filmes como o que mencionas, Shrek, Kung Fu Panda e outros centos de títulos, que simplemente por conter un apartado visual e un atmosfera agradábel,obteñen excelentes críticas?
    Fai tempo que non apoio esta tendencia de aprovar todo o que sae da man de Pixar ou Dreamworks,xa que a inmensa maioría, optan por un argumento predecíbel, adornado con detalles infantís.
    Sexamos honestos, non comparemos grandes obras cinéfilas como “A viaxe de Chihiro” ou a futura “Ponyo no cantil”( espero que estea á altura), con estes proxectos, que sen ser desfeitos dixitais,pasarán ao limbo dos filmes sen ton nin son.

  2. espello di:

    A min tamén me gustou moito Wall·E, ademais de sentirme fondamente identificada co mini-robot limpador que se volve tolo tratando de eliminar a contaminación exterior que expande Wall·E cando chega á nave 🙂
    Non creo que obras coma esta sexan comparables con A viaxe de Chihiro, por exemplo, sinxelamente porque non pertencen ao mesmo xénero nin teñen a mesma vocación. A pesar de compartir o “medio” (a animación), é como comparar dúas pelis de imaxe real, e que unha sexa un filme de autor e a outra unha superprodución. Poden ser boas ou malas, pero non compiten na mesma categoría.

  3. Concordo coa visión da Raíña, non creo que sexan filmes susceptíbeis de comparación. Eu non gosto en exceso do “apastelamento” ao que Disney nos ten acostumados, mais penso que esta en concreto é unha boa película que contén elementos moi interesantes ademais da historia de amor e os elementos predecíbeis. Ademais dunha realización técnica exquisita (tanto a nivel gráfico coma de dirección) e unha creación de escenarios moi lograda dentro do xénero da ficción científica postapocalíptica, por poñerlle unha etiqueta.
    Os argumentos no cinema de masa adoitan ser predecíbeis, eu cando fun ver a segunda entrega de Batman de Nolan, esa que en internet todo o mundo puxo polas nubes, deume a sensación de estar vendo algo que vira xa mil veces. A orixinalidade non ten por qeu ser un valor positivo, a man do “auteur” no cinema actual está reservada a uns poucos elixidos.
    En calquera caso, o resto é cuestión de gustos.
    Un saúdo a tod@s.

  4. TOu de acordo coa Raíña (para variar :P). Non se lle pode pedir o mesmo.

    Ademáis eu non agardo romanticismo apastelado das pelis en 3D. Todo o contrario: Shrek tivo ese éxito porque satirizaba ese “nuberrosismo”* dos contos de sempre. Vale que non deixa de ter unha moralexa (os ogros feos e rosmóns tamén poden ser príncipes azuis e poden cepillarse á guapa e rica…) pero tiña un humor bastante pouco infantil (ou non só infantil) e facía un xogo moi bo no sentido de romper os moldes do sistema do conto tradicional. Un pouco o que facía Cervantes metendo escatoloxía (vómitos, arroutos, peidos) nun “libro de caballerías”. Desacralización.
    TOy Story soubo utilizar as novas técnicas para xogar coa perspectiva (e que puidésemo ver cómo é ser un playmóbil).
    Penso que cada vez máis ( e Wall-E polo que parece é boa unha mostra) estes filmes se empapan máis dunha intertextualidade enriquecedora.

    As películas de debuxos en 3D para todos os públicos teñen aptitudes para innovar, as tecnoloxías abren moitas portas e perspectivas, pero penso que non as podemos ver cos mesmo criterios cos que imos ver un filme de sci-fi dos anos 60, a última de Woody Allen, ou un documental sobre o conflicto social nun poboado da África profunda.

    A mín sempre me criticaron por ver “as mierdas de Disney”. Ben, nunha “peli Disney”, feita para nenos non vas atopar un diálogo intelixente sobre o ser, a existencia e a transmutación platónica porque o público non está preparado, porén atoparás cómo Timón pensa que as estrelas son vagalumes mentres que Simba fala dos seus antepasados. E dentro do nuberrosísmo tamén pasan cousas duras: morre a nai de Bambi e o pai de Simba e o de Cenicienta e … en todos hai desgracias. Hai que librarse dos prexuízos que temos sobre os filmes infantís. Que non está ben dicirlles que todo acaba ben? Pois mira, ao mellor non. E sí, poderedes atoparlle mil mensaxes chungas porque unha psicoloxía simple implica unha mente aínda pecha. Pero se a xente simplificase ás veces un pouco as cousas, cunha mente xa aberta, e se lembrase de que a vida, sendo xa complicada (muerte y destrucción) a acabamos complicando nós, mellor iría a cousa.

    PD: leñe!
    PD2: VOu correndo ver a peli! 🙂

    *nuberrosismo.- Relativo á nube rosa. Dise daquilo que deriva do estado dalguén que flota na nube rosa

  5. Acho moi interesante esa referencia que fas á intertextualidade Aliada, posto que tanto Shrek coma Wall·E están cheas de referencias a outros textos/filmes que son moi enriquecedores para o produto final. Xa sei que a acumulación de referencias non é sinónimo de nada, nin sequera ten que ser sinónimo de bo gusto, pero polo menos achamos unha vía máis para o desfrute. Eu neste filme en concreto atopei moitos elementos e referencias do meu agrado.
    Ao respecto da idea Disney de facer cinema, non estou moi de acordo, pero volvemos ao de antes, é unha interpretación subxectiva.
    Desfruta da peli.

  6. Como mola!!! Si que paga a pena!! A verdade é que se te pós a buscar referencias non acabas o bo é que tan ben traídas.

    Que riquiño, Wall-E!!! ^^

    Gracias pola ovelliña, Pastor! (Vouna chamar EVA 😉