O blogomillo coma hipertexto

Lin hoxe pola mañá o post da Raíña Vermella, no que falaba da divulgación científica. Referíase ela ao blog de gustavo harvey, que lle fixera lembrar a Carl Sagan e seu programa Cosmos e a Arale que lle suxerira o idea ao falares de divulgación . Agora aquí estou eu, referíndome a eles e facendo uso dos seus posts para elaborar outro. Todo isto leva á construcción (aínda que de xeito involuntario) dun texto que podería ser único, pero que á vez é varios e diferenciados. Por medio de enlaces achamos ideas ou adquirimos coñecementos doutras persoas, puntos de vista, etc. O rizoma de Deleuze ven a representar todo isto, bifurcacións que nos levan ao mesmo sitio e a sitios diversos á vez. Todo ata o infinito se se quere xa que quen lea isto podería seguir a cadea e incluso esa cadea podería voltar ás Ovellas e así de xeito cíclico.
Todo isto non fai máis que crear un hipertexto. Xa teño falado do blogomillo como xeito de expresión e de transmisión de coñecementos, de intercambio se se prefire.
Esto non son cousas novas, no ano 60 Theodor Nelson imaxinou o Xanadu Project. cuxo nome está tomado do poema Kubla Khan de T. Coleridge. O proxecto Xanadú sería unha sorte de Biblioteca Alexandrina virtual. G.P. Landow foi o primeiro en acuñar o termo “hipertexto”, pero T. Nelson referíuno as aplicacións dos nodos/enlaces da rede informática para a literatura e o Xanadu Project sería o primeiro hipertexto neste sentido.
Xorde isto a partires do MEMEX (Memory Extension) ideado por Vanevar Bush, un axente da C.I.A. que pretendía crear un sistema capaz de asociar as ideas da xente, coa idea de que a mente das persoas funciona de xeito asociativo. Vanevar Bush publicou un primeiro artigo referido a novas tecnoloxías,
As we may think; que serviu de precedente ao MEMEX. O MEMEX foi o predecesor do World Wide Web (as famosas www) que agora coñecemos, un hipertexto primixenio. O traballo de T. Nelson e o Xanadu Project están recollidos en Literary Machines.
Visto todo isto, é doado imaxinar esta rede nosa de expresión, opinión, divulgación… coma un grande nodo, un hipertexto colaborativo de xeito indirecto e non intencionado ás veces, pero que é un exemplo máis das aplicacións culturais das novas tecnoloxías.

Tags: , , ,

10 Responses to “O blogomillo coma hipertexto”

  1. A Raíña Vermella di:

    Sospeito que a idea do noso Pastor Eléctrico é esa, recoller as ovelliñas, as ideas dispersas que os demáis deixamos polo ciberespazo e facer con elas un hipertexto, un rabaño coherente como o este PEDAZO POST (que ademáis coido que o escribiches esta mañá, así como quen non quere a cousa, hai que foderse). Así que As Ovellas Eléctricas funciona como unha estrela de neutróns no espazo profundo, un punto ao que todo volve no seu movemento arredor da galaxia.

  2. FraVernero di:

    Estou dacordo. É máis, sospeito que os hipertextos da rede abren novas posibilidades literarias e creativas alén dos manidos clichés da individualidade creadora e soberana medieval… Evocando modelos diferentes, como a ‘opera aperta’, tanto de Eco como da Idade Media…

    Unha escrita común e participativa que rache as fronteiras ríxidas entre productor e consumidor. E unha esfera de intercambio. Soa a Utopía? Pois estamos a construíla…

  3. Arale Norimaki di:

    Moitas grazas por esta abraiante “breve historia da www for dummies” (aínda que non o pareza é un eloxio). O certo é que non tiña nin idea de como se xestara a rede de redes. Polo demáis, concordo contigo, o sistema en rede ten a grande fortaleza da súa multidireccionalidade, non hai centros indispensables, e a hipertextualidade (aínda que sexa primixenia) avénse con ese xeito asociativo que ten a nosa mente de maquinar.

  4. moucho branco di:

    se é que logo vos pesa a cabeza de tanto pensar.

    eu son mais prosaico e me limito a dicer algo como “pois lendo tal cousa no blogue de tal, ocorréuseme…”, pero así tamén vale, tá ben explicado, 😛

  5. Mario di:

    O que dá así un pouco para atrás é que fose un Bush que traballaba para a CIA.

  6. cambote di:

    Mira que oín falar dos memes, ou memés, e nunca puiden entender o que eran. Como as morrés das que falaba miña avoa, que dicía que as veu no avión viaxando para a arxentina… dios bendito! e seica ten algo que ver coas patacas cocidas no monte, na terra, que cando se destapan botan unha nubeciña.

  7. gustavo harvey di:

    Incrível! Eu implicado em posts tam profundos de pensamentos filosóficos… será que nom som tam moderno… serei um pensador do século XXI? Isto vai a ser como o aparelho aquele da empatia no livro de Philip K Dick que honras no título do teu blog… subindo a montanha até o cumio sentimos como nos golpejam as pedras que tratam de impedir que cheguemos a descobrir a nossa própria verdade… Viva a empatía e o orgasmatrom!

  8. A rapaza do arco di:

    A verdade é que semella cousa de maxia! estou segura de que antes de que isto aparecese ninguén podería imaxinar que a maneira de comunicarse e intercambiar coñecemento fose a cambiar tanto e dar semellante salto. Unha das cousas que máis tira disto é a posibilidade inmediata que che dá de ser un axente activo nesa rede, elexindo os derroteiros ou deixando comentarios 😉
    Super interesante como vas formando un rebaño selecto.

  9. O pastor eléctrico di:

    Gracias polo xabon Raiña, voume poñer colorado… O feito é que todos os blogs funcionan ao xeito, ao estarmos intercomunicados polos comentarios ou as referencias nos posts.
    Si FraVernero, a rede da posibilidades novas no que á literatura e a arte en xeral se refire, tanto a nivel creativo (como ben dis, non ten que haber un único autor) como a nivel de difusión e recepción do, neste caso; texto.
    Gracias a ti (e a todos) Arale por leres isto. A miña intención era explicalo de xeito sinxelo, porque é un tema moi amplo e que pode chegar a ser confuso se non estás moi familiarizado con él.
    Bueno Moucho, para outra vez aforo o rollo 😉
    É curioso verdade Mario? Se che serve de algo, Vanevar non é parentes dos Bush e o que pretendía co seu proxecto era unha sorte de intercomunicador para as tropas.
    Non sei se o dos Memes ven a raiz diso, se cadra pode ser. Gracias polo apunte Cambote.
    Que viva! gustavo harvey, se eu tivera un aparello de empatía de seguro que non o puña en modo depresión como a muller de Deckard.
    O rabaño formámolo entre todos arqueira, ao deixar comentarios e facer os vosos posts, que me poden dar ideas ou nos que eu deixo os comentarios e logo todo volve ao mesmo punto.
    Moitas gracias a todos por visitar asovellas e polos vosos comentarios.

  10. Roi Buligan di:

    xa habia tempo que non vos facia unha visita, como amante da banda deseñada, encántame este redeseño, aínda que din que lemos de esquerda a dereita, os meus ollos ficaron inamovibeis no cuadriño filtrado pola persiana en amarelo: I want you. I…want you que se repite nun eterno bucle que me define actualmente…e que ten que ver esto co hipertexto, os nodos e a memoria colectiva da rede? nunca vos pasou que unha ovella descarriada ergue a man e di, cambiando de tema…