Archive for the ‘Televisión’ Category

Filmes de Nadal

O nadal é unha época horríbel en moitos aspectos, podería enumeralos pero prefiro que cada un escolla os seus por iso da economía lingüística. É tempo de reunións, ceas, brindes, bos desexos e, sobre todo, horteradas. O nadal é ás cidades o que a moda marbellí ás persoas. Decoracións absurdas e panxoliñas por altofalantes ás once da mañá, en domingo e até as dúas!

A TV coma -case- sempre tampouco se salva. Se a programación habitual é lamentable e carente de calquera tipo de gosto, nestes días tende a superarse e empeorar. Os programas especiais adoitan rescatar vellas glorias televisivas e toneladas de caspa. E confetti. As panxoliñas, o turrón, os beléns, os papanoeles, os renos luminosos… son insignias do nadal, mais non podemos esquecer outro dos grandes clásicos: os filmes de nadal. Este ano aínda non collín ningún, pero estaban poñendo Mary Poppins hai un intre en Cuatro.

Eu xa estou farto de que dean sempre os mesmos refritos de pantasmas e Santa Clauses (?¿?). Así que vou facer unhas pequenas suxestións. Agardo que os estudios americanos tomen nota.

6 Propostas de Filmes de Nadal para o Próximo Aninovo:

Kidnapped 24: Santa Claus é secuestrado por terroristas musulmáns que ameazan con degolalo se o goberno americano non lles entrega tres cabezas nucleares e Hawaii. A nova do secuestro chega apenas 24 horas antes de noiteboa. Mentres as autoridades tentan agochar a realidade, un video difundido pola rede comeza a causar o pánico na poboación civil. Moreas de acción e frases do xeito de “Malditos! No respetan ni lo más sagrado”, “Me ponen en una situación muy delicada” ou “Es hora de repartir algunos regalos”.

Home Alone 5: Macaulay Culkin, xa adulto, volta á casa dos seus pais polo nadal para facer as paces. O costume de escapar de xunto seus pais cando neno, acabou por convertilo nun adolescente emo e posteriormente nun bohemio neoiorquino. Tras unha cea na que os vellos rancores van ficando esquencidos, todo se complica polo feito de Culkin seren en realidade un zombie que quere infectar aos seus pais. Un pouco e gore antes do pavo nunca senta mal.

Han Solo saves Christmas: Unha sidequel na que o traficante e piloto interestelar (interpretado nesta ocasión por algún actor de telecomedia) atopa indicios dunha conspiración para rematar co nadal no sistema de Hoth. Sistema no que sempre é nadal por culpa do seu clima xélido. Coa axuda de Chewbacca e Lando Calrissian (Chris Tucker pode ser unha opción) loitarán contra os malvados seres que intentan construir un sol artificial no sistema para derretir a neve e, con ela, a maxia do nadal. Todos estes acontecementos son anteriores á historia do episodio IV.
Eastern Kings: Os tres Reis Magos de Oriente intentan chegar a Belén ante a oposición das lexións romanas. Herodes sospeita que a súa viaxe pode ser unha excusa para pasar armamento e informes militares aos rebeldes cisxordanos. Pola súa banda, os cisxordanos están ao corrente e corren na procura dos tres magos. Intriga e acción nun filme bélico repleto de efectos dixitais algo deficientes. Existen numerosos rumores en internet sobre a posibilidade dunha segunda parte centrada nas accións do bando xudeu. Os extras do DVD son do mellorciño.

Silent Night, Boxing Night: A metade dos elfos de Laponia organiza un sindicato e comezan unha campaña para acadar o control da factoría de Santa Claus. Santa organiza unha velada de boxeo co fin de recadar fondos para mercar os regalos dese ano e así manter a protección das grandes potencias. Para iso reclama a axuda dunha organización criminal que pretende botar man da influencia do Pai Nadal para futuros negocios. A sátira, o humor e a violencia explícita son os principais atractivos desta claymation.

Droid of droids: Un ano despois da catástrofe nuclear que devastou a Terra por completo, uns enxeñeiros de Magnolia, Iowa (USA), constrúen un pequeno androide que os axude na tarefa de procurar alimentos e auga no ermo en que se convertiu o planeta. A nova espállase rapidamente e os sobreviventes comezan unha peregrinaxe masiva ao lugar coa esperanza de evitar a desaparición total da especie. Filme de 210 minutos de duración no que destaca unha coidada fotografía.

Piratería

Creo que despois de ver moitos anuncios que falan de roubar, de escoitar a grandes multinacionais dicir que perden cartos (no canto de dicir que non os gañan), de escoitar queixas de defraudadores de impostos, de pagar impostos a unha sociedade privada por actos non cometidos, de ver coma o Estado Español apoia todo iso… Despois de todo iso, atopei o anuncio definitivo.


Esta xenialidade pertence á serie The IT Crowd, unha serie creada por Graham Linehan. A serie prestáronma en DVD, así que supoño que tamén lles estou roubando aos produtores. Este outro, de Alejandro Pérez, tampouco ten perda
.

Internet

Levo uns dias xa que non me funciona internet, supoño que non son o único ao que lle pasan este tipo de cousas, pero moléstame de tódolos xeitos. Agora estou nunha wi-fi perdida, gracias a quen a deixou para min.
A ver se mañá está todo arranxado e pode seguir adiante coas ovellas. Deixovos un vídeo ilustrativo dos últimos días do pastor.



Como me gusta Muchachada Nui. Tiña que dicilo.

As series

Fíxome gracia ver aos da Sexta promocionar o que deron en chamar Series de Culto. Agora, de luns a xoves, emiten dous capítulos das series Me llamo Earl, Entourage: El juego de Hollywood, The Office e Larry David. Primeiro polo título, non sei até que punto poden considerarse “de culto”, tendo en conta que aínda están en marcha e son bastante recentes. Á parte diso, publicítanas coma se fose indispensable que un as vexa para poder seguir vivo, coma pequenas xoias da televisión, pero o que non dicen é a franxa na que as emiten: a partires da 1:10 da madrugada.
Parece curioso, contradictorio mesmo pero eu hai tempo que aprendin a non depender dos horarios da TV. Xa fai tempo que non sigo unha serie pola TV, adoito velas todas seguidas, gústame máis. Non me gusta ter que agardar unha semana para ver o que quero ver agora, dentro dun anaco ou mañá.
De todas estas so me enganchei a Me llamo Earl e teño que dicir que é do mellor que vin en tempo, pero xaga coa vantaxe de ter a Jason Lee e Ethan Suplee que sempre me fixeron gracia. Ademais, ten un plantexamento moi orixinal e un mundo propio moi entretido. Recorda as grandes series de vilas pequenas (Twin Peaks, Dr. en Alaska…), cos seus personaxes particulares e a estraña harmonía da vila. Posúe tamén un humor moi propio.
Outra serie que me chamou a atención da Sexta foi The Unit. Seguro que agora vos estades a preguntar por que. Pois por ser responsabilidade de David Mamet, un dos dramaturgos contemporáneos norteamericanos máis impotantes, que ademais é guionista (Ronin, Los intocables de Elliot Ness) e director. Eu coñecino polo seu traballo en Vanya on 48nd st. e sorprendeume ver unha serie tendenciosa, mediocre, con mala actuación, pretenciosa e carente de sentido en moitos momentos. Nun capítulo que me coincidiu ver (cunha dor de estómago fortísima ademais), a unidade estaba en Valencia para asasinar a un banqueiro ou algo así. No outro lado do mundo, a filla do xefe, tiña problemas cun mozo e quería entrar nas forzas armadas par realizarse, ante a oposición da nai e a moza dun dos valentes soldados sufría por serlle infiel. Non sei como acabou, non creo que pagara a pena agardar.
Como curiosidade, Valencia semellaba unha pequena vila, con rúas estreitas de adoquín moi empinadas e homes morenos e con bigote vestidos con pantalóns marróns de franela, camisa a cadros e boina. Aparecía a Guardia Civil, con tricornio e todo.
Por se isto non abondara, The Unit emítese as 17:25 de luns a venres. Eu seguirei vendo as series do tirón.

Facerlle caso aos médicos

Quen nunca foi ao médico a que lle dixera que non ten que fumar nin beber e que debe de adelgazar? O gracioso do asunto é que o encargado de dicirche tales barbaridades é un home duns 100 quilos, cos tose crónica, que ten un recendo perenne a faria e que ten pinta de chamarlle “deporte” a baixar os domingos polo xornal. En fin, como di un bo amigo meu, os médicos son eses especialistas en semánica que lle poñen nomes complicados ás cousas que ti xa sabes que che doen, pero eles saben como se chaman e que non teñen máis remedio que agardar a que se curen soas ou a que queden ahí para sempre.
Pois si, para canto daría falar dos médicos de cabeceira, das colas, dos vellos (que podes mercar no Ikea na sección “Decoración de hospitais”), do cheiro da sala de espera de urxencias, etc. Pero non me apetece largar hoxe en contra dos médicos que algun que outro hai por ahí que sabe o que fai. Teño que falar do médico na casa, si, Manuel Torreiglesias. Este homiño forma un tánden xunto con Manolo Giménez nas mañás da televsión española que rite ti de Cruz y Raya. O do Manolo é un caso á parte, semellante falla de tacto é impresionante, creo que con España Directo é a parte máis espeluznante de toda a cadena (Ramón García á parte). Isto daría para unha análise a maiores pero non teño ganas de falar de pisos cheos de merda, lamazais e demais historias noxentas que rematan cun fulano que te ensina a cociñar (aquí precisaría un símbolo para me poder encoller de hombreiros).
Pois ben, retomando o asunto sanitario, déixovos unha recomendacion de Saber Vivir para que disfrutar da vida e non ter complicacións médicas.

Pois iso, facédelle caso aos médicos.

Máis cousas que ver na tele

Despois de pasar un par de semanas bastante ocupado, teño agora un pequeno respiro previo ao grande respiro das vacacións de verán. Isto de ter tempo para perder é marabilloso (sempre que non sexa demasiado), hoxe pola mañán pillei na Tv mentras almorzaba un clásico do cinema, “Dos superpolicias en Miami”, con Bud Spencer e Terence Hill. Non sei moi ben, pero coido que tiña unha precuela. O caso é que seica están a botar a filmografía destes dous grandes clásicos do entretemento vacacional en La2.
Recordo como de pequeno gostaba de ver co meu avó os filmes destes dous elementos, era un aliciente máis das vacacións escolares, no nadal tocaban as de vaqueiros (Le llamaban Trinidad, Le seguían llamando Trinidad, etc) e as de aventuras (Máis forte rapaces e Vivian cos hipopótamos), no verán eran xa as da época ianqui, como esta de hoxe ou Par o impar. De todos xeitos, o clásico indiscutible segue sendo Y si no… nos enfadamos, iso si que é unha demostración de peli de acción, carreiras de coches, pelexas con decenas de rivais (a pé ou en moto), problemas coa mafia, enredos amorosos… en fin. O problema é que a capacidad técnica e artística de todo o equipo non era todo o boa que se desexaría. De seguro que nunca víchedes unha secuencia de loita peor conseguida. A foto da cabeceira do post é dese filme, rodado en Madrid por certo.
Aínda con todos estes defectos, teñen ese aspecto setenteiro cutre que namora a calquera e esa sinxeleza argumental que fai que un neno de vacacións ou un pastor canso pasen momentos memorables. Outra das cousas que lles debo a estes dous, é que son os responsables do primeiro filme en galego que vin na miña vida, que foi precisamente Máis forte rapaces, así que podo dicir que Bud Spencer e Terence Hill son elementos normalizadores na miña vida; se se poden dar eses golpe e comer dese xeito en galego, que é o que non se pode facer?
Por certo, quero dende aquí recalcar unha campaña da que tiven noticias por Zerovacas, reclamo Shin Chan na galega, a poder ser a partires das 9, que antes non me ven ben.

Cousas que ver na tele cando estas morto

A televisión semella que non ten xa ideas. Alén de realitys, cada cal máis terrible, e cotilleo (que vive bastante dos realitys), non parece que haxa moitas fórmulas de entretemento novas. Acaso xa está todo inventado na televisión?
O outro día vendo imaxes de FactorX lembreime daquel post da Rapazo do arco que falaba dun programa da tv alemana. Naquel momento pensei que os alemáns volvían gañar, pero a tv española tirou de casta e conseguiu decantar o marcador novamente no seu favor.
En fin. Polo menos na caixa tonta tamén se lembran do sinxelo, que ás veces é o mellor. E que hai máis sinxelo que as series dos 70 e os 80? A esta moda das reposicións adiantáranse no tempo A3 e Tele5 pero agora son Cuatro e a TVG as que levan a dianteira.
Hai que dicir que A3 segue a emitir MacGyver, pero Cuatro xa nos deixou V, El coche fantástico (El auto increíble na súa versión mexicana), Juzgado de Guardia… E agora chegoulle a quenda á TVG, tras un par de anos de por Bonanza polas mañás, tocoulle a Colombo, Os vixiantes da praia (Los guardianes de la bahía en México), Magnun (que abandonou Friends para voltar ás suas orixes) e máis recentemente aterrou no universo da galega o máis duro entre os máis duros.
Pois si, Chuck Norris volve con Walker, ranger de Texas ás pantallas, pero desta vez as amenazas soan máis autenticas na lingua do pais (…ti, ponte quieto se non queres que che bata…).
E é que na galega saben aproveitar o tirón que ten entre a xente nova Chuck Norris (sintoo Seagal, ti segues a ser o mellor).

A que mola o meu mechandising de MacGyver?

Ponte

Por fin! Chega coa ponte un merecido descanso para O pastor, que leva un par de semanas que non da feito. Nestas dúas últimas semanas pasei case que todo o tempo ocupado mais non creades por iso que non tiven tempo para seguir enfrikándome, unha cousa é estar ocupado e outra ben distinta metamorfosearse. Hai que ter medida para todo.
O caso é que dende a blogosmorga compostelana non tiven moito tempo para subir partes ás Ovellas, por iso teño pendentes moitas cousas. Na dita blogosmorga foi un pracer coñecer a tod@s os blogueir@s que se presentaron. Xa a altas horas da noite, foi un alivio descubrir que eu non era o único que reproducía sketchs de La hora chanante, cousa reconfortante, xa tiña pensado comezar a medicarme.
Tras esa noite, por unha cousa ou outra, non volvín escribir. Non pensedes que foi a consecuencia dela, simplemente coincidencia, mellor dito, mala concidencia de datas. Nunca vos pasou que nun espazo curto de tempo se vos xuntase todo o que non se vos xuntou en dous meses? Iso foi máis ou menos o que pasou, agardo que a partires de agora retome a actividade blogueira de xeito normal.
Como dicía un pouco máis arriba, tiven algo de tempo para min, tempo que gastei basicamente en mirar a TV mentres comía/ceaba e en seguir co sano tratamento de un anime cada 48 horas (é un tratamento moi recomendable, probádeo) Mirando a TV á hora de comer descubrín varias cousas:

– Que Padre de Familia mola pero queremos capítulos novos.
– Que Futurama reclama tempadas novas, señor Groening tome nota por favor.
– Que non debes cambiar a Tele5 en ningún momento.
– Que sigo a ser fan de Friends e que Joey é unha pataca.

Por certo, no primeiro e último capítulo de Joey que vin decateime de que Oleguer ademais de ser futbolista (e patriota) é actor.



Como vedes, preciso urxentemente a ponte que chega agora. Que a desfrutedes tod@s @s que poidades. Eu prometo voltar con enerxías anovadas.

A conquista do oeste

De seguro que a maioría de vos víchedes algunha vez ese capíulo de MacGyver no que ía a Euskadi rescatar unha ianqui secuestrada. Eu a primeira vez en que o vin pensei que era unha dobraxe de coña, mais estaba errado. Os americanos moléstanse bastante pouco en se documentar á hora de facer cinema (TV neste caso). Pois a pesares do impacto que me causou este episodio no seu momento, o youtube conseguiu que este MacGyver quedara en anécdota.
Mirade vos se non me credes.

Queda aberto o concurso “Saca o mellor erro sobre os vascos”

Mi propio modulo lunar, con casinos… y furcias

Ser unha máquina ten que ter as súas vantaxes, iso é algo que sempre pensei, si non é un pensamento habitual, mais ás veces a miña cabeza non dá para máis. Certamente non debo de ser o único. Comentábame un amigo que no antroido foran disfrazados das personaxes de Futurama e que case chegan ás mans por ser Bender. Quen non quereria ser un androide tan especial, bebedor, cleptómano, festeiro, ludópata, cínico, manipulador, etc. Pois si, ten unha forma de ser que seica atrae a todo o mundo.
Non é único o caso do grande Bender, xa hai moito tempo que o home intenta semellarse ás máquinas, polo menos naqueles aspectos característicos, como a forza, a resistencia, a potencia… e tamén non apéndices extensibles, prénsiles, etc. Xa na literatura, Marie W.Shelley ideara o primeirizo home-máquina, ainda que distaba un pouco do que asociamos agora cun cyborg, é moi posible que fóse o primeiro da historia. O cyberpunk popularizou xa na década dos oitenta do pasado século estes homes-máquina, e o cinema presentounos ao grande público sempre coma entes desumanizados, demasiado robóticos, que empregaban a forza cada vez que tiñan a ocasión.
Esa deshumanización é tema central de toda a literatura cyberpunk, aínda que xa aparecera na literatura de ciencia-ficción anterior, na obra de K.Dick é recorrente por exemplo. Toda esta estética está presente no traballo de xente como Stelarc.
Stelarc é un performancer australiano de orixes chipriotas (STELius ARCadiou) que leva dende os 70 traballando sobre estas bases do corpo modificado por medios mecánicos. Nas súas representacións, traballa con brazos mecánicos, soportes de oito patas, etc. Son tremendamente curiosas, e ademáis ten moito éxito, é raro ver unha actuación súa da que non se vendesen todas as entradas.
Este mércores día 21, actúa en Santiago de Compostela Marcel.lí Antúnez na Sala Nasa. Marcel.lí foi fundador de La fura dels baus mais abandonou o proxecto por diferenzas creativas. Seu espectáculo incorpora ademais dos elementos mecánicos os elementos virtuais, nos que o público é un factor moi importante. A interacción entre o espectador e o performer chega aquí a novos niveis. Se tedes ocasión de asistir, non o dubidedes. Se non, sempre poderedes montar a vosa “propia performance, con casinos… y furcias”.