Archive for the ‘Sen clasificar’ Category

Cóctel impactante

Xuntar conspiracións, imperios galácticos, vampiros, mutantes… todo cunha estética fabulosamente steampunk ten que ter un resultado impresionante.
Ese resultado é Ironwolf. O guión é de Howard Chaykin e John Francis Moore e a parte gráfica corresponde a Mike Mignola (responsábel de Hellboy) e P. Craig Russell.

ironwolf_portada

A historia é fascinante, chea de intrigas, violencia e vinganzas. Unha estrutura moi elaborada e un coidado na estética impresionante. Os ambientes palacianos, as vestimentas, as armas, as naves feitas de madeira e cobre… O deseño das personaxes tamén resulta abraiante, vendo uns vampiros moi próximos á estética gótica e mutantes que remiten aos super-heroes da Marvel ou de DC (compañía que lanzou esta novela gráfica).
Para o meu gusto, o enrevesado da trama topa cun final un tanto abrupto que pide unha continuación, mais este semella que non vai chegar.

ironwolf-06

En calquera caso é unha lectura moi recomendábel para calquera amante do xénero ou para quen se queira iniciar, aínda que para entrar de cheo no ambiente steampunk O Pastor recomenda encarecidamente a sensacional serie anime Last Exile.

O incerto futuro da humanidade

Moitas son as obras de ficción científica que se preguntan sobre o futuro da humanidade en clave catastrófica. Apocalipses, cataclismos, invasións alieníxenas, epidemias, guerras nucleares… Un dos principais temas do xénero é precisamente indagar no futuro negativo que se albisca por accións presentes.

Estes días atrás lin un libriño da mítica colección de Castrelos “O Moucho”, que publicou entre outras xoias o Catecismo do Labrego. O libriño leva por título Homes do espacio e o seu autor é Lois Fernández Marcos. Trátase dunha breve colección de relatos curtos que mesturan a ficción científica coa fantasía. Contos sobre abducións, príncipes guerreiros e futuros apocalípticos. O libro pese a non ter unha calidade literaria demasiado grande, ten o mérito de ser unha das primeiras obras do xénero en galego. Unha aposta arriscada, e máis no ano 1976.

homes-do-espacio

Porén, e retomando o tema dos cataclismos, hai un parágrafo do libro que non consigo quitarme da cabeza e que me gustaría compartir neste espazo. Pertence á historia VIET-NAN 33-35 do libo Homes do espacio.

– O mundo destruíuse lentamente. Pronto sóio quedóu unha sociedade dexenerada de drogadictos e homosesuales. E foron a maldade e o apodrecimento das almas dos homes os que perderon o mundo…

Homes do espacio. Ed. Castrelos. Vigo: 1976. Páx. 18

Hai que ter en conta que está a falar unha personaxe e que non debemos identificar autor con voz narrativa, pero a min non se me vai da cabeza.

Por certo, a imaxe está sacada de aquí. Moi interesante a lista que elaborou Miguel Valverde.