Archive for the ‘Performance’ Category

Poesía multimedia

Onte no Ultramarinos compostelán vivimos unha noite moi especial. A cita tiña como obxectivo a loita contra a violencia de xénero. Foi, como ven rezaba o anuncio do pub, unha noite multidisciplinar. Contamos coa presenza de varios poetas coma Alba Méndez, Oscar Antón Pérez, Alberte Momán, Rosa Enríquez, Mario Regueira, Cruz Martínez, Lucía Novas, Iolanda Aldrei, Rosa Martínez e Lorena Souto. É moi posíbel que me esqueza de algunha ou algún, mais non levaba lápis nin bloc (cousa rara en min, por certo). Contamos tamén coa sempre formidábel actuación de Paula Carballeira que animou a noite cun conto de orixe finlandesa e que fixo rir e participar a todo o local. A noite foi completada por unha fermosa combinación musical ao cargo da guitarra con aires de bossa de Héctor Lorenzo e a fermosísima voz de Najla Shami que interpretaron tres pezas.

De todo o que alí pasou, houbo algo que á miña alma eléctrica e experimental chegou fondo. Foi a intervención de Lorena Souto, que recitou un marabilloso poema acompañado dunha montaxe audiovisual que mesturaba a máxia cinematográfica de Bergman coa experimentación sonora de Mogwai. Eu sempre fun moi devoto destas mostras de creatividade interdisciplinares e multimediáticas. Coido que grande parte do futuro da poesía pasará por ese camiño -ollo, non estou a dicir que a poesía tradicional vaia desaparecer nin nada apocalíptico- posto que a poesía, en tanto que poesía en directo, achégase tanto á performance, que non pode permanecer allea ás tendencias performativas actuais que pasan polo dixital e pola experimentación interdisciplinar.

Cómpre que as tecnoloxías se fusionen coa poesía para así crear novas formas de expresión. O dixital está aí, só fai falla descubrilo.

Para rematar quería agradecer ao Ultramarinos e a Alberte Momán que organizasen este evento que por riba de todo quería dicir ben forte que non estamos dispostos a pasar por alto a violencia machista.

Tetris analóxico

Despois de Anim01, atopo esta curiosa performance levado ao cabo tamén por Juan Lesta e Belén Montero. Un Tetris analóxico. Hai que dicir que presenta un grave problema e é que resulta imposíbel gañar, xa que as liñas completas non desaparecen (sería un pouco complexo facelo).

Impresionante. Crearán un Arcanoid ou Super Mario analóxico. Será cousa de tempo.