Archive for the ‘Ovellas domésticas’ Category

Vellas Noites

Volvía para a casa nese momento en que a néboa comeza a desaparecer e abre o día. Os que non sexan de por aquí non sei se saberán a que me refiro. A noite fora longa, das 18:30 ás 8:30 coma sempre, só que nesta ocasión andivemos por aí todo ese tempo. Tanto tempo de troula da para moito, e iso é o que todo o mundo agarda, máis non sempre é así.A noite comezou á media tarde – cousas do inverno- buscando algo que facer. As noites coma esta son especiais, tes que facelas especiais. Hai que argallar algo, xa! Poñamos as galas e vaiamos ao casino.

O cheiro a fume configurou un xesto híbrido de noxo e excitación na miña face, o xigantesco vestíbulo estaba presidido por dúas grandes fileiras de máquinas comecartos que debuxaban a rota cara as mesas de ruleta e blackjack, situadas nun amplo salón elevado por tres pequenos chanzos dunha pedra semellante ao mármore. Os tapizados vermellos e as lámpadas douradas trouxéronme á mente a casa de calquera millonario dos debuxos animados. Sentei na barra e chamei ao camareiro para que me trouxese unha Cocacola, de lata. Os cacahuetes debían levar máis de 5 meses naquela cestiña metálica.

As mesas de Hold’ em estaban case cheas, pero aínda quedaba un oco para min, e era a miña noite. Tiña crédito suficiente para comezar a sacarlle os cartos a aqueles miñaxoias en canto os flops viñeran quentiños. As cousas estiveron tranquilas durante a primeira media hora, pero a partires de aí, todo mudou. Liguei tres ases e na seguinte man gañei a unha escaleira coa miña cor. A morea de fichas que tiña diante de min invitaba a pensar que podía ser unha grande noite. Tiña que seguir un par de horas, non podía deixar correr semellante oportunidade. – Bueno, eu xa quedo aquí, mañá vou estar zombie. Grazas por pagar o taxi.

– Nada.- escoiteime dicir cunha voz sospeitosamente frouxa. E ronca.

Poucos minutos despois abrín a porta da casa e deiteime coa roupa posta enriba da cama sen facer. Outra noite interesante. Debimos ter ido ao casino, polo menos as copas son baratas.

Filmes de Nadal

O nadal é unha época horríbel en moitos aspectos, podería enumeralos pero prefiro que cada un escolla os seus por iso da economía lingüística. É tempo de reunións, ceas, brindes, bos desexos e, sobre todo, horteradas. O nadal é ás cidades o que a moda marbellí ás persoas. Decoracións absurdas e panxoliñas por altofalantes ás once da mañá, en domingo e até as dúas!

A TV coma -case- sempre tampouco se salva. Se a programación habitual é lamentable e carente de calquera tipo de gosto, nestes días tende a superarse e empeorar. Os programas especiais adoitan rescatar vellas glorias televisivas e toneladas de caspa. E confetti. As panxoliñas, o turrón, os beléns, os papanoeles, os renos luminosos… son insignias do nadal, mais non podemos esquecer outro dos grandes clásicos: os filmes de nadal. Este ano aínda non collín ningún, pero estaban poñendo Mary Poppins hai un intre en Cuatro.

Eu xa estou farto de que dean sempre os mesmos refritos de pantasmas e Santa Clauses (?¿?). Así que vou facer unhas pequenas suxestións. Agardo que os estudios americanos tomen nota.

6 Propostas de Filmes de Nadal para o Próximo Aninovo:

Kidnapped 24: Santa Claus é secuestrado por terroristas musulmáns que ameazan con degolalo se o goberno americano non lles entrega tres cabezas nucleares e Hawaii. A nova do secuestro chega apenas 24 horas antes de noiteboa. Mentres as autoridades tentan agochar a realidade, un video difundido pola rede comeza a causar o pánico na poboación civil. Moreas de acción e frases do xeito de “Malditos! No respetan ni lo más sagrado”, “Me ponen en una situación muy delicada” ou “Es hora de repartir algunos regalos”.

Home Alone 5: Macaulay Culkin, xa adulto, volta á casa dos seus pais polo nadal para facer as paces. O costume de escapar de xunto seus pais cando neno, acabou por convertilo nun adolescente emo e posteriormente nun bohemio neoiorquino. Tras unha cea na que os vellos rancores van ficando esquencidos, todo se complica polo feito de Culkin seren en realidade un zombie que quere infectar aos seus pais. Un pouco e gore antes do pavo nunca senta mal.

Han Solo saves Christmas: Unha sidequel na que o traficante e piloto interestelar (interpretado nesta ocasión por algún actor de telecomedia) atopa indicios dunha conspiración para rematar co nadal no sistema de Hoth. Sistema no que sempre é nadal por culpa do seu clima xélido. Coa axuda de Chewbacca e Lando Calrissian (Chris Tucker pode ser unha opción) loitarán contra os malvados seres que intentan construir un sol artificial no sistema para derretir a neve e, con ela, a maxia do nadal. Todos estes acontecementos son anteriores á historia do episodio IV.
Eastern Kings: Os tres Reis Magos de Oriente intentan chegar a Belén ante a oposición das lexións romanas. Herodes sospeita que a súa viaxe pode ser unha excusa para pasar armamento e informes militares aos rebeldes cisxordanos. Pola súa banda, os cisxordanos están ao corrente e corren na procura dos tres magos. Intriga e acción nun filme bélico repleto de efectos dixitais algo deficientes. Existen numerosos rumores en internet sobre a posibilidade dunha segunda parte centrada nas accións do bando xudeu. Os extras do DVD son do mellorciño.

Silent Night, Boxing Night: A metade dos elfos de Laponia organiza un sindicato e comezan unha campaña para acadar o control da factoría de Santa Claus. Santa organiza unha velada de boxeo co fin de recadar fondos para mercar os regalos dese ano e así manter a protección das grandes potencias. Para iso reclama a axuda dunha organización criminal que pretende botar man da influencia do Pai Nadal para futuros negocios. A sátira, o humor e a violencia explícita son os principais atractivos desta claymation.

Droid of droids: Un ano despois da catástrofe nuclear que devastou a Terra por completo, uns enxeñeiros de Magnolia, Iowa (USA), constrúen un pequeno androide que os axude na tarefa de procurar alimentos e auga no ermo en que se convertiu o planeta. A nova espállase rapidamente e os sobreviventes comezan unha peregrinaxe masiva ao lugar coa esperanza de evitar a desaparición total da especie. Filme de 210 minutos de duración no que destaca unha coidada fotografía.

Rematando a colección?

Hai unha semana, saía eu todo contento dunha libraría compostelana coa derradeira entrega dos contos completos de Philip K. Dick baixo o brazo, bueno, mellor dito dentro dunha bolsa de plástico ben fea. Este volume contén unha selección de contos publicados dende finais dos 60 até a súa morte.
A narrativa breve do americano era difícil de atopar en español (en galego é aínda máis complexo) e dende hai un par de anos, a editora Minotauro estaba sacando as traducións dos cinco volumes compilatorios editados en inglés. Eu desfrutei moitísimo con estas pequenas pezas, algunhas delas son verdadeiras xoias do xénero, ademais de poder comprobar como o estilo e temas de Dick foron evoluíndo.

Se no volume IV puiden comprobar como Minority Report non aproveitaba todas as posibilidades que a narración orixinal ofrecía, neste derradeiro volume quería quitar a dúbida de que grao de semellanza ten We can remember it for you wholesale, coa adaptación de Paul Verhoeven en Total Recall. Si, eu seguramente opino o mesmo que ti dese filme.

Pois ben, vou quedar coas ganas. O relato non aparece. Resulta que a editora (que por outra banda fai unhas edicións moi coidadas), esquenceu incluír o dito relato xa que na versión inglesa da compilación mudárono para o volume II na edición máis recente (a partir da cal fixeron a tradución). O caso é que lles pasou por alto e agora van amañar o erro incluíndoo na nova edición do volume II, volume que tanto eu coma outros moitos xa merquei.

Imaxinade a cara de pampo que me quedou. Nin sequera vano editar en solitario, ou con outras narracións inéditas en español. Eu, iluso, pensei que ao mellor colgaban unha versión dixital na web. Como dixo unha profesora que tiven na facultade: “Igual no mundo marabilloso que queredes construír”. Pois iso.

Digo eu, sería lexítimo ir co meu exemplar do volume II e intercambialo pola nova edición que inclúa o conto?

Piratería

Creo que despois de ver moitos anuncios que falan de roubar, de escoitar a grandes multinacionais dicir que perden cartos (no canto de dicir que non os gañan), de escoitar queixas de defraudadores de impostos, de pagar impostos a unha sociedade privada por actos non cometidos, de ver coma o Estado Español apoia todo iso… Despois de todo iso, atopei o anuncio definitivo.


Esta xenialidade pertence á serie The IT Crowd, unha serie creada por Graham Linehan. A serie prestáronma en DVD, así que supoño que tamén lles estou roubando aos produtores. Este outro, de Alejandro Pérez, tampouco ten perda
.

Avaría Eléctrica

Imaxe: Dru!

Levo xa uns días arredado deste mundo. As razóns son moitas e variadas como dirían nas novas do deporte. Primeiramente, estiven agardando a que os señores de ya.com tiveran a ben facer o traspaso de liña; coido que as miñas relacións coas compañías de telecomunicacións merecerían un señor post, incluso unha guía de uso como a de busca de compañeir@ de piso. Outra das razóns foi un cúmulo de asuntos demasiado denso como para pararse a pensar de que se trataba e así poder explicalo. A de máis peso foi, sen dúbida, unha forte avaría no sistema de aproveitamento enerxético das baterías do pastor. A avaría xa está na última fase de reaxuste e reparación polo que este blogue voltará a ter unha frecuencia de postaxe máis normal que a escasa que leva nos últimos tempos.

A partires de mañá volven As Ovellas Eléctricas (4º Tempada) agardo que con máis forza ca nunca. Isto último recórdame que tamén debería facer unha recopilación de frases tópicas que aparecen neste blogue, podedes ir confeccionando a lista segundo as vexades, así creamos un post colectivo e demostramos que os blogues non están mortos.

Por certo, aproveito para avisar o todo o mundo da recente aparición de Verme (cultura emerxente). Pásalo!

Ruleta Rusa

Tremíanme as pernas no momento de entrar. A humidade fría da mañá percorríame o corpo instalándose nos meus ósos. Procurei que os dentes non castanexasen por non dar á escena un ar tópico e lixeiramente patético. En momentos así hai que ser digno, iso é o que aprendin en Hollywood.

Dispúxeno todo, podía sentir de antemán a sensación de frío na testa, perforándome as tempas, escorrendo pola caluga e aloxándose entre os pés. O sumidoiro daría boa conta do fluído, se cadra un zoom cenital quedaría ben.

Está todo disposto. Pouso o dedo, non sen medo, na panca metálica. Non queda outra, pecho os ollos e déixome nas mans do azar. Nun segundo unha calor terríbel apodérase de min, reconfórtame, estou en paz.

Xa está feito. Saio do cuarto de baño, collo o abrigo e pérdome na mesta néboa do outono compostelán. Agora é el o que ten que tentar á sorte.

Apocalipse Eléctrica


Outra vez máis, o intrépido Pastor Eléctrico non chega a tempo. E é que ser intrépido non exime de ser lento. Unha vez confirmado que a fin do mundo non foi tal, o meme perde un pouco de interese, pero como chegou… fareino igual porque xa hai bastante que non fago un. Mándollo a quen o quera facer porque a estas alturas non sei xa quen queda por facelo.

Se fose a fin do mundo:

1) Que canción che gustaría escoitar?

Era coña! Estaría ben escoitar iso a alguen que soubera que realmente… era coña. Aínda que non sexa exactamente unha canción. De escoitar unha canción escoitaría The Post War Dream de Pink Floyd, non sei, creo que ben ao pelo. Aínda que sexa só polo título.

2) A que libro lle botarías un ollo?

Revisaría os de Philip K. Dick. Sempre cabe a posibilidade de sobrevivir e así tería varios modelos de supervivencia nunha terra devastada. Molaba que fose como Perdidos, pero con bo ambiente.

3) Con quen che gustaría falar?

Principalmente cos que falo sempre. Para que cambiar de amizades chegados a tal punto?

4) Que che gustaría comer?

Creo que non tería moita fame. Probaría a comer un paquete enteiro de Donuts, dos de 24h que veñen 2 máis. Nunca fun capaz de comelos todos. E mira que o intentei en moitas madrugadas non consecutivas.

5) Que farías e que che queda pendente por facer?

Convencer á xente que montou semellante dispositivo acaba-mundos para que termasen un pouco. Xa está ben! Se queren colapsar cousas que colapsen o ADSL, como facemos todos.

Viaxe de fin de semana

Levo uns días que non paro, non me deixan vivir. Se existise unha lotería que en vez de cartos rifase tempo, mercaría cinco ou seis cupóns á semana. Tiña ganas de viaxar, ir por aí. Así que vou falar dunha viaxe, a primeira desta fin de semana.
A comida rematada e as bolsas preparadas! Podemos saír. Apuramos o paso para non coller auga, o tempo é inestábel nesta zona do planeta. O punto de partida era unha construción rexa, escavada na aba da lomba situada na marxe norte da cidade. Ao chegar comezaban a caer finísimas gotas que adiantaban o que podía deparar a climatoloxía na fin de semana.
Dentro do edificio a xente rebulía dun lado para o outro, cargados con pesados bolsos. Nunha esquina un grupo de soldados fumaban distraidamente. Fumaban? Se cadra non, é un edificio público non é permitido fumar neles. Digamos entón, un grupo de soldados nunha esquina, lían o Marca e discutían enerxicamente, é probábel que se tratase da xogada polémica de onte.
O transporte agardaba por nos na parte inferior do complexo, aliñado xunto a outros de diferentes cores e tamaños, pero coa mesma función, o transporte de persoas e pequenas mercadorías. O noso era unha vella máquina de cor grisalla, con desconchóns que falaban ás claras das moitas aventuras polas que pasara. Quizais estivera máis ao leste, nos territorios fronteirizos.
Dentro daqueles ferros oxidados, a atmosfera resultaba desagradábel, un ambiente mesto de po, humidade e suor rancia. No asento da dereita, unha vella rosmaba de seguido polo baixo. Non sei se pregaba polo bo descorrer da viaxe ou simplemente botaba merda sobre algo ou alguén.
Polo fío musical soaba Tommy the Cat antes de me quedar durmido. O sono apoderouse de min. Comecei a soñar de seguida e viñeron á miña mente multitude de lugares onde querería rematar a viaxe. É certo, non tiñamos destino fixo, se non acordaba a tempo acabariamos nun lugar tan remoto como desaconsellable.
Trrr, trrrr. Un zunido insoportábel devolveume entón ao mundo da consciencia. O móbil recordábame que hoxe tiña moito que facer ou tal vez que lembrase mercar baterías cando fixera a compra. Nese momento, xa de volta ao mundo real ou polo menos fóra do mundo dos soños, divisei pola fiestra lateral unha sorte de construción anacrónica. Pare! Baixémonos aquí. Aquelas pedras lembráronme unha vella lenda que escoitaba de pequeno e pareceume interesante investigar o lugar de preto durante uns días. Comezaba a fin de semana.
Igual non aconteceu desa maneira, pero é que teño o pésimo costume de marearme nos vehículos de transporte colectivo terrestre e as biodraminas fan un efecto curioso no meu organismo.

A semana do azar

Andaba eu o outro día curioseando nunha libraría compostelana na busca de nada en particular. Na sección de idiomas, miraba unha guía de conversa de esperanto. Achei os andeis adicados ao galego e á literatura galega e en galego, ao fondo, xunto co resto de idiomas que aprendemos na escola para poder entendermos aos estranxeiros… A miña mirada pousouse primeiro nunha morea de libriños morados, alí entre todos aqueles iguais, o primeiro título que lin foi Exercicios de estilo (Exercices de style) do francés Raymond Queneau. Fiquei realmente sorprendido, tivera ese libro na cabeza toda a semana. Sentía curiosidade por como dunha mesma anécdota podían escribirse 99 discursos diferentes.
Despois de que fixera unha pequena brincadeira sobre o estilo e o punto de vista, Queneau demostroume como facer ás cousas ao grande. Para completar o círculo, ese mesmo día pola tarde, mencionábanme ese libro.
Sorprendeume mesmo a existencia desa traducción, xa que é do no noventa e cinco. O libro, editado por Xerais inclúe ademais os orixinais en francés.
Queneau é un autor que ven do surrealismo e que pertencería ao Collège de Pataphysique e fundaría xunto a Françoise le Lyonnais o OuLiPo (Ouvroir de littérature potentielle), con membros coma Georges Perec, Marcel Duchamp, Noël Arnaud, Jacques Roubaud e Italo Calvino entre outros. Este grupos reúne a autores non convencionais e as innovacións literarias e artísticas de cada un deles son notables.
Outra das obras imprsionantes de Queneau é Cent Mille Milliards de Poèmes unha obra fascinante composta por dez sonetos cos versos intercambiables cos que crear dez billóns de sonetos. A lectura desta obra levaría máis de cento noventa mil anos.

Enfoques

Séntome na miña pequena mesa chea de cousas que non sei de onde saíron (estou comezando a me preocupar seriamente pola kippelización) e prendo o portátil. Unha serie de xesto mecánicos lévame a iniciar o navegador e conectar o cliente de mensaxería instantánea. Por que o conecto? Acaso un escritor non ten que estar só? Que pensaría Kafka de min? Inútil, faste chamar escritor e non tes conflito interno, es un fraude, deixa as letras para aqueles que as saben colocar na orde precisa. Si, seguro que se aproximaría a iso.

Non consigo ser orixinal, xa ves, monólogo interior, citando a Kafka e aínda por riba o tema do escritor. Comezamos ben, o seguinte paso vai ser escribir un thriller sobre un asasino en serie e o a súa alma xémea en forma de policía que o persegue. Buf! Xa sei, dareille unha volta.

Sentou na pequena mesa ateigada de obxectos máis ben inútiles onde tiña o baqueteado computador no que acostumaba pasar os días escribindo. O cuarto reflectía ambiente de traballo que el gostaba denominar opresión creativa. Relacionaba a súa falta de éxito co feito de estar apartado dos grandes autores contemporáneos. Por que non terei agregados escritores no canto de fanáticos das series flah online?

Ala! xa estou outra vez cos monólogos. Seica volveu o século XIX? O caso é… que a min gústame o efecto. Nah, que saberei eu. Teño que deixar de ler tanta merda. Voume sacar o carné da biblioteca e alí terei resposta, seguro que acho libros orixinais que me traian a inspiración. Baixaríaos de internet pero non son quen de ler nunha pantalla e a impresora non me funciona. Ademais na biblioteca seguro que atopo xente interesante. Pode ser un bo lugar onde promocionarme socialmente. Si, seguro…

Era un fracasado, aquel home sentaba todos os días na mesma mesa e nunca escribiu nin unha soa liña que pagase a pena. Estaba obsesionado coa calidade dos seus textos, non, en realidade co que estaba obsesionado era co éxito. Se deixase de mirarse o embigo é posíbel que conseguise facer algo de calidade, mesmo entretido pero parecía máis pendente da recepción do público e sobre todo da opinión que lles merecería a críticos e escritores de prestixio.

Creo que teño que deixar isto, vou mirar se teño correo…