Archive for the ‘Os meus favoritos:’ Category

Os meus favoritos: Patricia Highsmith

Unha das miñas debilidades cinematográficas é, sen ningunha dúbida, Alfred Hitchcock. Un dos seus filmes máis notables, Strangers on a train (1951) está baseado na primeira novela de Patricia Highsmith do mesmo título e publicada un ano antes. Esta obra seica foi reescrita por suxestión de Truman Capote. Se fago esta introdución é para destacar unha das cousas que máis me interesan da obra de Highsmith: a capacidade de crear suspense indagando e furgando na mente humana. Cousa na que era un mestre o grande artesán do cinema, do que falarei noutra ocasión máis polo miúdo. A modo de curiosidade e xa metidos no tema do suspense, dicir que no guión do filme traballou Raymond Chandler, do que xa falei nalgunha ocasión, até que as diferencias entre director e escritor racharon coa colaboración.

Patricia Highsmith non tivo unha infancia agradábel, nada en Texas, mudouse para Greenwich Village (NYC) coa súa nai, o apelido tómao do su padrastro. Axiña comeza a escribir e cando antes falaba da súa primeira novela, debera ter dito “primeira novela publicada”, xa que a pequena Patricia completara grosos volumes de historias, diarios e novelas na súa adolescencia. Lía constantemente os libros da biblioteca da súa nai e interesouse xa moi nova polas teorías dun psiquiatra chamado Menninger que afirmaba que o crime podía ser prevido mediante tratamento psiquiátrico. Este interese revélase na obra de Highsmith, que mostra sempre personaxes con psicopatías e outros desordes mentais. Tamén de moi nova descubriu a súa bisexualidade, que tamén aparece reflictida en obras como Carol ou na saga de Ripley.

Tom Ripley resume moi ben o mundo literario de Highsmith, ambición, desequilibios mentais e emocionais, crime non castigado, ascenso social, a paisaxe e sociedade europeas… Highsmith foi unha muller solitaria, que abandonou os USA para vivir en Europa (Inglaterra, Francia e Suíza), nunca acadou unha relación duradeira e era alcólica. A súa obra foi mellor acollida no vello continente, xa que a temática dos seus escritos non encaixa ben dentro da moral norteamericana. As súas novelas teñen o poder de absorción que se lle agarda ao xénero de suspense, mais faino dun xeito diferente, sen caer en convencionalismos. O factor psicolóxico ten moita forza e a súa capacidade para construír personaxes fascinantes  e misteriosos queda fóra de toda dúbida. É moi curioso o grao de simpatía que poden chegar a adquir durante a lectura personaxes que na vida real non merecerían outra cousa que rexeitamento.

Dicíalle eu o outro día a unha boa amiga que no meu podio de narradores/as de suspense estaría Highsmith xunto con Chandler e Dashiell Hammett.

Mirar no canto de xogar

Nos videoxogos, coma en case todo, téndese á categorización; a dividir en apartados estancos que son na maioría dos casos irreais ou non se axustan á realidade que temos diante de nós. Quitando excepcións claras coma poden ser os simuladores deportivos ou os RPG’s máis clásicos, os videoxogos tenden a mesturar xéneros e modos. Aínda así, é bastante doado atopar algunha categoría na que introducir, sen demasiados problemas, cada un dos xogos que temos pola casa.

Coma sempre, hai excepcións. Shadow of the Colossus é un xogo diferente.

A historia é moi simple, o heroe quere revivir á súa amada pero para iso precisa liberar o poder antergo dun lugar remoto. Ese podes vai ser activado en canto el, coa axuda do seu cabalo, a súa espada e o seu arco, derrote aos dezaseis colosos que habitan o lugar. Até aquí podería ser un RPG tradicional con posibilidades de interacción con outros personaxes, melloras de habilidades, mazmorras, tesouros… Pero non hai nada diso. Tan só un mapa enorme de amplas chairas e poderosas montañas polas que tes que desprazarte seguindo a indicación que fixa o reflexo da luz na túa espada. Non hai inimigos no camiño. Apenas hai que superar obstáculos. Tan só o heroe, o cabalo e o coloso.

É un xogo moi coidado esteticamente e que permite numerosos desprazamentos da cámara para poder observar todo o deseño arquitectónico e paisaxístico. Pode resultar tedioso ao principio, sobre todo para xogadores máis habituados á acción, mais é unha experiencia totalmente diferente no que a xogar á consola se refire. Semella que andan en negociacións para levalo ao cinema. Xa se verá en que acaba todo.

Os meus favoritos: Les Claypool

Non sei moi ben como empezar, así que comezarei dicindo que é para quen non o coñeza. Les Claypool é o baixista e cantante da banda norteamericana Primus, ademais ten outras bandas e proxectos paralelos como a Les Claypool’s Frog Brigade e colaboracións co xenial e excéntrico guitarrista Buckethead, co que grabou ademais xunto con Bernie Worrel e o batería Bryan Mantia o fantástico The big eyeball in the sky. É tamén o que interpreta a famoso tema de South Park.
O seu estilo é inconfundible, ademais de ter unha grande habilidade técnica, emprega un estilo peculiar que mestura a técnica de dedos co tapping, é moi orixinal en canto ás liñas melódicas que consegue. A pesares de contar con excelentes guitarristas ao seu lado (Larry LaLonde e Buckethead entre outros), consegue que a liña do baixo sexa a que leve o peso melódico e a forza da canción. É destacable tamén o uso que fai do slap, o seu estilo podería definirse como funk-metal ainda que con matices porque ten moito de moitos outros estilos.
Ten un grande sentido do espesctáculo e do humor, os seus shows acostuman ser espectaculares. E non só musicalmente.
Recentemente dirixiu un filme que soamente circula polos USA e que leva por título Electric Apricot: Quest for Festeroo, un falso documental paródico do mundo dos festivais de Rock’N’Roll na liña de This Is Spinal Tap.
Deixo aquí un vídeo para que desfrutedes del. Agora entenderedes por que son tan afeccionado á súa música.

E estes de propina.

Os meus favoritos: Paul Auster

Auster é deses autores que hai que seguir. Pode ser que fiques marabillado coa lectura dun libro, pero para desfrutar completamente, é preciso coñecer o universo Auster. Os grandes temas do americano son: New York (Brooklyn en particular), o escritor, a soedade e, por riba de todo, o azar; e son comuns a case que toda a súa produción.
O meu primeiro contacto con este mundo foi por medio de Leviatán. Un libro impresionante, que mestura xéneros e no que os principais motivos do macrotexto austeriano saen á luz. Cabe destacar ese influxo grande que tiña da novela policíaca nos seus primeiros libros. Na chamada triloxía de New York isto é máis obvio, pero vemos o pouso nun libriño que leva o título de Squeeze Play (Jugada de presión) que é unha novela de detectives ao uso e que asina como Paul Benjamin, nome que levará o protagonista de Smoke.
Un dos grandes xogos da súa obra é a mestura do real co literario, fai numerosos xogos coa súa vida, seu nome, anécdotas coñecidas del… e cólaas no medio das historias provocando un efecto sorprendente, no que o autor e a personaxe chegan a fundirse nun so elemento.
A súa forma de narrar é posiblemente un dos meus maiores influxos á hora de por no papel as cousas que me pasan pola cabeza, ten ese aquel de descrición cinematográfica (se é que se lle pode chama así), que fai que vexas con claridade todo o que está contando. Eu nunca estiven en New York, e sen embargo, case me parece ver as rúas de Brooklyn, coa ponte ao fondo, os xantares no Central Park e os luxos e hipocresías de Park Avenue.
É posible que iso fixera que dera o salto ao cinema da man de Wayne Wang. Neste campo, xa non son tan forofo. Xa comentei fai uns meses o meu desencanto co filme The inner life of Martin Frost, pero é que Lulú on the bridge tampouco foi do meu agrado. Iso si, Smoke & Blue in the face si que fican na miña cabeza coma duas boas mostras do que sería Auster no cinema.
Non so no referente ao cinematográfico é que me crea certa identificación, senón no que atinxe ao azar. Eu que son mais ben descrido e que non confío para nada no destino, si que creo que o azar é ese algo que escapa ao noso control e que ten un papel decisivo no decorrer das nosas vidas. Eu mesmo, moitas veces tiven comprobado o que o azar fixo na miña vida, mudando completamente a direción das cousas por un detalle aparentemantemente sen importancia. De todos xeitos, para comprobar o poder do azar no seu maior grao de expresión aconséllovos La música del azar.
Agardo que non se lle suban os premios á cabeza e que volva outra vez polo camiño que marcou con mestría e no que eu seguirei agardando o seu retorno.

Os meus favoritos: Philip K. Dick

Xa teño falado del neste espazo (libre e sen canon), pero sobre todo de aspectos da súa vida e obra. Obra moi coñecida aínda que sexa pola adaptación ao cinema. Aínda que no caso de Blade Runner non é moi fiel ao libro, si que capta o espírito do mundo de Dick.
É precisamente ese mundo o que máis aprezo na súa obra. Ao contrario que outros autores da ciencia ficción de mediados do século pasado, non se afastaba da terra nin da súa realidade. É certo que si ten relatos e novelas situadas no espazo exterior e mesmo nas naves intergaláticas, pero o celme das súas historias está sempre situado nos EE.UU. da posguerra. Antibelicismo, paranoia conspiratoria, falta de liberdade, militarismo, desolación… De feito algún dos seus relatos sitúase no fin dos 40 nunha norteamérica preocupada pola ameaza nuclear e sen futuro máis alá da tiranía do goberno conspirador e manipulador. The man in the high castle sitúanos nun mundo no que alemáns e xaponeses gañaron a guerra e repartiron entre si Europa e os EE.UU. Esta temática terrestre foi o xermolo do Cyberpunk desenvolto anos máis tarde por xente coma William Gibson ou Bruce Sterling.
As grandes teimas de Dick sempre foron a falta de libertade, o descoñecemento da realidade, a morte, a manipulación e as drogas. Son estes temas recorrentes na súa obra e fan un todo, pois cada un deles lévanos ao seguinte.

Todas estas cousas crean na man do xenial escritor unhas historias orixinais, magnéticas e únicas que fixeron que non sexa capaz de deixar de lelas. O ano pasado, a editorial minotauro comezou a editar en castelán as antoloxías da súa narrativa breve, dividida en cinco volumes por orde cronolóxica. Aínda faltan por aparecer as dúas últimas e xa devezo por elas. Por medio destas antoloxías, fun vendo a evolución dun home que decidiu facer carreira de escritor e que nunca parou. Esa constancia deu unha obra moi prolífica, pero tamén, e hei ser sinceiro inconstante. Está claro que ten traballos moi frouxos pero son compensados con obras magníficas e perdurables no tempo.De feito ao ler agora a súa obra, poderíamos situarnos no contexto norteamericano e supoñer que a inquedanza de Dick podía pertencer a unha persoa do noso tempo.

Por todas estas cousas, foi un autor que me fascinou. O mundo de Dick sempre será un pouco o mundo do pastor. Aínda que estes mundos do pastor son máis os de Gibson, pero diso xa falarei outro día.