Archive for the ‘Informática’ Category

Por que é importante o software libre?

Hai uns días recibiamos unha noticia pésima, o desmantelamento de Mancomun por parte da nova executiva da Xunta (chamarlle goberno galego é demasiado eufemístico).

Tras esta nova supoño que haberá oscuras intencións políticas (adoitan ser escuras todas cantas decisións se toman ultimamente), mais o que non se pode facer é mentir e aducir que o desmantelamento obedece á famosa política de austeridade da Xunta. A Xunta (ao igual que o goberno do Estado) gasta millóns e millóns de euros en licencias de software privativo e en técnicos que arranxen os innumerábeis problemas que este trae consigo.

Cando ti (neste caso a administración) mercas un equipo, estás pagando unha licencia a Microsoft polo uso do seu sistema operativo Windows. O problema é que ese uso é restrinxido, non hai un acceso ao código fonte do programa, polo que, se algo non funciona ben, non podes amañalo ou aprender o por que dese mal funcionamento. É dicir, estás a pagar por un servicio que está limitado e sobre o que non tes elección de escolla primeiro nin modificación despois. Ven imposto. Imaxinade un mundo no que se mercaras un coche, viñera cun motor idéntico ao dos outros modelos de coches, motor que en caso de avaría non poderías arranxar xa que non poderías abrir o capó. Isto é o que pasa co software propietario ou privativo.

O software libre pola contra, pode custar cartos ou non, pero tes dereito e liberdade de usalo coma ti precises. Se queres adecualo ás túas necesidades eres libre para facelo. Por iso a Xunta debería apostar por esta modalidade, o custo de instalación e mantemento veríase reducido notabelmente e poderíanse adecuar os equipos ás necesidades da sanidade, educación, burocracia en xeral… O mantemento dunha oficina de desenvolvemento e soporte de software libre é infinitamente menor ao custo de pagar licencias de programas e sistemas operativos propietarios. Ademais, os programas estaría feitos á medida das necesidades da administración.

O software propietario pon trabas á evolución e aos avances técnicos, un grupo de desenvolvemento de software libre aporta novidades e utilidades para a comunidade de usuarios, que poden á súa vez, seguir mellorando e adecuando o software ás súas necesidades.

É unha mágoa que un proxecto tan innovador no noso país e de tanta valía vaia caer no limbo por culpa do analfabetismo informático (e ganas de borrar todo o traballo anterior) duns cantos gobernantes que gastan 137.000€ en facer un blogue.

A palabra liberdade, hoxe en día luxada por aqueles que se disfrazan de vítimas, é moi necesaria no software. Se un non é libre de controlar o seu computador, o seu computador domínao a el.