Archive for the ‘Historias Eléctricas’ Category

Verde escuro

O inxectable estaba a facer efecto no seu corpo. Notou coma a rixidez dos músculos das costas comezaba a desaparecer. Inspirou forte e apoiou as mans sobre os xeonllos. Tiña a cabeza gacha e a curvatura do lombo conferíalle o aspecto dun C. – Crápula, iso é o que son. Debo saír de aquí antes de que cheguen.

…. toc … toc … clac!

Os ollos afundidos nas cuncas estaban vidrosos e inxectados en sangue. A cabeza comezou a moverse de xeito descontrolado en todas as direccións. O C converteuse de súpeto nun T. Tremeulle todo o corpo ao se erguer de súpeto, pode que a rixidez desaparecese pero a enerxía tardaría en voltar. A suor empapaba a súa camiseta lixada e escocíalle as feridas que tiña no peito.

… shish … shish … ah!

A dor fixo que levase a man rapidamente ao pescozo, notou coma o sangue caia quente por entre os dedos. Tratou de dar a volta e buscar na escuridade, pero non foi quen.
Agora estaba quedo, sen forza apenas para se manter consciente. Ficou en silencio e escoitou como a chuvia golpexaba ritmicamente na cuberta daquel galpón inmundo, o ruído metálico das gotas contra a cuberta de metal tranquilizouno.
Aínda non se atopaba con ánimo de voltar ao mundo real, alí no seu refuxo sentíase mellor. Notou como a mente se lle aclaraba pouco a pouco, a claridade comezaba a iluminar parte dos seus pensamentos. Determinación, si, iso é. As palabras retumbaron con eco no seu interior. Palabras, non feitos. Todo eran palabras, imaxes e ruídos, os feitos alonxáranse xa hai tempo do seu camiño.
O botón co pequeno cartucho amarelo fixo “clic” e o seu sistema nervioso volveu a reactivarse. Recargarse, volver ao nivel máximo.

… triw … briw … … … fsiwsh

Notou o medo novamente ao percibir, agora si, na sombra a luz verdosa daqueles ollos que agardaban o seu momento.

___________________

Tedes a versión eléctrica aquí.


Hoxe é día dun agardado nacemento, non me refiro a este. Ao que me refiro é a que hoxe nacen as Historias Eléctricas, que polo menos non precisará dun bautizo e unha vida de luxo á costa do contribuínte. É este un espazo para a creación multimedia, no que se pretende dar cabida a todo tipo de creación pensada para a rede: microrrelatos, videopoemas, relatos flash, poesía cinética, fotografía, hipernarracións, game-art e todo aquilo que se poida axustar a este formato que é a rede.

A idea xa levaba uns meses no ar. Seica a ponte nos fixo ben a tod@s coma desexaba eu estes días atrás. Ao final puxemos en marcha esta versión 1.0 namentres non teñamos presuposto e ganas para unha versión máis atractiva visualmente e con máis posibilidades técnicas.
Intentaremos levalo con enerxía e dar cabida ao maior número de estilos e formas que nos sexa posible.
Se queredes colaborar, podedes facelo a través da caixa de correo: hitoriaselectricas@gmail.com. Agardo que o desfrutedes.