Archive for the ‘Cinema’ Category

A poesía da violencia (0000)

Se hai un tópico para o cinema oriental (á parte de “es raro, no lo entiendo”) é o da violencia. Moitas veces os tópicos son simplemente iso, tópicos, pero hai ocasións en que teñen un pouso de verdade ou polo menos, de aproximación a esta. É ben certo que os filmes orientais – refírome aqui aos coreanos e xaponeses principalmente- adoitan ter unha carga importante de violencia, mais non é unha simple plasmación dela senón unha representación dalgo tan propio (e tópico tamén) destas sociedades; as tradicións e a espiritualidade.

É por iso que moitas veces non somos quen de compreder moitas das cousas que acontecen nestas producións nun primeiro visionado ou sen ter referencias explícitas sobre certos mecanismos culturais. A maior inxustiza que se pode cometer contra estes filmes é a dobraxe. Xa falei algunha vez disto, pero é que penso que nestes casos non só se bota por terra o traballo dos actores, senón que perde o sentido completamente. Ves xente xesticulando dun xeito estraño e movendo a boca coma se berrasen mais poden estar a falar nun ton normal ou mesmo amistoso.

A violencia que está tan presente no cinema oriental (seguirei chamándolle así por economía lingüística), adoita ser consecuencia dunha profunda reflexión sobre algún aspecto social levado á transcendencia espiritual dunha cultura na que a tradición e a globalización van da man. A alta tecnoloxía e os sistemas sociais máis antigos van da man, tinguidos, iso si, dunha espiritualidade profunda.

Esta violencia pode ser consecuencia de moitas cousas pero se hai un motivo que a pode desencadear por riba dos outros é a vinganza. Non é moitas veces unha vendetta por cuestións de poder ou cartos (que ao fin veñen sendo a mesma cousa) senón unha sorte de arranxo metafísico para devolver a orde pechando un mal desencadeado por algunha entidade, en moitos casos unha persoa ou persoas.

Hai moitos xeitos de entender o cinema, nos distintos e múltiples aspectos que este ten, e cada un ten os seus gustos, pero é que cando o aspecto visual e o narrativo acadan un nivel de orixinalidade tal – sempre tomando como referencia os produtos occidentais- neste tipo de filmes que eu fico prendido deles.

O meu primeiro 16bits

Lembro perfectamente o día en que tiven entre as mans a flamante Mega Drive de Sega. Era un artefacto impresionante, moito máis grande do que parecía nas fotos das revistas e dunha cor negra, negrísima. O pack incluía un mando e un xogo. Sempre me fascinou esa política de “un mando”, ao final acababas mercando outro para xogar cos amigos pero, por que raios non o mercaban eles? A fin de contas, ti xa puñas a casa, o xogo e a consola. Iso polo menos, a merenda e os refrescos eran opcionais.
O xogo que viña era Flashback, esa palabra que tanto escoitaría ao longo da miña vida dende entón, aínda que case nunca en relación con este magnífico xogo. Mais ben en relación co cinema (Ai, Tarantino, Tarantino…) ou coa literatura (“o flashback tamén chamdo analepse…”) eu sempre estaba por dicir que tamén se coñecía como The quest for identity. Nunca o cheguei a comentar, parecíame fóra de lugar.
O xogo era sensacional, impresionábame a aparencia gráfica que tiña, ao xeito de ilustración, con cores moi diferentes ao habitual, semellaba debuxo simple de banda deseñada, sen filigranas mais con certo estilo.
A ambientación era cyberpunk, a pesares de que eu non coñecía tan sequera o termo, viñérase rapidamente á cabeza Blade Runner, pola combinación de vestiarios actuais e futuristas, o coche no que fuxías era moi parecido ao patrulla de Deckard, a pistola… incluso no propio personaxe.
Visto co paso do tempo, samella máis interesante aínda, e unha revisión que lle fixen o ano pasado deu para moito. Unha das cousas que pasara por alto no momento, non por anecdótica (era clave no transcurso da historia) senón por falla de referencias era o Holocubo. Tratábase dun pequeno obxecto de forma cadrada do que saía unha historia que pasaba por ser a túa mais non era seguro. Lembreime deste obxecto vendo Mulholland Drive, nese momento clave do filme no que no teatro aparece por vez primeira esa pequena caixa que se abre e a partires de aí todo se volve -máis- confuso. Será que David Lynch púxose a xogar ao Flashback despois de rematar Twin Peaks?


Os meus favoritos: Paul Auster

Auster é deses autores que hai que seguir. Pode ser que fiques marabillado coa lectura dun libro, pero para desfrutar completamente, é preciso coñecer o universo Auster. Os grandes temas do americano son: New York (Brooklyn en particular), o escritor, a soedade e, por riba de todo, o azar; e son comuns a case que toda a súa produción.
O meu primeiro contacto con este mundo foi por medio de Leviatán. Un libro impresionante, que mestura xéneros e no que os principais motivos do macrotexto austeriano saen á luz. Cabe destacar ese influxo grande que tiña da novela policíaca nos seus primeiros libros. Na chamada triloxía de New York isto é máis obvio, pero vemos o pouso nun libriño que leva o título de Squeeze Play (Jugada de presión) que é unha novela de detectives ao uso e que asina como Paul Benjamin, nome que levará o protagonista de Smoke.
Un dos grandes xogos da súa obra é a mestura do real co literario, fai numerosos xogos coa súa vida, seu nome, anécdotas coñecidas del… e cólaas no medio das historias provocando un efecto sorprendente, no que o autor e a personaxe chegan a fundirse nun so elemento.
A súa forma de narrar é posiblemente un dos meus maiores influxos á hora de por no papel as cousas que me pasan pola cabeza, ten ese aquel de descrición cinematográfica (se é que se lle pode chama así), que fai que vexas con claridade todo o que está contando. Eu nunca estiven en New York, e sen embargo, case me parece ver as rúas de Brooklyn, coa ponte ao fondo, os xantares no Central Park e os luxos e hipocresías de Park Avenue.
É posible que iso fixera que dera o salto ao cinema da man de Wayne Wang. Neste campo, xa non son tan forofo. Xa comentei fai uns meses o meu desencanto co filme The inner life of Martin Frost, pero é que Lulú on the bridge tampouco foi do meu agrado. Iso si, Smoke & Blue in the face si que fican na miña cabeza coma duas boas mostras do que sería Auster no cinema.
Non so no referente ao cinematográfico é que me crea certa identificación, senón no que atinxe ao azar. Eu que son mais ben descrido e que non confío para nada no destino, si que creo que o azar é ese algo que escapa ao noso control e que ten un papel decisivo no decorrer das nosas vidas. Eu mesmo, moitas veces tiven comprobado o que o azar fixo na miña vida, mudando completamente a direción das cousas por un detalle aparentemantemente sen importancia. De todos xeitos, para comprobar o poder do azar no seu maior grao de expresión aconséllovos La música del azar.
Agardo que non se lle suban os premios á cabeza e que volva outra vez polo camiño que marcou con mestría e no que eu seguirei agardando o seu retorno.

Para ir comezando ben o ano

Seguro que calquera persoa que pasara por este blog, deuse de conta de que unha das grandes debilidades do pastor é un filme marabilloso chamado Blade Runner. Posto que xa falei do filme, da historia na que está inspirada, de K. Dick (penso que moito incluso), etc. Hoxe, e para comezar ben o ano, deixo aqui unha parodia/homenaxe da man de Quique San Francisco, e o equipo de La crisis carnívora.
Éste é un corte promocional do filme, que se estreou no pasado festival de Sitges e que ten un plantel incrible, coas voces do propio San Francisco, Joaquin Reyes, Jose Coronado, Alex Angulo, Pablo Carbonell… E a participación de Nikodemo animation, creadores de Cálico Electrónico.
Como curiosidade, dicir que está realizado na súa totalidade en Flash.
Agardo que a desfrutedes. Tedes máis cortes na web do filme.

Noite de Jazz

Hoxe foi un bo dia para este pastor. Unha noite especial, especial por varios motivos. Un deles foi a descoberta dun grupo que me fascinou, duas horas de actuación que me pareceron dez minutos. O grupo en cuestión chámase Third World Love, son de Israel e fan un Jazz moi animado con infinidade de matices que van dende ritmos do oriente medio até o bebop pasando polas músicas americanas. Visitade a súa páxina, podedes escoitar varios temas nela.
Foi un deses concertos que pagan a pena, teñen un directo realmente sensacional e ademais foi de balde. A semana do jazz de Lugo comezou este ano cun mal sabor de boca para min, posto que chegaba á cidade das murallas o mestre da guitarra John Scofield, pero a súa axenda non foi compatible coa miña. Por casualidades cósmicas inexplicables, este pasado martes 13 (vou comezar a ser supersticioso) coincidiron nestas terras dous grandes xenios do xénero, Ornette Coleman e Scofield, un na Coruña e o outro en Lugo. E mentras tanto, o pastor en Compostela.

Polo menos, aproveitei e pasei por Cineuropa ver A fuxida, de Peckinpah. Un grande filme dun director dos que deixan pegada, senón que lle pregunten a Tarantino. Como me dixo a Raiña Vermella, un filme pretarantiniano. Non creo que se poida definir mellor.

O xoves deixeime caer polo filme de Paul Auster. Deixoume un pouco frio, bueno iso quizais foi por mor do clima. En realidade, é un filme discreto, con momentos moi bos e outros algo absurdos e case ñoños, pero o peor é que a segunda parte do filme é prescindible. A ver se co seu próximo traballo mellora un poco os dous últimos. Tanto Viaxes no Scriptorium coma A vida interior de Martin Frost decepcionáronme bastante, igual polo moito que desfrutei cos seus libros anteriores. Na parte cinematográfica, quédome con Smoke, realizada xunto con Wayne Wang, recente gañador no festival de Donostia. Igual axudou que Auster fóse presidente do xurado.

Death Proof

Por fin fun ver a última aventura visual de Tarantino. Cada vez que vexo algo deste xenial realizador (nunca mellor dito no caso del) fico cunha mestura de abraio e ansiedade por unha nova entrega deste tolo consumidor de cinema de serie Z, música dos 70 e, en xeral, toda a cultura popular americana: dende as pelis de autocine, ao gore máis cochambroso, os muscle cars dos anos 70, as road-movies, os filmes de artes marciais, a subcultura hispana dos estados do medio oeste… Todo iso pasado pola súa mente da como resultado filmes altamente estéticos e cheos de referencias a todo aquilo que mamou dende a adolescencia e que fica coma unha especie de homenaxe a ese cinema que o marabillou e que el eleva á categoria de obra mestra.
En Death Proof, Tarantino rende homenaxe aos filmes de doble sesión dos autocines. Nos USA estreouse xunto con Planet Terror de Robert Rodriguez nunha sesión doble baixo o nome de Grindhouse, pero na distribución europea apareceron por separado, iso si, cun metraxe maior. Nesa contínua homenaxe cabe destacar o filme Punto Límite: Cero, no que Barry Newman conducía un Dodge Challenger de 1970 branco coma o que guían as mozas da segunda parte da cinta. Curiosamente o que conduce Especialista Mike é un Chevy Nova. Este coche aparece tamén en Pulp Fiction pero en cor vermella, descapotable e doutro ano. Este último que no filme era propiedade de Vincent Vega, é en realidade do propio Tarantino. Neste sentido cabe destacar a aparición de Zöe Bell, unha especialista que se interpreta a sí mesma e que foi a dobre de Uma Thurman en Kill Bill.
Temos tamén numerosos guiños do director cara ao seu propio traballo, aparecen personaxes de Kill Bill (O Sheriff e o Hijo número 1), o politono Kill Bill, e como non, as hamburguesas Big Kahuna (saen en Reservoir Dogs e Pulp Fiction).
Fiel ao seu estilo, Tarantino sumérxenos nun mundo no que os diálogos non nos desvelan partes da trama, senon que son circunstanciais, unha escusa para enredarnos en discusións absurdas sobre temas triviais cun forte contido sexual, drogas e violencia mediante. Pero o grande talento deste home fai que resulte un todo moi impresionante. Como non, tamén hai unha variedade de planos dos pés das protagonistas (non podían faltar) e un baile sensual polo medio. Tamén recolle a un actor esquecido, neste caso Kurt Russell (nun papel perfecto para el) quen traballara con John Carpenter en varios filmes. Carpenter é un dos directores favoritos de Tarantino xunto con Peckinpah.


Unha novidade importante é o debut de Tarantino como director de fotografía. Este é un apartado que destaca especialmente polo continuo xogo estético coa luz, a imaxe e a cor.
En xeral é un filme que me deixou un bo sabor de boca e fico coa incertidume de se Tarantino e o seu amigo Robert Rodríguez achegarannos unha segunda entrega de Grindhouse. Permanecerei á espera.

Atrapado no outono

Xa ves, 25 de xullo e eu na casa. E iso que saiu o sol, debe ser que Quintana non quere queixas da organización dos fastos e ata falou co sol que seica estaba en Marina D’or. Claro, vacaciones todo el año. Xa é hora de traballar solciño, que parece outono!
Onte nin os fogos vin pola Tv. En troques quedei cos amigos para vermos unha peli que xa vira antes. Polo menos o filme era Snatch, que é dos que paga a pena voltar ver. Saquei dúas conclusións: que é a versión mellorada e con actores con caché de Lock & Stock e que Brad Pitt é máis ca unha icona sexual de raparigas (e raparigos) dende hai máis de 15 anos.
Comentábanme o divertido que debeu de ser facer a dobraxe dos xitanos da película:
“nacravanna neva. color marilloimón”. Unha das cousas máis vistosas que ten o filme é a montaxe trepidante, que acelera o ritmo para que detalles importantes para a trama, pero a niveis secundarios, non realenticen o ritmo xeral da acción.
Hoxe tamén pasan no mundo outras cousas, como que Chick Corea actúa no Jazzaldia de Donostia e eu non podo estar. Para consolo, ou envexa, alguén se lembrou de min dende alí e estará desfrutando do xenial pianista americano.
Agora estiven vendo no meu cuarto Atrapado en el tiempo (Por que demo non traducirían o título como: El día de la marmota). Lembreime dela porque levo xa dez días que semella que son o mesmo. Espero poder espertar o venres e ver que xa pasou o día e teño un fermoso día novo por diante.
Por certo, se tiverades que repetir un día unha e outra e outra vez, cal vos gustaría que fose? Non fai falla que contestedes pero pensádeo. Eu non fun capaz de elixir un. En troques, Bill Murray si, terei unha vida máis variada e emocionante ca el? Capítulo 1: Desmitificando estrelas de Hollywood.
Creo que me vou meter na cama. Ogallá mañá sexa venres, pero sospeito que non a ser así.

O mellor do mellor

Claro que si! Steven Seagal. De quen ía falar senon. Este home que sempre é o mellor en todo o que se propón, tanto facendo chaves, coma recibindo balas (non lle fan dano), como descubrindo vacinas para a guerra biolóxica, pilotando todo tipo de vehículos, facendo pasteis, etc. Agora o rudo home de Michigan, que foi o primeiro estranxeiro en ter dignidade de mestre aikido en Xapón, saca o seu segundo álbume coa súa banda Thunderbox, Mojo Priest. É un disco de blues, con son do delta, máis que meritorio no que colaboran grandes nomes do xénero como Willie Perkins, Koko Taylor, James Cotton, Hubert Sumline o grande Bo Diddley. O disco contén algún clásico do xénero como Hoochie Coochie Man (popularizada por Clapton nos últimos tempos) e tamén temas propios. Fixádevos na expresión da carátula do álbume, non ten desperdicio.
Parece ser que de pequeno, Steven Seagal non só lle colleu o chiste ás artes marciais coas que adquiriu popularidade no mundo do cinema de acción, senón que tamén llo colleu á guitarra, que leva tocando dende os 10 anos.
Hei de recoñecer que ao principio, a escolla do disco era produto dese gosto meu por incorporar toques exóticos á banda sonora da miña vida, pero tras unha primeira escoita satisfactoria, a segunda fíxome ver que parece ser que por fin “O Mellor” fixo algo artistacamente aceptable e incluso bastante bo. Non é un grande guitarrista, pero domina de xeito aceptable o rexistro blues e posúe unha voz que ainda que non brillante, si é capaz de manter o tipo coa melodía e aportar un punto de melancolía á canción.
Pois iso, O Mellor non é o mellor bluesman do mundo, pero non deixa de nos sorprender. Non digades nada chungo del nos comentarios, porque pode atoparvos e facervos moito dano!

Dous clásicos

Pois si, hoxe cúmplense 25 anos da estrea de Blade Runner, o fascinante filme de Ridley Scott. Xa falei noutras ocasións dela aquí, así que pouco máis se pode engadir, pero podedes mirar por onde sempre, ou por aquí ou este resumo que publicaba hoxe a edición dixital de ElPais.
Aos que nunca víchedes esta obra mestra, non perdades tempo e botádelle un ollo canto antes, e aos que xa a víchedes, volvedea a ver, ou é que tedes algo mellor que facer?
A proposito de Harrison Ford, xa comezou a rodaxe da cuarta entrega de Indiana Jones con Spielberg e Lucas como director e productor executivo respeitivamente. A ver se cumple coas espectativas e podemos desfrutar outra vez do arqueólogo máis famoso do mundo. Coñecedes algún outro arqueólogo?

Diario de rodaxe

Como dixen no post anterior, andiven ausente deste noso mundo paralelo algún tempo e quedaba pendente a explicación do motivo. Pois o motivo foi a primeira experiencia no audiovisual do Pastor eléctrico. Durante a fin de semana anterior participei na rodaxe dunha curtametraxe na cidade da murallas (logo será coñecida como a Cidade do Pastor, senón tempo ao tempo) como axudante de dirección. Levaba xa tempo detrás da oportunidade de poder poñerme do outro lado das cámaras e foi do mellor xeito posible.
A experiencia non puido ser mellor, ademais de pasalo en grande tiven oportunidade de aprender de profesionais con moita experiencia e cun espírito de traballo envexables. O mellor, á parte do bo ambiente e o espirito de traballo en grupo (admiráble cando non hai cartos polo medio), foi o poder aprender as técnicas e os trucos dos que saben. Desfrutei moito coas explicacións que Luís Bellido (director de fotografía) me daba mentres montaba en tempos de récord toda sorte de iluminacións cos poucos medios que tiñamos (2 focos de 500 wts) e calquera cousa que collese polo camiño (unha caixa de cartón, un folio, un póster, unha tea…).
A fin de semana foi moi intensa (12h de rodaxe o sábado e 8 o domingo) pero todo o traballo anterior mantívome tamén moi atarefado. De todos xeitos, eu case non notei o cansanzo até o luns pola mañá (xa en Compostela) cando cáse non fun quen de me erguer á hora de costume. Iso creo que pon de manifesto de xeito claro o ben que o pasei na rodaxe.
Tamén xurdiron complicacións de última hora que fomos capaces de sacar adiante de xeito máis ou menos óptimo e en contra do reloxo (esta parte quedaría moi ben nunha entrevista en “Versión Española”). Para variar, a policía local de Lugo tivo que facer a súa aparición estelar e inoportuna, pasando polos autoritarios collóns que a cidadanía lles outorga o permiso de rodaxe que unha semana atrás firmara o seu inspector xefe. O caso é que entre que Touriño visitaba a cidade e algunha dama da
beautiful people de Lugo non podía perder 40 seg. da súa vida agardando a que rematase unha toma, a autoridade retirounos o permiso para gravar. Deste xeito tivemos moitos problemas para rematar unha escena na rúa San Pedro en Lugo. Unha hora máis tarde e cando xa remataramos de gravar, o alcalde que pasaba por alí ao ser informado da noticia, outorgábanos de novo a autorización, mais xa non valeu de nada.
Tamén atopamos numerosos atrancos máis por parte da Policía Local e da concellaría de Xuventude, pero iso da para outra historia.

Apesares destes atrancos e doutros problemas menores (como a pesadez que me produxo a pizza do sábado), logramos rematar a tempo e coido que o resultado non é tan malo como nun principio podiamos presaxiar. Aínda non vin como quedará a versión definitiva así que non podo dicir se, na miña opinión, quedou ben ou mal.
Agradecer tamén dende aquí o seu esforzo e traballo aos actores: Gibert, Ana e María; ás rapzas da artística: Paula, Patricia e Alba; aos de producción: Anita, Adrián, Andrés e Fran; a Mar e Marta por cedernos as súas casas, a Santi, María e Luís e a Marcos,
Luís, Mary, Lidia, Álvaro, Usúe e David pola axuda, dedicación e paciencia. A tod@s gracias por facer realidade esta primeira parada do Pastor no apaixonante mundo cinematográfico.
E gracias a todos vos por ler este folleto.