Archive for the ‘Banda deseñada’ Category

Cóctel impactante

Xuntar conspiracións, imperios galácticos, vampiros, mutantes… todo cunha estética fabulosamente steampunk ten que ter un resultado impresionante.
Ese resultado é Ironwolf. O guión é de Howard Chaykin e John Francis Moore e a parte gráfica corresponde a Mike Mignola (responsábel de Hellboy) e P. Craig Russell.

ironwolf_portada

A historia é fascinante, chea de intrigas, violencia e vinganzas. Unha estrutura moi elaborada e un coidado na estética impresionante. Os ambientes palacianos, as vestimentas, as armas, as naves feitas de madeira e cobre… O deseño das personaxes tamén resulta abraiante, vendo uns vampiros moi próximos á estética gótica e mutantes que remiten aos super-heroes da Marvel ou de DC (compañía que lanzou esta novela gráfica).
Para o meu gusto, o enrevesado da trama topa cun final un tanto abrupto que pide unha continuación, mais este semella que non vai chegar.

ironwolf-06

En calquera caso é unha lectura moi recomendábel para calquera amante do xénero ou para quen se queira iniciar, aínda que para entrar de cheo no ambiente steampunk O Pastor recomenda encarecidamente a sensacional serie anime Last Exile.

Outra de Marlowe

Por se pensabades que xa me esquecera do cínico por antonomasia, aqui vai outra entrega.
Neste caso, Marlowe pasouse á banda deseñada.
A historia non é nova, pero o formato si, e foi unha sorpresa cando vin o exemplar na tenda. Sempre tivera curiosidade por ver como sería unha historia de Chandler
en debuxo, neste caso con debuxo americano dun ilustrador habitual de DC Comics (debuxou Gothan Central) e Marvel.
A historia está ben tratada e o debuxo en branco e negro fai que o ambiente non difira moito das versións cinematográficas, pero se hai algo que destacar é o ben conseguida que está a personaxe de Marlowe. Ten todos os tópicos, o seu cinismo, a súa aparente frialdade, as súas rrelacións amor-odio coas mulleres, etc. Só se botan en falta as copas de rigor. O dito un cómic moi entretido que chega a pouco (non é moi extenso) pero que se deixa desfrutar.