Archive for the ‘Anime’ Category

Colle o mando

Xa hai ben tempo que non falo por aqui de anime. Xa lle ía tocando. Posto que pasou tanto tempo dende a última vez, pois hoxe, por partida dobre. A primeira é unha recomendación e a segunda unha advertencia.
A recomendación é Basilisk: The Kouga Ninja Scrolls, un anime de Fumitomo Kizaki baseado no manga de Masaki Segawa. Ten 24 episodios e é do máis entretido e interesante que vin ultimamente. A historia narra a loita entre dous clans de ninjas. Cada clan defende a un dos fillos do shogun Tokugawa e así o clan gañador será herdeiro do Xapón. O anime non se estreou por estes lares pero circulan pola rede versións subtituladas en español e portugués.
É unha boa forma de pasar esas horas mortas no verán. Iso si, non vos pasedes porque todo é malo en grandes doses. Vale de exemplo esta curta arxentina que atopei por casualidade. Coidado co anime que ten unha capacidade moi forte de atracción. Non cheguedes ao punto destes arxentinos. Logo non digades que non aviso.
Xa me contaredes.

Máis de detectives

Estou pesado co tema, xa o sei. O caso é que da para moito. Falaba, mellor dito falabamos, estes días atrás de detectives; tanto nos comentarios coma noutros blogs. Os porqués da afección que nos suscitaban, o feito de que non pasen de moda, as iconas que perduran, en fin; os modelos básicos de linguaxe literaria e cinematográfica (sen excluír á banda deseñada por suposto) que foron creados nun momento dado coas novelas de detectives e que agora son referencia de múltiples obras. Ao falar da súa influenza, non nos podemos limitar á temática. Hai moitos aspectos que crearon escola, como o vestiario, as poses e a música. A que ven todo isto? Pois ven ao conto dunha serie anime que tiven oportunidade de ver recentemente e que me recordou constantemente a Hammett e Chandler, pero non na trama (nada a ver), senón nas descricións de personaxes e lugares. A serie en cuestión é Cowboy Bebop. Narra as aventuras duns cazadores de recompensas nun futuro próximo á estética ciberpunk (o propio termo Cowboy recorda a Gibson) pero con pequenos matices. Hai moitos elementos da novela negra americana nesta producción xaponesa: personaxes solitarias, afeccionadas ao bourbon, vestidas á moda dos anos 40; locais de jazz clandestinos, gángsters, etc.
É unha adaptación curiosa e aínda que non creo que sexa a intención principal da serie, parece unha recreación en clave futura dos ambientes Chandlerianos. Semellábame imposible desviar a mente das vellas historias ao visionar Cowboy Bebop.

Todos estes elementos reforzan se cabe máis aínda a idea da grande influenza que exerceron estas historias en toda a producción futura.