Archive for the ‘Animación’ Category

Anim 01

Impresionante esta homenaxe aos videoxogos coa que me atopei en flocos.tv

Realizada por Juan Lesta e Belén Montero, é un traballo moi vistoso e minucioso de animación stop-motion. En aproximadamente dous minutos, recrean varios clásicos do arcade colocando píxeis magnéticos de cores sobre un fondo escuro. Resulta moi curiosa a recreación, xa que levan o dixital ao terreo do analóxico para despois, por medio da animación, volvelo situar no dixital. A musica en 8 bits é fabulosa.

Wall·E

Levaba tempo querendo ver este filme do que escoitara falar marabillas pero que entre unhas cousas e outras non conseguía ver. teño que dicir que a impresión xeral foi moi boa.

A ambientación é fantástica, recorrendo á ficción científica máis tradicional, pero con detalles máis contemporáneos. Así, vemos un planeta ermo e devastado, con anuncios dunha vida mellor no espazo exterior -inevitabelmente lembrei o zepelín de Blade Runner-, grandes cidades baleiras e unha atmosfera de po e lixo. Hai elementos que lembran a producións máis recentes coma Minority Report ou I Robot. O simpático robot protagonista lembra un pouco a Curtocircuito, aquel que tivera o seu momento de gloria nos oitenta (Bonnie Tyler aínda me lembra esas pelis), pero máis baixiño, menos cansino e máis compacto. O labor de deseño de Wall·E está moi conseguido. Ten unha amiga moi particular, unha cascuda, que como todos e todas sabemos, poden resistir a radiación.

A historia non é demasiado orixinal pero si moi entretida. Nótase a man de Disney, que crea un estraño ser con Pixar. Mestúrase o humor e as referencias cinéfilas duns co sentimentalismo algo podre da compañía de Eisner. Sorprendeume que un robot que se acha só na terra desfrute vendo unha e outra vez Hello, Dolly! e ensaie números muscais.

Polo demais, un alegato ecolóxico de primeira orde e un traballo de deseño e animación dos que paga a pena contemplar.

Redefinir a aimación

The Mysterious Geographic Explorations of Jasper Morello é unha serie de curtametraxes de animación levadas ao cabo polo australiano Anthony Lucas. A primeira delas, Jasper And The Lost Airship é de 2005 ainda que na súa web– que por certo é marabillosa a nivel estético- anuncian outros tres episodios máis das aventuras de Jasper. Eu non achei por ningures información da existencia deses outros tres episodios (o cal non quere dicir que non existan), polo que é posíbel que a produción estea parada ou canda menos aprazada.
A animación é unha mestura de animación tradicional e dixital. O resultado é unha estética propia moi alonxada da Pixar ou dos Animes, aínda que a nivel temático estea próxima a estes últimos. Os personaxes son apenas sombras que vagan por escenarios cheos de engranaxes, torcas, trabes, armazóns metálicas e hélices en brancos, negros e grises aínda que un lixeiro filtro sepia. As figuras alongadas recordan un tanto ás dos filmes de Tim Burton, pero teñen un aspecto máis plano.
A historia narra a viaxe nunha nave-barco que viaxa impulsada por unha serie de hélices impulsadas por vapor -por iso o da cercanía aos animes steampunk– polos descoñecidos mares aéreos. A nave parte dunha metrópole asolada por unha estraña epidemia que está aniquilando á poboación cos tripulantes, Jasper que é quen orienta a viaxe e un misterioso científico. A fin da viaxe é atopar un remedio para a epidemia.

Colle o mando

Xa hai ben tempo que non falo por aqui de anime. Xa lle ía tocando. Posto que pasou tanto tempo dende a última vez, pois hoxe, por partida dobre. A primeira é unha recomendación e a segunda unha advertencia.
A recomendación é Basilisk: The Kouga Ninja Scrolls, un anime de Fumitomo Kizaki baseado no manga de Masaki Segawa. Ten 24 episodios e é do máis entretido e interesante que vin ultimamente. A historia narra a loita entre dous clans de ninjas. Cada clan defende a un dos fillos do shogun Tokugawa e así o clan gañador será herdeiro do Xapón. O anime non se estreou por estes lares pero circulan pola rede versións subtituladas en español e portugués.
É unha boa forma de pasar esas horas mortas no verán. Iso si, non vos pasedes porque todo é malo en grandes doses. Vale de exemplo esta curta arxentina que atopei por casualidade. Coidado co anime que ten unha capacidade moi forte de atracción. Non cheguedes ao punto destes arxentinos. Logo non digades que non aviso.
Xa me contaredes.

Penso, LEGO existe!

Vía o outro día nos dominios do Moucho un videoclip duns holandeses de nome Elexorien, que a falla de cartos para unha superprodución, botaron man da imaxinación e o Lego. O video fíxome recordar (ademáis de a miña época de pastorciño) uns clips que vira nalgunha época de ocio na que pasaba moitas horas navegando pola rede. Deixovos aquí un par deles que me fixeron especial gracia.
O primeiro é unha recreación do vídeo do Thriller de Michael Jackson, vídeo por outra banda moi versionado. O vídeo inclúe ao principio a peli que estaban proxectando no cinema. O clip tal como o coñecemos pola TV non comeza até o minuto 4 máis ou menos.

Neste outro vemos como sería o GTA en Legoland. Tampouco ten perda.

Máis de detectives

Estou pesado co tema, xa o sei. O caso é que da para moito. Falaba, mellor dito falabamos, estes días atrás de detectives; tanto nos comentarios coma noutros blogs. Os porqués da afección que nos suscitaban, o feito de que non pasen de moda, as iconas que perduran, en fin; os modelos básicos de linguaxe literaria e cinematográfica (sen excluír á banda deseñada por suposto) que foron creados nun momento dado coas novelas de detectives e que agora son referencia de múltiples obras. Ao falar da súa influenza, non nos podemos limitar á temática. Hai moitos aspectos que crearon escola, como o vestiario, as poses e a música. A que ven todo isto? Pois ven ao conto dunha serie anime que tiven oportunidade de ver recentemente e que me recordou constantemente a Hammett e Chandler, pero non na trama (nada a ver), senón nas descricións de personaxes e lugares. A serie en cuestión é Cowboy Bebop. Narra as aventuras duns cazadores de recompensas nun futuro próximo á estética ciberpunk (o propio termo Cowboy recorda a Gibson) pero con pequenos matices. Hai moitos elementos da novela negra americana nesta producción xaponesa: personaxes solitarias, afeccionadas ao bourbon, vestidas á moda dos anos 40; locais de jazz clandestinos, gángsters, etc.
É unha adaptación curiosa e aínda que non creo que sexa a intención principal da serie, parece unha recreación en clave futura dos ambientes Chandlerianos. Semellábame imposible desviar a mente das vellas historias ao visionar Cowboy Bebop.

Todos estes elementos reforzan se cabe máis aínda a idea da grande influenza que exerceron estas historias en toda a producción futura.