Pesadelo (antes) de Nadal

BSO- The Nightmare Before Christmas

Para ser certos, os pesadelos soen vir por culpa das enchentas que adoito meterlle ao meu corpo a noite antes do Nadal, mais os pesadelos son constantes.

Sabedes que é peor que un altofalante con panxoliñas todo o día ao carón da fiestra do teu cuarto? Pois que se repitan até o infinito e que ademais sexan estrañas versións discotequeiras de panxoliñas aborrecíbeis e… cal é o superlativo de ñoño? Pois iso.
Tamén é un pesadelo, este conceptual, o sentido da decoración que teñen os amábeis conveciños, vin un feixe de renos famélicos e pais nadais a piques de morrer en accidente laboral por non levar posto o arnés de seguridade. O das luces de cores xa me supera, o outro día, conducindo pola noite, non sabía se que aumentara o número de puticlubs da estrada ou que a Guardia Civil decidira saír do armario e montar unha tremenda festa.

En fin, que non todo pode ser bo, e as vacacións hai que pagalas dalgún xeito, así que intentade pasar o mellor que poidades estes días.

Eu fareino. E agardarei polos novos filmes de TIm Burton pacientemente.

Mamá quero ser pintor

O outro día tiven a oportunidade de descubrir unha das curtometraxes de fins dos sesenta do meu admiradísimo David Lynch. Non sei por que, pero non se me ocorrera buscala en Youtube. Para aforrarvos tempo, eis o vídeo.

Penso que neste tipo de traballos da súa primeira época é onde mellor se aprecia esa dualidade entre o artista plástico e o desexo de realizar películas. Calquera que estea familiarizado minimamente coa filmografía deste grande do cinema, pode apreciar os seus impulsos pictóricos e o seu gusto polo subxectivo, polo visual, polo distorsionado, polo abstracto… Lynch non é só ese cineasta indescifrábel que as máis das veces deixa ao espectador atónito ou desconcertado, é unha voz propia no mundo da experimentación coa narrción e coa dirección artística.

En fin, penso que poderiamos falar dun pintor de filmes.

Manifesto ‘En defensa dos dereitos fundamentais en Internet’

Ante a inclusión no Anteproxecto de Lei de Economía sustentábel de modificacións lexislativas que afectan o libre exercicio das liberdades de expresión, información e o dereito de acceso á cultura a través de Internet, os xornalistas, blogueiros, usuarios, profesionais e creadores de internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que…

1.- Os dereitos de autor non poden situarse por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.

2.- A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir a ser competencia exclusiva do poder xudicial. Nin un peche sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 da Constitución, pon nas mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do Ministerio de Cultura-, a potestade de impedir aos cidadáns españois o acceso a calquera páxina web.

3.- A nova lexislación creará inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, obstaculizando a creación de empresas, introducindo atrancos á libre competencia e ralentizando a súa proxección internacional.

4.- A nova lexislación proposta ameaza os novos creadores e obstaculiza a creación cultural. Con Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizáronse extraordinariamente a creación e a emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen prevalentemente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.

5.- Os autores, como todos os traballadores, teñen dereito a viviren do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Tentar soster con cambios lexislativos unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a este novo contorno non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se baseaba no control das copias das obras e en Internet non é posíbel sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían procurar outro modelo.

6.- Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobrevivir alternativas modernas, eficaces, críbeis e asequíbeis e que se adecúen aos novos usos sociais, en lugar de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para o fin que din perseguir.

7.- Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga a ser libre.

8.- Esiximos que o Goberno garanta por lei a neutralidade da Rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sostíbel e realista de cara ao futuro.

9.- Propoñemos unha verdadeira reforma do dereito de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolver á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10.- En democracia as leis e as súas modificacións deben aprobarse tras o oportuno debate público e tendo consultado previamente todas as partes implicadas. Non é de recibo que se realicen cambios lexislativos que afectan a dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que versa sobre outra materia.

NOTA: Este manifesto foi redactado conxuntamente por xornalistas, blogueiros e internautas, nunha maratoniana sesión durante a tarde-noite de onte. Se estás de acordo, difúndeo por todas as vías que poidas.

Poesía multimedia

Onte no Ultramarinos compostelán vivimos unha noite moi especial. A cita tiña como obxectivo a loita contra a violencia de xénero. Foi, como ven rezaba o anuncio do pub, unha noite multidisciplinar. Contamos coa presenza de varios poetas coma Alba Méndez, Oscar Antón Pérez, Alberte Momán, Rosa Enríquez, Mario Regueira, Cruz Martínez, Lucía Novas, Iolanda Aldrei, Rosa Martínez e Lorena Souto. É moi posíbel que me esqueza de algunha ou algún, mais non levaba lápis nin bloc (cousa rara en min, por certo). Contamos tamén coa sempre formidábel actuación de Paula Carballeira que animou a noite cun conto de orixe finlandesa e que fixo rir e participar a todo o local. A noite foi completada por unha fermosa combinación musical ao cargo da guitarra con aires de bossa de Héctor Lorenzo e a fermosísima voz de Najla Shami que interpretaron tres pezas.

De todo o que alí pasou, houbo algo que á miña alma eléctrica e experimental chegou fondo. Foi a intervención de Lorena Souto, que recitou un marabilloso poema acompañado dunha montaxe audiovisual que mesturaba a máxia cinematográfica de Bergman coa experimentación sonora de Mogwai. Eu sempre fun moi devoto destas mostras de creatividade interdisciplinares e multimediáticas. Coido que grande parte do futuro da poesía pasará por ese camiño -ollo, non estou a dicir que a poesía tradicional vaia desaparecer nin nada apocalíptico- posto que a poesía, en tanto que poesía en directo, achégase tanto á performance, que non pode permanecer allea ás tendencias performativas actuais que pasan polo dixital e pola experimentación interdisciplinar.

Cómpre que as tecnoloxías se fusionen coa poesía para así crear novas formas de expresión. O dixital está aí, só fai falla descubrilo.

Para rematar quería agradecer ao Ultramarinos e a Alberte Momán que organizasen este evento que por riba de todo quería dicir ben forte que non estamos dispostos a pasar por alto a violencia machista.

Unha noite de película

2459733138_256824f97a

Foto de Joi

De película foi o vendaval acompañado de lóstregos e chuvia que contemplabamos atónitos os que nos atopabamos na cafetaría do Burgo das Nacións momentos antes do inicio do concerto que abría o ciclo Sons da diversidade” 09 10.

Tamén foi de película o concerto que tivemos a sorte de presenciar. O pianista xaponés Ryuichi Sakamoto deleitou ao público cun recital exquisito e soberbio que durou preto de dúas horas. O nipón fixo gala dun magnífico gusto á hora de combinar o electrónico co analóxico, o minimalista co requintamento barroco, a tradición musical xaponesa coa música máis de vangarda.

Moi próximo á performance, unha xigantesca pantalla emitía xogos lumínicos e mensaxes en prol do activismo ecolóxico. A mestura do dixital (tanto no visual coma no acústico) non deixou indiferente a ninguén. Mesmo houbo quen se emocionou até o punto de chegar a deixar escapar unhas bágoas ante o que para min foi un exercicio de mestría musical sen igual; capacidade para emocionar, chegar ao fondo do público e crear unha linguaxe propia cos teclados.

Sakamoto mostrouse sobrio en todo momento, meticuloso e respectuoso co público que unha e outra vez ovcionaba a súa actuación (até tres veces tivo que retomar co recital) que chegou até as dúas horas de duración contando cos bises. Dúas horas nas que ninguén ficou indiferente. En resumo, un pracer para todos os sentidos.

Por que é importante o software libre?

Hai uns días recibiamos unha noticia pésima, o desmantelamento de Mancomun por parte da nova executiva da Xunta (chamarlle goberno galego é demasiado eufemístico).

Tras esta nova supoño que haberá oscuras intencións políticas (adoitan ser escuras todas cantas decisións se toman ultimamente), mais o que non se pode facer é mentir e aducir que o desmantelamento obedece á famosa política de austeridade da Xunta. A Xunta (ao igual que o goberno do Estado) gasta millóns e millóns de euros en licencias de software privativo e en técnicos que arranxen os innumerábeis problemas que este trae consigo.

Cando ti (neste caso a administración) mercas un equipo, estás pagando unha licencia a Microsoft polo uso do seu sistema operativo Windows. O problema é que ese uso é restrinxido, non hai un acceso ao código fonte do programa, polo que, se algo non funciona ben, non podes amañalo ou aprender o por que dese mal funcionamento. É dicir, estás a pagar por un servicio que está limitado e sobre o que non tes elección de escolla primeiro nin modificación despois. Ven imposto. Imaxinade un mundo no que se mercaras un coche, viñera cun motor idéntico ao dos outros modelos de coches, motor que en caso de avaría non poderías arranxar xa que non poderías abrir o capó. Isto é o que pasa co software propietario ou privativo.

O software libre pola contra, pode custar cartos ou non, pero tes dereito e liberdade de usalo coma ti precises. Se queres adecualo ás túas necesidades eres libre para facelo. Por iso a Xunta debería apostar por esta modalidade, o custo de instalación e mantemento veríase reducido notabelmente e poderíanse adecuar os equipos ás necesidades da sanidade, educación, burocracia en xeral… O mantemento dunha oficina de desenvolvemento e soporte de software libre é infinitamente menor ao custo de pagar licencias de programas e sistemas operativos propietarios. Ademais, os programas estaría feitos á medida das necesidades da administración.

O software propietario pon trabas á evolución e aos avances técnicos, un grupo de desenvolvemento de software libre aporta novidades e utilidades para a comunidade de usuarios, que poden á súa vez, seguir mellorando e adecuando o software ás súas necesidades.

É unha mágoa que un proxecto tan innovador no noso país e de tanta valía vaia caer no limbo por culpa do analfabetismo informático (e ganas de borrar todo o traballo anterior) duns cantos gobernantes que gastan 137.000€ en facer un blogue.

A palabra liberdade, hoxe en día luxada por aqueles que se disfrazan de vítimas, é moi necesaria no software. Se un non é libre de controlar o seu computador, o seu computador domínao a el.

Volver á realidade

Xa se acabou a boa vida, a folganza. Agora volve a dura realidade; a cotidianiedade, os cartos, os analxésicos e mais as presas. Os malditos cartos, billetes que só serven para facer máis billetes -se os tes- ou para ter que botar man dos analxésicos -se non os tes-.
Hoxe é sábado e a realidade deume unha couce na face. O sangue é tan mesto que apenas podo ver o imbécil que son por preocuparme de cousas que nin sequera sei por que teñen que preocuparme. Algún día verei unha luz ao fondo dun túnel, non sei se quererá dicir que estou morto ou que achei a solución a todo aquilo que non comprendo. Seremos tan parvos que en centos de miles de anos de existencia aínda non somos capaces de distinguir o que é real do que non o é? Eu dubídoo a miúdo.
O outro día atopei un billete de 20€, estaba roto. O meu privilexiado cerebro interpretouno coma un símbolo da miña relación coa economía. Así que o tirei no mesmo lugar onde o achei.
Copiei un cd que me deixou un amigo. É unha merda, pero saíume barato. A discográfica chámame pirata, non o entendo, eu merquei o meu cdrom, o meu amigo non me cobrou nada porque somos colegas. É piratería obter mercancía a coste cero por parte dun vendedor coñecído? Ao fin e ao cabo non fun á discográfica a copiar o cd dun dos seus. Cheguei á casa e fixen un bocata de lombo adubado con bacon e queixo fresco fundido, copieino do Pans&Company, eu bótolle pementa e ourego porque non sei que especies leva o orixinal. Teño medo de que me denuncien por copiarlles o bocata para consumo propio. Seica está penado con multas moi altas. Putos cartos!
Non entendo nada.
Dóeme a cabeza vou rematar a botella de bourbon, seguro que logo me hei sentir mellor.

Cóctel impactante

Xuntar conspiracións, imperios galácticos, vampiros, mutantes… todo cunha estética fabulosamente steampunk ten que ter un resultado impresionante.
Ese resultado é Ironwolf. O guión é de Howard Chaykin e John Francis Moore e a parte gráfica corresponde a Mike Mignola (responsábel de Hellboy) e P. Craig Russell.

ironwolf_portada

A historia é fascinante, chea de intrigas, violencia e vinganzas. Unha estrutura moi elaborada e un coidado na estética impresionante. Os ambientes palacianos, as vestimentas, as armas, as naves feitas de madeira e cobre… O deseño das personaxes tamén resulta abraiante, vendo uns vampiros moi próximos á estética gótica e mutantes que remiten aos super-heroes da Marvel ou de DC (compañía que lanzou esta novela gráfica).
Para o meu gusto, o enrevesado da trama topa cun final un tanto abrupto que pide unha continuación, mais este semella que non vai chegar.

ironwolf-06

En calquera caso é unha lectura moi recomendábel para calquera amante do xénero ou para quen se queira iniciar, aínda que para entrar de cheo no ambiente steampunk O Pastor recomenda encarecidamente a sensacional serie anime Last Exile.

O cartelismo antes do Photoshop

Herbert Bayer foi un dos destacados alumnos da Bauhaus , onde recibiu as ensinanzas de Kandinsky entre outros. A fotografía axiña colleu auxe nos seus traballos e converteuse nun dos máis importantes e influíntes deseñadores publicitarios, sendo xefe de deseño da revista Vogue na súa sede berlinesa.

Bayer destacou por ser fotógrafo, pintor, escritor, aequitecto, paisaxista… A súa obra destaca por un forte influxo do superrealismo. É unha obra moi impactante se temos en conta que o proceso de creación non contaba coa asistencia informática coa que hoxe en día todo debuxante, fotografo e deseñador conta.

Tras do ascenso do nazismo en Alemaña, exiliouse nos Estados Unidos onde seguiu coa súa magnífica e orixinal produción. No ano 1938 organizou a exposición e o catálogo Bauhaus 1910-1928 no MOMA de Nueva York. Entre outras cousas, creou unha fonte sans serif chamada Archtype Bayer.

A súa obra ten unha forza visual moi forte e impactante e semella imposíbel non pensar nos modernos traballos de render e montaxe informáticos ao contemplala. Como mostra estas dúas imaxes que me parecen impresionantes.

Soidade do cidadán, 1932

Soidade do cidadán, 1932

metamorphosis

Metamorfose. 1936

Interesante xogo narrativo

costa_norteA derradeira novela de Xurxo Borrazás, Costa Norte/ZFK, deixoume un sabor agridoce, cecais porque estaba condicionado pola mala crítica que un amigo fixera dela. Porén, foi unha lectura da cal desfrutei moito. Non é moi constante en canto á atención que esixe do lector pero sorprendeume o xeito de formular unha historia a medio camiño entre as novelas post-apocalípticas, o xornalismo de investigación e o realismo combativo. Por outra banda, non acabei de gostar da modalidade narrativa. Mais iso é cuestión de gustos…

Dous fluxos temporais fúndense para facer unha crítica á falta de respecto ecolóxico e atentados contra a natureza e os habitantes do eixo Carballo – A Coruña. A narración intercalada responde a un patrón ao que xa nos ten acostumados Borrazás, así coma a un tratamento crú da intimidade das personaxes protagonistas. O constante cambio de punto de vista narrativo e modalidade, fai máis áxil a lectura dunha historia que (a min polo menos) engancha dende as primeiras follas.

A distopía plantexada amósase moi interesante e na liña dos clásicos mundos futuros devastados, chega a crearse un clima moi similar ás grandes historias apocalíptico-nucleares dos anos cincuenta, mais as referencias topográficas e o persoal estilo de Borrazás devólvennos moi rápido á casa.

Unha historia en xeral moi entretida, moi profunda e que invita á reflexión.